xoves, 24 de xuño de 2010

Amancio Prada, J.C. Mestre e un numeroso grupo de bercianos súmanse á solicitude de Morales 2011


Un nutrido e coñecido grupo de escritores bercianos e de persoas ligadas á cultura asinan unha nova petición conxunta dirixida á Academia Galega solicitando que Fernández Morales sexa homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas. Asinan este texto dende o coñecido cantautor Amancio Prada ata Juan Carlos Mestre, premio nacional de poesía no 2009 ou César Gavela entre outros representativos do mundo da cultura no Bierzo. Na listaxe de autores están tamén o escritor e cineasta Valentín Carrera ou a poeta Carmen Busmayor. Remitimos á listaxe enteira que aparece xunto co texto que remitiron á RAG continuación:



As persoas que asinan solicitude queren manifestarlle o seu apoio á petición realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo ano, 2011, sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales, autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861).
Varios son os argumentos que quixeramos expoñer brevemente para asentar dita petición que consideramos tamén nosa. O do valor literario da obra, o de ser fieis a día de hoxe ás intenciois que levaron a Morales a escribila e, finalmente, o enriquecemento que esta iniciativa supón tanto para os bercianos como para os galegos do presente século.
O primeiro que resaltamos é o valor intrínseco deste libro, equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos. Destacaríamos que é, sen dúbida, un dos mellores cantos que se teñen escrito á terra berciana no século XIX. Está conformada por un conxunto de poemas que se encontran entre os máis antigos do movemento literario chamado Rexurdimento, escritos e editados no ano 1861, aínda que será dous anos despois cando dá comezo oficialmente dito movemento, un 17 de maio de 1863, data na que se publican os “Cantares Gallegos” de Rosalía (motivo polo cal se celebran nesta data o Día das Letras Galegas). Dáse a feliz circunstancia a ter en conta de que no 2011 se cumpren polo tanto os 150 anos da súa publicación.
Morales, por outra parte, é autor dunha fermosa creación literaria baseada na fala natural das súas xentes, das máis humildes. Levado polo amor que demostra pola fala dos bercianos do XIX, o poeta no prólogo dunha obra non pequena ( falamos de varios miles de versos ) comenta en canto as súas intenciois: “legar á posteridade” certos costumes do Bierzo
para “dar unha idea rica do subdialecto que nel se fala”. “O dialecto… non está en exercicio entre la clase culta da sociedade berciana, quedando relegado ao exclusivo dominio das masas”. Trata logo de facer da tradición literatura, recoñecendo á vez, tanto o seu uso na comarca en tempos remotos, como o seu valor, unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra, ademais de ser o berciano un subdialecto do galego do vai procurar usar as fórmulas máis puras.
Finalmente debemos constatar que, homenaxear a Antonio Fernández Morales o Día das Letras do próximo ano, é unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación deste aporte berciano á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos.
Rematar estes breves apuntamentos que acompañan a nosa solicitude, destacando algo que por obvio non quixeramos deixar de citar. Esta celebración axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras facilitar a súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) co acordo das administraciois implicadas de Castela e León e de Galicia.

Asinan este escrito:
Amancio Prada, músico
Juan Carlos Mestre, poeta
César Gavela, escritor
J. Antonio Balboa, historiador
Carmen Busmayor, escritora
Valentín Carrera, cineasta
Germán Valcarce, xornalista
Ester Folgueral, poeta
Miguel Varela, teatro Bergidum
Luís Paradelo, escritor
Elena Soto, poeta
Manuel Cuenya, escritor
Fermín López Costero, escritor
J.A. Robés, fotógrafo
Ricardo López Témez, xornalista
Mar Palacios (Instituto de Estudios Bercianos)
Héctor Silveiro, Comisión Martín Sarmiento
Paco Macías, editor

O Bierzo, 24 de xuño de 2010.

Este escrito circula xa pola rede en A Morteira ou Bierzodiario

mércores, 23 de xuño de 2010

Morales 2011 recibe novos apoios dende o Bierzo

Varios entes culturais do Bierzo acaban de facer público o seu apoio á solicitude de Morales para as Letras Galegas do 2011. Trátase de entes tan prestixiosos como o Instituto de Estudios Bercianos ou tan coñecidos na reivindicación do galego no Bierzo como Asociación cultural Escola de Gaitas de Vilafranca, Fala Ceibe ou Xarmenta e Vagalume, a asociaciois ligadas ao traballo co medio ambiente como A Morteira, a recuperación e a dinamización da cultura no rural, Asociación Taxus, ao que hai que engadir o propio colectivo dos docentes de lingua galega no Bierzo.

sábado, 19 de xuño de 2010

OS ACADÉMICOS CORRESPONDENTES APOIAN A PROPOSTA DE MORALES 2011


A continuación colgamos aquí o texto que remitiron os Académicos correspondentes da Galicia non administrativa de Carlos Aenlle do Eo-Navia de Asturias, Felipe Lubián das Portelas de Zamora e Domingo Frades do Val do Ellas de Estremadura, apoiando a solicitude dirixida á ACADEMIA GALEGA feita dende o Bierzo polo seu compañeiro Héctor Silveiro para que Antonio Fernández Morales sexa o autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas do 2011. Podedes ver en Vieiros tamén unha nota facéndose eco da proposta.

A/A do Excmo. Sr. D. Xosé Luis Méndez Ferrín:
Vilafranca do Bierzo 15 xuño 2010

Estimado Sr. Presidente da Real Academia Galega:

É para min unha honra e un pracer, ademais dun deber, o feito de redactar este escrito dirixido á Real Academia Galega, escrito que asinaremos e remitiremos colectivamente os académicos correspondentes (aínda que cada quen dende o seu lugar de residencia), académicos que con bo, xeneroso e xusto criterio foron nomeados no seu día pola Institución que vostede tan acertadamente preside para representar ás terras galegofalantes, irmás na lingua, mais pertencentes hoxe ás Comunidades Autónomas de Castela e León, Asturias e Estremadura.
O motivo deste escrito é o de solicitar da RAG que o próximo ano 2011 o Día das Letras Galegas se lle dedique a un escritor nado en Astorga, coma tamén o fixo Marcelo Macías, Andrés Martínez Salazar ou Martínez Risco, pero berciano coma o Padre Sarmiento, Fermín Penzol ou Ramón González Alegre; estremeiro coma o eonaviego Armando Cotarelo Valledor ou coma a valverdeira Isabel López Lajas…todas elas figuras indispensables sen as que a cultura galega non se pode concibir. Trátase do autor Antonio Fernández Morales que nos legou os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861), quen “por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo”, como ben asegura o profesor Anxo Angueira nunha edición recente desta obra.

D. Antonio Fernández Morales (1817-1896) a pesar de nacer en Astorga, residiu dende pequeno e unha gran parte da súa vida en Cacabelos, onde aprendeu galego na convivencia diaria cos seus veciños. Militar liberal e progresista (entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui), foi gobernador militar de varias provincias españolas e entre outros cargos políticos, foi Deputado Provincial pola “Provincia” de Vilafranca no ano 1872, lugar onde coñecera en 1847 ao filólogo catalán Mariano Cubí, quen o animara a escribir en galego. A pesar dos distintos destinos e ascensos, sempre tivo casa no lugar que consideraba a súa terra, en Cacabelos, onde finalmente foi soterrado no cemiterio da Edrada o 16 de agosto do 1896.
As razóns, ou “razois” como el mesmo diría, nas que baseamos esta solicitude quixémolas sustanciar en dous piares básicos no presente escrito: o do valor literario que para a Historia da Literatura Galega ten a súa obra e a significativa proclama a prol da Lingua Galega que realiza como baluarte natural e propio da identidade que comparten neste caso o Bierzo e Galicia, ademais de convertelo nun claro valor referencial á hora de representar nesta ocasión aos galego-estremeiros.
Unha primeira razón aséntase, en sentido estrito, no autor e na súa obra porque cremos que homenaxear a Fernández Morales, redunda nun dos obxectivos que a celebración das Letras Galegas persegue: o de promover o estudo e a difusión de obras e autores, que a pesar de seren merecedores de tal honra, non foron ata o momento, polos motivos que fose, o suficientemente divulgados e o seu coñecemento aínda está limitado a ámbitos moi concretos e marxinais. Antonio Fernández Morales encaixa perfectamente nese perfil, sendo un clarísimo expoñente do movemento literario que consolida o chamado Rexurdimento das nosas Letras e o mellor representante deste movemento para o Bierzo, que agroma, como é ben sabido, non no ano 1863, senón dous anos antes da publicación dos Cantares de Rosalía, dándose a feliz coincidencia que no ano que vén cumpre precisamente o seu 150 aniversario.
Este autor, aínda insuficientemente investigado, de calidade comparable a autores contemporáneos, como X. M Pintos ou Antonio de la Iglesia, é o creador dalgúns dos poemas “máis antigos do Rexurdimento” sendo especialmente peculiar a súa obra por ser esta inspirada, non tanto no espírito de dignificación de Galicia ( casos de Añón, de Rosalía, Curros ou Pondal), como si pola necesidade de “legar á posteridade” unha lingua ( se cadra habería que falar mellor dun dialecto) comprendida como unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra. Coincide así cos autores citados anteriormente no interese por concienciar deste xeito aos seus lectores sobre a identidade do seu pobo. Como deixou dito no ano 97 Antón Santamarina nunha achega que fixera nas IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, todos estes poetas “converten o costume e a tradición en literatura”. Os “cachois” que serven de feraz aporte lexicográfico son outro elemento singular a ter en conta como un valor intrínseco deste libro, como ben asegura no seu exhaustivo estudo a profesora Rosario Álvarez Blanco. É pois necesario incorporar plenamente ao elenco de autores do rexurdir literario das nosas Letras a alguén que se ignorou tanto no pasado (no libro dos Precursores de Murguía non se cita a Morales) como se ignora no presente (os libros de texto, as antoloxías, etc…) a pesar dos esforzos realizados por parte de estudosos como Angueira, Santamarina, Balboa e non tan recentemente por Carré Aldao, e a pesar das referencias de Carballo Calero que se nos antollan máis negativas e un tanto parciais.

Hai unha segunda razón que quixeramos expoñer pensando na terra e ás xentes ás que outorga tanto protagonismo a obra de Morales e facendo unha lectura máis ideolóxica da mesma. O cacabelense que invita no prólogo aos seus lectores bercianos e foráneos a recuperar o uso escrito dos dialectos tamén deixa patente a súa preocupación pola situación cultural e política do Bierzo. Como ben apuntou o historiador berciano J.A. Balboa participa dos mesmos principios que alimentaron o Rexurdimento, léase laicismo, liberalismo, progresismo e democracia, para devolverlle neste caso ao Bierzo a dignidade cultural e lingüística, a conciencia da súa identidade.

Efectivamente será Morales quen lle lembre ás xentes do Bierzo literalmente e dende o seu prólogo que o berciano é un subdialecto galego, o que une ineludible e intimamente a esta Comarca con Galicia, outorgándolle ao idioma ese valor esencial da cultura e símbolo transcendente da súa individualidade, que a toda costa pretende se faga evidente aos seus lectores. Será talvez esta outra das razóns, non confesadas, polas que escolle a fala do Bierzo Baixo (a que el mellor coñecía) sobre todo porque é a que o sitúa dun xeito máis imparcial ante a histórica disputa entre Castela e Galicia polo territorio. O cidadán berciano sábese fronteirizo e territorio de vello disputado, lémbrallo o mesmo Morales nuns dos seus versos máis citados referidos a Vilafranca, a capital histórica da Provincia que uniu, administrativamente e por breve espazo de tempo, as terras xa de por si próximas do Bierzo e Valdeorras :

"Cual tesoro q’a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta”


O noso autor lonxe de incitar ou promover este conflito, no que, como home político que era, tiña opinión, sen deixar de citalo, axiña volve a súa vista cara a lingua e redobra os seus esforzos en darlle cobertura escrita a fala e aos costumes como soporte de identidade cultural para o Bierzo. Poñamos tamén nós á atención nestes aspectos referentes á situación da lingua nesta comarca.

Se ben a Real Academia deu un primeiro paso transcendental para o recoñecemento do galego no Bierzo, puideramos dicir que institucionalizou o galego como idioma propio para os bercianos do século XXI, (e daquela tamén para algúns galegos desmemoriados), ao organizar unha sesión en homenaxe a Sarmiento en Vilafranca, e quixo deixar constancia da súa preocupación pola lingua máis aló do Cebreiro; logo, a RAG deu outro paso cara adiante nomeando a académicos correspondentes nos territorios galegofalantes situados fóra da Galicia administrativa e ratificando o seu dereito a intervir na defensa do galego nestas terras. Agora a Academia celebrando o Día das Letras na honra de Morales dará un paso máis, firme e contundente, na defensa da lingua, facendo visible a propios e estraños que esta lingua é patrimonio natural do Bierzo, pois é o autor dos ensaios en dialecto berciano o homenaxeado e á vez patrimonio común que comparte Galicia con todos os territorios de fala galega.

É pois unha razón poderosa para reclamar esta celebración na terra de Fernández Morales no presente século, ademais dunha gran oportunidade de que avance o camiño da reconciliación coa identidade que está realizando o Bierzo á hora de incorporar o galego ao ensino en colexios e institutos máis de mil familias de xeito voluntario, á hora de ser recoñecido polo seu Consello Comarcal ou lograr que apareza mesmo na lexislación da Comunidade Autónoma á que pertence; que se constitúa, nesta ocasión, en algo máis que un acto puntual ou anecdótico, que asente o galego como un baluarte irrenunciable da súa identidade, e de novo impulsado por unha institución como a RAG, respectable e respectuosa, cargada de responsabilidade e sentido común, que por riba dos prexuízos que hoxe aínda manifestan moitos, dentro e fóra do Bierzo e de Galicia, ten como singular cometido velar pola saúde deste idioma alí e onde se fala. Unha garantía e unha consecuencia máis do seguimento coherente do labor que a propia Academia instaurou con relación aos territorios que falan galego fóra da Galicia administrativa.

Esperando e agradecendo de antemán que esta iniciativa chegue a bo porto na sede da Rúa Tabernas da Coruña e sexa acollida coa mesma ilusión coa que a estamos a impulsar dende os territorios galegofalantes que humildemente representamos e que xa conta con numerosos apoios e pronunciamentos.
Saúdalle atentamente,

Héctor M. Silveiro Fernández
Académico correspondente do Bierzo da RAG

domingo, 13 de xuño de 2010

CAMPAÑA DE APOIO Á SOLICITUDE DE MORALES PARA AS LETRAS 2011

Comezou a campaña de apoio á solicitude á REAL ACADEMIA GALEGA para que sexa Antonio Fernández Morales o escritor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas do 2011

A continuación colocamos unha carta modelo das que están circulando para que podedes persoalmente copiar, encher e remitir á RAG a esta dirección de correo: secretaria@realacademiagalega.org o texto é o que segue:


A/A DA PRESIDENCIA DA REAL ACADEMIA GALEGA

NOME E APELIDOS………………………………………………………………………………

profesión …………………………………

Localidade …………………………………

Retomando unha solicitude xa realizada ao anterior Presidente da Academia nun acto no Bierzo no ano 2007 no que se propoñía simplemente se considerase nunha data futura sen concretar a Antonio Fernández Morales como autor digno de ser tomado en conta para a celebración do Día das Letras Galegas, diríxome á institución que vostede preside co fin de solicitar que a RAG propoña a este poeta berciano como figura para ser homenaxeada no próximo ano, 2011, no Día das Letras Galegas coincidindo co cento cincuenta aniversario da publicación do seu libro “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861), libro publicado dous anos antes dos “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, obra de gran interese como precursor da escrita en galego do Rexurdimento, un importante aporte a este período realizado dende o Bierzo galegofalante.
Fernández Morales nado en Astorga, viviu dende pequeno e unha gran parte da súa vida en Cacabelos, onde aprendeu galego na convivencia diaria cos seus veciños, do mesmo xeito que hoxe fan voluntariamente nos centros de ensino do Bierzo máis de 1000 alumn@s co apoio das súas familias(como seguramente vostede sabe) para así formar parte do seu acervo cultural.
Morales era militar liberal e progresista (entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui), foi gobernador militar de varias provincias españolas e entre outros cargos políticos, foi Deputado Provincial por Vilafranca no ano 1872, lugar onde coñecera en 1847 ao filólogo Mariano Cubí, quen o animara a escribir en galego. A pesar dos distintos destinos e ascensos, sempre tivo casa no que consideraba a súa terra, en Cacabelos, onde tamén foi soterrado no cemiterio da Edrada o 16 de agosto do 1896.
Agradecémoslle pois que faga o posible para que esta solicitude humilde e sincera feita co mellor dos propósitos para o futuro da lingua galega no Bierzo sexa finalmente unha realidade o próximo maio do 2011.


En ………………………… a ………. de maio 2010

mércores, 12 de maio de 2010

UXÍO NOVONEYRA E O BIERZO


Con motivo das Letras Galegas 2010 quixeramos facer unha lembranza da figura de Uxío Novoneyra e o BIERZO, utilizando as súas palabras, as que el mesmo pronunciou o 21 de agosto de 1994 en Vilafranca do Bierzo, no Teatro Vilafranquino con motivo da Clausura das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo que organizou a Asociación Cultural Escola de Gaitas desta vila.
Deixamos aquí o texto íntegro da súa alocución non sen antes lembrar dúas cousiñas, dous breves apuntamentos para mellor entender ese texto lido en Vilafranca.

A primeira referida a Novoneyra e a súa concepción da poesía e da escrita tamén tiradas dun texto do propio autor:
“Chove para que eu soñe.

Por que escritor?... Quizabes por unha desmesura do soño.Por un desmandarse, por un anteporse dos soños máximos.
Grande é a soidade e por iso tamén grande é a tentación de pecharse a soñar. Ou de abrirse a soñar. E máis cando toda a segunda infancia, toda a adolescencia, toda a mocidade, “ as sete mocidades”, quedaron inscritas na Ditadura…
Xa está dito que soñar é crear. Máis cómpre reasumilo. Soñar é descubrir posibilidades certas. Case sempre soñamos posibles necesarios. Case nunca soñamos imposibles, aínda que só sexa por esa discreción que nos impón a Historia.
Posibles necesarios e difíciles. Difíciles só porque están en choque con intereses creados e coa simple inercia…
Un poeta pouco máis precisa se o alenta a plenitude interior. Se está ben asistido pola memoria individual, pola memoria colectiva, pola memoria profunda, polo soño do futuro, pola potencia da mocidade.
Os poetas gozamos e sufrimos dunha incurable mocidade. E máis se, por riba de todo iso, un ten un nó, o problema de pertencer a un pobo sen estado de patria-lingua ameazada. Entonces si que xa se xustifica toda a desmesura no soño e na renuncia por transformar o Mundo e salvar o Seu Común, o Noso Común.
Amais de estar posuído polo soño da plenitude humana e da liberdade, polo soño de cambiar o Mundo, un está secuestrado pola patria. E isto si que o pon en forte punto. E máis por tratarse dun poeta que é o ser máis dependente da propia Lingua.”


A outra cousiña son uns versos doutro poeta, do noso poeta Antonio Fernández Morales (1817-1896) berciano que deixou escrito estes versos sobre Vilafranca, se cadra os máis citados da súa obra pola controversia que suscitan e que lle acaen moi ben como cita previa ao que logo dirá Novoneyra:

“Cual tesoro q’a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta”

Imos logo co discurso de Uxío na vila do Burbia (o texto que aparece en negriña foi por indicación do propio autor) :

PALABRAS PRA DICIR EN VILAFRANCA

Onte sentín por primeira vez o Agosto deste ano. Sentín o alto Vrao da Galicia Interior. Algo que só eiquí se pode sentir. Algo que se sinte só ás veces e que sendo físico non é sólo físico, pois está cargado do ser dos que no pasado longo sentiron o mesmo: sentiron o clima como patria, sentiron a patria como clima, sentiron a pertenza a unha terra, a un ámeto natural e íntimo, a unha Lingua habitual, a unha Fala. E todo esto nunha sensación, nunha impresión única: a impresión do propio país, da propia estensa comarca e de todo o que nela e dendes dela se vía e sonaba antes, ando os modernos medios de comunicación aínda non taparan o que constitúe a realidade e a mítica xuntas da propia terra.
Parece que o home actual a pór de desarraigado -a lei económica impón o desarraigo, a emigración de todo tipo- xa seña escuramente, sentimentalmente, xa conscentemente, clamea pola propia terra orixinaria, pola propia Lingua, polo pobo de nacemento. E aí están as grandes migracións estivais, o retorno dos emigrantes que de Europa baixan cara o Sur ou cara as zonas menos desenroladas. É a chamada da propia nación: esa cuxos límites ás veces se teimou esquecer ou borrar con caprichosas divisións administrativas coma no caso de eiquí.
É palpable en todo o Mundo a volta da pasión e da concencia nacional das vellas etnias. E toda represión desta pasión ou concencia nacional por parte dos estados plurinacionais provoca violencia a curto ou longo prazo. Son os estados plurinacionais ca súa teima da unidade lingüística e na uniformidade os responsables do nacionalismo radical cuxos Gobernos centrais logo tanto critican. Mai-la reivindicación nacional dos pobos é una corrente imparable, pois canto máis se achega a uniformización universal empuxada pola información a escala mundial e polas migraciós eles máis se resisten a perder a súa identidade.
Esta reivindicación da propia nación ( xa no século XVII o Padre Sarmiento natural de eiquí de Vilafranca se autonomeaba galego de nación),da propia Lingua-Fala e da propia cultura, fai que nazan por todos lados onde ela está máis en peligro organizacións ou asociacións como esta da ESCOLA DE GAITAS DE VILAFRANCA DO BIERZO que non atentan contra nada, que sólo fain reivindicar o propio, mostrando niste caso a evidencia de que existe un Bierzo Galego.

A chamada franxa do Galego Oriental do Leste de Lugo e Ourense e do Oeste de Asturias e León prolongada disque ate máis alá da provincia de Zamora, non é unha entelequia, é una marca lingüística, unha pervivencia forte, anque con peculiaridades, dunha Lingua común. É algo que todos saben e repiten. Non é o invento de ningunha faución. Non é inventado o problema do Bierzo Galego.
O Bierzo Galego! Os últimos montes e a última chaira de Galicia atravesados polo camiño de Santiago...

DESCRIPCIÓN DO CAMIÑO
"Pasadas tódalas Francias
por Ocitania ou Gascuña,
ou de París a Iruña
xa diluidas distancias.
Aagón por cataluña
ou polo Norte do Son.*
En pasadalas Navarras
as cadeas e as barras.
Pasados León e Castela
por Castela a León.
En pasado Monte Irago
e xa en Lingua de Galicia
Ponferrada e Vilafranca
deixando a chaira Estanca
e nas mesmas portas dela.
O Valcarce e sin perguicia
as penas de Garamela**
apeitar para o Cebreiro
polo marcado carreiro
que a neve volve vago.
Encarar o porto incerto
o longo cerengo aberto.
A un lado i autro del
todo o horizonte en vela
Os Ancares i O Courel.
Pasada Triacastela
do Iribio as faldras fago.
E pòr Samos Sarria a Lugo.
Oh Lugo a te me adugo
e sólo por ti me arredo
que ben mereces desandes!
Ver a Ponte a Antiga Vía
a Muralla a Catedral
de Dona Santa María
o coro e o Grial.
E ver fincadas rezar
coma co antigo medo
poñer a súa alma núa
didiante dos Ollos Grandes.
E despois de rodear
de rodear e de estar
que non se fai o Camiño
sólo para o rematar
cruza e debruza no Miño:
Portomarín sulo lago
Palas Melide Arzúa
e logo xa Compostela
Monxoi! Eoi! Ei Santiago!***
e pararme á vista dela
mirar como eu o fago.

*\"Ou polo Norte, por Son\" alude ó paso de SOMport.
** \" penas de garamela\": penas colgando.
***EOI: expresión de xúbilo medieval que xa se dicía en Roma.

Cando eu era mozo eiquí en de lado, na Terra do Courel, na Serra do Courel, miraba cara o Leste, cara Vilafranca, e vía os tesos marelos do sol-por pra Boca do Couto:

Montes do Leste
ó sol que esvece...

ou cando se toldaba o ceo pra chuvia:

Nebras do verlo de ovella
cardiadda brancas e mestas!

Ollándoas latas traspor
riba das taras marelas
un soña nas lonxes terras...

E desdes da Campa da Lucenza vías as terras de Cara Oencia i O Bierzo:
Carqueixas uces e penas!
Camiños da serra aberta
pra lonxes terras de serras!
...
Terras altas e craras
de Lucenza
onde se ollan cerca
as serras lonxanas!

E cara Vilafranca soñaba o Mundo i o Futuro:

Vai polo monte o camiño
outeando coma un louco
polos caborcos do val
i as poxas do taramouco.

Cruza solo a serra toda
sin levar outra compaña
que a gran presencia do ceo
sobre o silencio da braña.

Eu non sei pra onde vai
méntre-lo quedo mirando.
Sólo sei que eilí se compre
o soño que estou soñando...

Eu non sei porque soñaba sempre cara o Leste. Quizaves atraguido pola pura forma da serra ou pola chamada aínda dun engado ramántico que non acaba de rematar...

Regresando ó concreto da situación xeográfica e do tempo histórico, cando nos anos anteriores ços corenta, do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban á mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco de Valdiorres e Vilafranca. Pra aiquí viñan os arrieiros ó viño i os vendedores de cabalos. Era pois vila habitual da que se contaban cousas. E na miña mente de neno estaba pousada nunha distancia íntima, realizable. Quero dicir que estaba neso que chamamos a redonda. Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comunicación para outro lado ó deixarse o cabalo. Por eso comenzou a cobrar irrealidade e purificarse na memoria e cargarse de prestixio antigo. Pero sin que caise nunca fóra do meu tempo nin fóra de Galicia.
Logo, como una superposición de tipo ideolóxico e dato oficial, soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construiron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro.
Levo con gran orgullo e con gran teima o de poeta desta Fala Galega Oriental de labradores que garda o xeito, a forma das terras do Leste onde hoxe Galicia acaba en soave transcurso.
O meu soño cara o Universo-Mundo e cara o Futuro soñeino, repito, mirando cara o Leste coma na lenda fundacional desta vila que lle ouvín a una muller da Seara do Courel:
A onde vás vaca branca?
Onde ti pares será Vilafranca.
Díxome tamén que na súa aldea había un sitio que se chamaba Covallo da Dona Briosa. I eu vía una dona moi fremosa, muller de aire e teitos altos, que tras acucharse una noite naquil refuxo seguía para Vilafranca…
Quero lembrar eiquí tamén ó Galo de Val de Fariña, labrador sonado e tratante de feira, que vivíu todo o que vai de século ate fai pouco e me contaba o meu pai que ó cruzar mozo esta vila, na primeira mañá dacabalo da súa égoa, facía o canto do galo ó longo das rúas… Maxinalo pola Calle da Auga.
Ogallá sexa aquil canto o ventar da espranza-que-teima para Vilafranca, pro Bierzo, para Galicia e pro Mundo. Teima coma a dos homes de antes que nunca se entregaban a pesares da vida dura e do inmediato previsto.
E poño eiquí, para vós e para rematar, outro verso meu, tras dun silencio que todo pasado inclúe:

E inda é nova a Terra!
Inda é nova a Terra!

U x í o N o v o n e y r a.


Nota. Os poemas incluídos son todos do libro Os eidos, menos a Descripción do camino que pertence a Ámeto Mítico.


venres, 7 de maio de 2010

Achéganse as Letras do 2010


O ano 2010 o Día das Letras Galegas será homenaxeado UXÍO NOVONEYRA o poeta do Caurel e que lembraba hai anos no Teatro de Vilafranca a súa relación co Bierzo e tamén a súa querencia pola lingua. Do texto "Homenaxe Póstumo a NOVONEYRA" escrito da Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafrannca coa ocasión do seu falecemento deixamos aquí este anaco:

"Pouco, case que nada, tense escrito no Bierzo acerca do recente e lamentable pasamento do poeta do Caurel, do poeta da fala galega oriental, como el mesmo gustaba dicir. Quizás non sexa un home moi coñecido nos círculos literarios leoneses, pero sen dúbida non era un descoñecido no Bierzo. A súa voz está considerada como unha das mellores voces poéticas do século XX e desempeñou un papel destacado no mundo da cultura galega, mesmo nos derradeiros anos da súa vida cando foi nomeado, entre outras cousas, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Pois ben, Uxío Nononeyra tamén se soubo achegar ao Bierzo, que como veremos sentiu dende neno moi próximo a el. Unha das últimas intervenciois na variopinta vida cultural do Bierzo que este home protagonizou foi fai xa hai uns anos en Vilafranca do Bierzo, nun recital poético que abarrotou o Teatro Vilafranquino con motivo da clausura das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ( 21 de agosto de 1994). Naquela ocasión Uxío Novoneyra deu as claves nas que o Bierzo aparece nos seus poemas, no seu mundo poético. Dixo daquela:
Cando nos anos anteriores ós corenta do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban á mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco e Vilafranca. Para aquí viñan arrieiros ó viño i os vendedores de cabalos. Era pois unha vila habitual da que se contaban cousas. E na miña mente de neno estaba pousada na nunha distancia íntima, realizable… Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comunicación para outro lado, ó deixarse o cabalo…pero sin que caise nunca fóra do meu tempo, nin fóra de Galicia. Logo, -proseguía o poeta- soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construíron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro.-Finalmente remataba- O meu soño cara o Universo-Mundo e cara o Futuro soñeino mirando cara o Leste”.
O Leste para Uxío Novoneyra era sempre cara Vilafranca, mirando o camiño que vai polo monte:

“ Eu non sei para onde vai
Mentre-lo quedo mirando.
Sólo sei que eilí se compre
O soño que estou soñando…”

É pois un poeta que debe ser necesaria e xustamente lembrado dende o Bierzo, mesmo utilizando esa Lingua que nos é común, que nos comunica coa Galicia “Do Courel a Compostela”, esa Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos, Lingua de labregos destas terras do Leste onde hoxe Galicia acaba en soave transcurso, como Uxío Novoneyra deixou dito aquela tarde do vrao do ano 94.

xoves, 29 de abril de 2010

Aí vén o maio!



Fernández Morales, un poeta que nos deixou nos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano unha chea de referencias ás tradiciois máis variadas e a costumes vivos en pleno século XIX, hoxe moitos deles desaparecidos, curiosamente non ofrece ningún dato sobre os maios e a súa celebración no Bierzo. Ao contrario do que ocorre con outros poetas coñecidos do Rexurdimento, como Curros Enríquez, que facendo uso da temática costumista compuxo un fermoso e coñecidísimo poema sobre o maio conferíndolle unha carga social contudente, o noso poeta, a pesar de falar de romarías, de feiras e gastronomía non debeu pasar nunca a xornada do primeiro de maio na vila do Burbia, a esa que cantou en tempo da vendima. Tan só con sentido simbólico cita o nome do mes de maio identificado coa idea de primavera e do amor feliz no poema O San Roque de Paradela:

Non faltan botarates
q´as paseadas
d´as nenas c´os rapaces
deslices chaman.
¡Chamar deslices,
obras q´á algúas pra Mayo
farán felices!...

Mais como no Bierzo e en Vilafranca existe un costume digno de ser cantado dexamos aquí algunha copla que a tradición oral fixo chegar aos nosos días e un enlace para coñecer mellor as singularidades que este costume presenta na nosa comarca.

Marzo airoso,

abril chuviñoso

sacan o maio,

florido e fermoso.

Levántate maio
bastane dormiche,
pasou un burro
e non o sentiche.

domingo, 25 de abril de 2010

PRONUNCIAMENTOS DE ALUMN@S NA 5ª ESCOLA FERMÍN PENZOL



Na 5ª Escola Fermín Penzol celebrada recentemente no Bierzo, alumn@s das primeiras promociois do ensino voluntario de galego nesta comarca pronuncíabanse así sobre a súa experiencia nestes anos de contacto coa lingua. Recollemos aquí as súas palabras textualmente coa sinceridade e espontaneidade que foron ditas:
"Chámome Carla Mejía López, teño dezasete anos e curso 2º de Bacharelato no IES Europa de Ponferrada e son unha orgullosa estudante de galego que forma parte da primeira promoción do programa de galego en Ponferrada.

Levo xa nove anos estudando esta lingua. Comecei a estudar galego en cuarto de primaria, mais os meus contactos co galego e por extensión con Galiza comezan con todas as lembranzas que teño da miña infancia en Sada, xa que estiven alí vivindo ata os seis anos. Cando vin vivir a Ponferrada descubrín que o galego é un idioma que traspasa as fronteiras administrativas de Galiza, pois atopein que a maioría da miña familia falaba tamén este idioma. Para nada se me fixo raro ver persoas do Bierzo que falaban galego posto que o Bierzo está moi preto de Galiza e incluso algunhas persoas o consideran como a quinta provincia galega. Ademais este non é o único lugar de España onde se fala galego fóra das fronteiras administrativas senón que tamén podemos atopar xente falando galego en lugares como o Lago de Sanabria en Zamora ou o Val das Ellas en Estremadura, entre outros, e ese é un dos motivos polo que debemos loitar por conservar o galego nestas zonas. Porque esta lingua ábrenos unha porta directa con Galiza e coa súa cultura pero tamén nos dá a posibilidade de estudar o portugués, unha lingua irmá, entre outras moitas vantaxes deste idioma.

Pero pronto tamén me dei de conta que hai xente que non entende que aquí no Bierzo se fale galego ou que incluso se fale na propia Galiza e o que eu lles digo e que son eu a que non os entendo a eles cando opinan dese modo. Porque non é xusto que se menosprecen unhas linguas e outras se alaben como se as linguas tivesen prestixio por si mesmas, cando en realidade deberían ser todas iguais.

Outro aspecto que tampouco me gusta con respecto ao galego é o feito de que se utilice con fins políticas, cando a lingua debería estar por riba de calquera interese porque un idioma como o galego é moito máis que unha simple fala, é cultura, é arte, e é tamén unha ponte que une aos bercianos/as e aos galegos/as e por iso non podemos deixar que o boten polo chan.

E iso é o que me gustaría: que a xente que pensa desa forma negativa sobre o galego cambiase o seu punto de vista e comezase a pensar no galego como unha lingua máis de todas as que hai no mundo e que se loite por coidala e porque non desapareza."



"Boas tardes, eu chámome Paula Abraila e son alumna do IES. Europa en Ponferrada. Pertenzo á primeira promoción de estudantes que cursan galego en Ponferrada e á segunda promoción do Bierzo. Levo estudando galego dende 3º de primaria e síntome feliz de facelo. Ninguén me mandou ir e apuntarme para aprender a lingua que temos aquí mesmo, ao lado da nosa casa.

Empecei a estudala porque vin que escoller galego era unha boa idea e dende o primeiro ano que impartiron a materia de plástica nesta lingua eu optei por tela como a miña opción. Ademais de plástica, tamén estudei xeografía e historia en primeiro, segundo, terceiro e cuarto da ESO, sumando en cuarto a materia de lingua e cultura galegas que aínda estou a cursar nestes momentos.

Penso que o galego pode abrir moitas portas aos estudantes desta lingua, nós estamos ao lado mesmo de Galicia e posiblemente se queremos traballar ou estudar alí necesitaremos o galego para comunicarnos e para recordar a todos aqueles que a falaran hai uns cantos anos. Ademais eu teño familia na Coruña e penso que estudando galego tamén consigo ter unha maior relación con eles, estou máis cerca deles.

A min gústame o galego porque é unha lingua que sempre vai axudar a que teñas outro coñecemento máis, penso que ao igual que o inglés, temos tamén o galego e iso sempre conta, cantos mais idiomas coñezamos mellor para nós, xa que unha lingua nunca vai pechar unha porta, se non que posiblemente abra moitas máis das que podemos imaxinar.

Paréceme ben que grazas á Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León teñamos a oportunidade de estudar algo que nos gusta tanto, co que nos sentimos tan ben e que, como xa dixen, abre portas e nunca as pecha."






"Chámome Marcelino Abad, teño dezasete anos e síntome galego. Empecei a tomar clases cando ía a primeiro da ESO, agora, ás portas da Universidade, podo dicir que son un máis de vós, porque o galego non nace, faise.

Certo é que non teño lazos directos con Galiza, agás o nacemento da miña avoa nesas terras, e a prohibición que lle fixeron de facer uso da súa lingua para converterse nunha “señorita de bien”. Malia isto, Galiza é a miña patria, os seus mares son o meu perfume, as xentes súas o meu sorriso, as súas aldeas símbolos de fraternidade.

Orgulléceme falar a lingua dun pobo milenario, escoitar o sentir da miña avoa en cada unha das miñas palabras, dicir pantalois é sinal de identidade. Practicar a “gheada” ou o seseo e dar portazo a anos de burla e sometemento é ledicia.

Falo unha lingua proletaria, mariñeira, labrega porque me sae de dentro e é o que sinto. Falo a lingua nai de tantos de vostedes, falo lingua berciana, falo galego.

As fronteiras administrativas non deben ser fronteiras lingüísticas, e o digo eu, un berciano nacido en Ponferrada, de alma galega. Non pode ser, Galiza está no Bierzo dende tempos remotos, e iso non atende a un acordo entre políticos modernos.

Malia o anterior, unha tristura aceda percorre o meu interior ao ir a Galiza e non escoitar galego. Ao ver a mocidade falando de “shopping, sales, ítems…” e non escoitar galego. Ao entrar nunha tenda e non escoitar galego. Ao non escoitar galego.

Non o podo entender. As linguas, a cultura que se respira por cada un dos buracos do mundo, son billetes á felicidade, á mestizaxe, á cordialidade. Non me coce ver galegos falando vietnamita mentres desprestixian a súa lingua nai, arremetendo contra ela coma se fose unha criminal, tachándoa de bruta, bárbara, ruda.

Non o debemos permitir. Non, é o noso máis brillante patrimonio. O máis grave é que os galegos seguimos sufrindo persecución, continuamos sendo motivo de mofa, base de chistes e comentarios. É rexeitable que a figura do galego siga sendo, no século XXI, despectiva, coma dicía unha política, cuxo nome non quero lembrar, hai pouco.

Todos nós debemos mobilizarnos, saír a rúa a prol da nosa lingua, e impedir que falcatruadas de semellante tonelaxe pasen impunes ante a vista social. Debemos avogar polo galego, polo noso, polo da casa, e non acatar as ordes de “políticos truequistas” que negocian co noso país coma moeda de cambio, dividindo a sociedade en torno ós intereses das súas cores políticas, mentres coartan o noso dereito a ser galegos, a estudar galego, a vivir coma galegos. Si, sintamos a calor da pasada mobilización do 21 de xaneiro , en contra do novo decreto de estudo.

Somos moitos os bercianos galegos. Somos moitos os que nos enorgullecemos de ser galegos. Somos moitos os que levamos a palabra galega na nosa equipaxe, aínda que temos que ser máis.

Finalmente, quixera pedirlle á RAG que dedicara o próximo “Día das Letras Galegas” a Fernández e Morales, polo SEU LABOR A PROL DA NOSA LINGUA, en nome dos galegos ORIENTAIS."

martes, 13 de abril de 2010

Morales cos alumn@s do galego no Bierzo




153 alumnos e alumnas de galego no Bierzo visitan estes días Galicia como consecuencia dunha visita concertada no programa que a instancias da Secretaría de Política Lingüística da Xunta visitarán entre outras Compostela e O Grove, ademais de realizar diversas actividades e concretra algunhas outras que con carácter de intercambio se viñan preparando, como é o caso dun encontro de rapaces de Secundaria do Bierzo cos de o IES de Cuntis. Visita a Catedral, a Exposición Galicia Dixital, ao aquario do Grove e unha especie de bautismo marítimo son algunhas das actividades que irán desenvolvendo.


A Voz de Galicia está facendo un seguimento curioso da nova educativa procurando describir a relación existente a día de hoxe do Bierzo con Galicia, e como non podía ser menos, hai opiniois e declaraciois de todo tipo especialmente aquelas que se refiren a lingua e coas que a prensa provoca unha certa distorsión da realidade. O programa de galego é un éxito e está contrarestando o declinar de galegofalantes entre os máis novos.

Tamén hai que dicir que estas máis de mil rapaces e rapazas e as súas familias, que escolleron o galego de forma voluntaria, son a mellor garantía de difusión futura de Fernández Morales porque grazas a experiencias tan positivas como a da presenza do galego no ensino do Bierzo e Zamora, Galicia debe volver a súa mirada necesariamente cara estas comunidades de galegofalantes estremeiras, estudar e coñecer mellor o que elas ao longo da historia aportaron á cultura de Galicia. Os "Ensayos poéticos en dialecto berciano" publicados por Fernández Morales en 1861, dous anos antes do poemario de Rosalía de Castro co que dá comezo o Rexurdimento, resulta unha obra de gran relevancia, case que ignorada atá o de agora nos manuais de Literatura Galega. Deberíase realizar unha revisión máis equilibrada deste período da nosa Literatura para non deixar á marxe o magnífico aporte desta comunidade de falantes nos lindeiros da galeguidade.
@s alumn@s do Bierzo que estudan e coñecen este poemario serán pois os mellores embaixadores dos valores que para as Letras galegas ten. Lembremos que partiu dun grupo de rapaces e rapazas, do seus mestres e profesores e das súas familias a idea de propoñer a Fernández Morales como figura a homenaxear no próximo 2011 con motivo do Día das Letras Galegas.

mércores, 7 de abril de 2010

A BANDA DE GAITAS DE LUBIÁN TOCA ANTE A TUMBA DE FERNÁNDEZ Y MORALES

O pasado 13 de marzo, a Banda de Gaitas de Lubián (Zamora), encabezada polo seu alcalde, Felipe Lubián, tamén gaiteiro e académico correspondente da RAG, tocou varias pezas en homenaxe a Antonio Fernández y Morales.
Previamente o poeta Anxo Angueira, como ven sendo habitual ano tras ano, recitou varios poemas do precursor berciano.

xoves, 18 de marzo de 2010

FERNÁNDEZ MORALES NA 5ª ESCOLA FERMÍN PENZOL
















O programa da 5ª Escola Fermín Penzol, unha iniciativa da Universidade de Vigo coa colaboración de diversas entidades bercianas este ano celebrouse de novo no Bierzo. Desenvolveuse como estaba previsto en tres lugares emblemáticos das terras bercianas: Ponferrada, Cacabelos e Vilafranca.A primeira das Xornadas en Ponferrada centrada na figura de "Antonio Fernández Morales e a súa inserción no sistema literario galego", unha conferencia inaugural do poeta e profesor Anxo Angueira, un dos mellores coñecedores da obra literaria do poeta.Acto seguido presentouse o número 4 da revista da asociación Xarmenta, presentación que realizou Ricardo López Témez.Despois tivo lugar un brillante Recital poético sobre textos de Morales a cargo dos rapaces e rapazas dos IES de Ponferrada que cursan galego acompañados da música do Ensemble de saxos do Conservatorio desta mesma localidade. Podedes ver un resumo na crónica que realizou a cadea comarcal Bierzo TV, reportaxe na que se fai mención expresa do interese que os diversos entes que participaron ían deixando nas súas intervenciois: a idea de propoñer a fernández Morales para o Día das Letras Galegas do próximo 2011.Rematou esta xornada no Teatro Bergidum cun magnífico monólogo de Quico Cadaval o coñecidísimo actor e director teatral que tamén ten unha longa, recoñecida e prestixiosa traxectoria como contador de acontecidos. Narrou no seu estilo habitual cargado de ironía e reflexión dende o sucedido cos presos na guerra na Illa de San Simón ata o mito de Edipo, memoria histórica e mitoloxía grega que cobraron vida a partir do entorno familiar da taberna que rexentaba a súa nai en Ribeira.A segunda xornada trasladouse ao Teatro Vilafranquino e comezou, tras un saúdo de cortesía do Alcalde de Vilafranca, cunha Mesa redonda sobre os 8 anos do ensino do Galego no Bierzo e as Portelas mesa na que estiveron Rafa Adán de Xarmenta que en esencia describiu cal é o acordo entre a Xunta e a Junta e como se concreta en número de horas en Primaria e Secundaria, indicando o éxito que supuxo que hoxe contemos con máis de 1000 matriculados a este ensino de carácter voluntario. Alfonso Díaz, profesor de Lingua Galega do IES Europa fixo fincapé no terreo avanzado e tamén citou varias eivas como é o tema da falta de continuidade do profesorado que está realizando este programa coa conseguinte dificultade para os profesores que se incorporan ex novo ao mesmo. A continuación foi Héctor Silveiro, membro da Comisión Martín Sarmiento, que afondou na complexidade e pluralidade de iniciativas nas que se asentou a posta en marcha e o éxito do programa, a madurez que manifestou unha parte considerable das familias e rapaces que se apuntaron a esta oferta (no caso de Vilafranca é algo máis do 25% do alumnado do IES Padre Sarmiento) a pesar de certas trabas como a falta de información á hora de matricularse, a certa pasividade no seguimento da experiencia por parte das administraciois educativas implicadas e o valor que ten a profesionalidade dos profesores para superar ano tras ano o éxito deste programa. Falou a continuación a profesora Marta Louzao da demanda na Escola Oficial de Idiomas do Bierzo do idioma galego, por parte de ensinantes e profesionais da sanidade e tamén de persoas que con agarimo queren cultivarse no idioma dos seus maiores. Unha demanda que fai do galego o segundo idioma que se cursa e arredor de 80 solicitantes cada ano. Rematou esta Mesa coa intervención de Felipe Lubián, en calidade de alcalde de Lubián (Zamora) e, como dixo Rafa Adán, un dos impulsores de propostas no Parlamento de Castela e León sobre a introdución do galego tanto no Bierzo como nas Portelas, lugar este último ao que chegaría máis tarde a implantarse, despois de vencer tamén varios obstáculos que Felipe coa retranca que o caracteriza describiu sucintamente.Tampouco faltou un recital poético de textos do poemario de Fernández Morales , presentados de novo por Anxo Angueira, que tamén recitou e estavez os rapaces e rapazas do IES Padre Sarmiento de Vilafranca, acompañados polo Ensemble de saxos do Conservatorio ponferradino. Ao rematar os asistentes ao acto desprazáronse a Cacabelos onde no cemiterio da Hedrada ante a tumba do poeta e militar fixéronse varias alocuciois e a Banda de Gaitas de Lubián interpretou varios temas na honra do autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” momento en que tamén se lembrou a figura do tristemente desaparecido gaiteiro Firme de Batribán.Á tarde houbo outra Mesa redonda sobre o galego no Bierzo e os partidos políticos que foi precedida por una curiosa sorpresa da que daremos conta en próximas entradas, varias intervenciois de alumn@s da 2ª promoción de galego no Bierzo que deron a súa opinión sobre o porque escolleran no seu día esta opción. A mesa redonda á que estaban invitados todos os partidos con representación no Bierzo, asistiron Susana Carballo de IU, concelleira en Cacabelos e Iván Alonso polo Partido do Bierzo e tamén concelleiro en Ponferrada. Ademais participou en calidade de membro do grupo do PSOE en Castela e León, Felipe Lubián. Os participantes da mesa deron o seu apoio ao proceso de incorporación do galego nos centros de educación e volveron os seus ollos fundamentalmente cara o Consello Comarcal e a futura revisión da Lei da comarca onde debería estar explícito un apoio á lingua galega no Bierzo como lingua propia e riqueza patrimonial que nos identifica e singulariza, Finalmente saíu, como non podía ser doutro xeito, a reivindicación da garantía na recepción na comarca da TVG, tras do apagón analóxico e a importancia de reivindicar para o autor berciano Fernández Morales o próximo Día das Letras Galegas, ano 2011 cun dobre propósito o da difusión da súa obra fóra do Bierzo, en toda Galicia especialmente, e, por outra banda, a solicitude que aquí o noso Consello Comarcal na Lei da Comarca que se pensa aprobar no 2011 teña un recoñecemento como se debe a lingua que Fernández Morales utilizou ata facer súa, a lingua dunha boa parte dos bercianos.Chegou finalmente a Conferencia sobre “ Frei Martín Sarmiento, Fernández Morales, Martínez Salazar, Fermín Penzol e outros arrainos” por parte de Henrique Costas coa que comezaba a recta final da 5ª Escola, non sen antes outorgar o II Premio Fermín Penzol deste ano ex aequo: a Marisa Cela, polo seu labor a prol da “música da lingua no Bierzo” e a Paco Martínez neste caso polo seu doce e consistente aporte a do “ mel da lingua no Bierzo”. Ambos falaron, Marisa facendo extensivo o premio aos seus compañeir@s da Escola de Gaitas de Vilafranca e Paco reivindicou a ausencia de fronteiras entre Valdeorras e O Bierzo, como el sempre di “o antigo Marquesado de Villafranca”. Fixo entrega dos diplomas acreditativos o profesor Henrique Costas que a continuación pronunciou a conferencia antedita.Desculpado a non asistencia por motivos de saúde de Pablo Carpintero, foi Anxo Pintos quen realizou o concerto didáctico sobre a Zanfona co que se concluía esta edición da 5ª Escola Fermín Penzol. Anxo Pintos que pasa por ser un dos mellores instrumentistas , compositor de grande sona e recoñecido mestre deste instrumento fixo un repaso da historia da zanfona ilustrado con numerosas intervenciois: cantigas de Santa María, música do Barroco, composiciois modernas, de autores europeos e de autores galegos como Antón Seoane a a supercoñecida “ A bruxa” e rematou cun tema de creación propia, en parte musicado e gravado en traballos de Berrogüetto, a petición do entregado público que enchía o teatro.

mércores, 17 de marzo de 2010

MORALES 2011

SOLICITUDE Á
REAL ACADEMIA GALEGA
para que o
Día das Letras Galegas 2011
lle sexa
concedido ao poeta

ANTONIO FERNÁNDEZ
MORALES
(Astorga, 17-09-1817 - Cacabelos,
15-08-1896)


autor de

Ensaios poéticos en
dialecto berciano

(León, 1861)





VIDA E SIGNIFICADO DE

ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES




ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES
(Astorga, 17-09-1817 - Cacabelos, 15-08-1896)

Naceu en Astorga en 1817 pero de cativo levárono a vivir a Cacabelos, onde o pai puxera farmacia. Criouse en Cacabelos e nas súas rúas e veigas, cos outros nenos das ribeiras do Cúa, aprendeu a falar galego. En 1835, con 17 anos, comezou a carreira militar por infantería. Axiña mostrou as súas inclinaciois progresistas e liberais. Entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui, nos anos previos ao levantamento de 1846. Isto leva a afirmar a Anxo Angueira, gran coñecedor da obra deste autor (2003:46):

«Se vivise en Galicia estaría sen dúbida co levantamento provincialista de 1846. O noso poeta, pois, seguiu os mesmos pasos políticos cós precursores da súa xeración e os grandes mestres do Rexurdimento (Pondal, Rosalía e Curros) á beira dos cales, desde o noso punto de vista, cómpre situalo.»

En xullo de 1868, como Tenente Coronel, participou moi activamente na “Gloriosa”, que provocou a caída de Isabel II. Por accións en combate foi ascendido a Coronel. Tivo diversos destinos e ascensos e foi gobernador militar de varias provincias españolas (melloras sempre coincidentes cos períodos democráticos).
En 1872 foi elixido deputado pola provincia de Vilafranca do Bierzo nas filas do Partido Radical, cando Valdeorras e o Bierzo eran a mesma provincia. En 1896 faleceu en Cacabelos, aos 79 anos, e foi enterrado no cemiterio da Hedrada, onde hoxe permanecen os seus restos.

Foi un militar liberal, moi comprometido co movemento antiabsolutista, gran defensor da razón, do progreso, das ciencias e da industrialización, sobre todo da súa terra berciana. Foi un escritor amante da lingua e os costumes populares bercianos e asemade un home culto e ilustrado, gran coñecedor da cultura clásica e humanística.
A súa vida e obra son aínda hoxe case completamente descoñecidas en Galicia, polas razóns que explica Anxo Angueira (2003: 29-30)

«...só a inicial escasa difusión en Galicia, debida sen dúbida ó ’exilio’ cultural e político en que viu luz, e a pésima interpretación que dela se fixo (...) privaron esta obra de ser considerada un dos grandes alicerces do sistema literario galego. Negándolle isto negóuselle tamén todo o poder simbólico que a obra tiña, e claramente aínda ten, contra a partición do territorio lingüístico e cultural galego que padecen, máis duramente, as franxas estremeiras...»
Tamén Antón Santamarina Fernández (1996:43-44) reparou neste inxusto esquecemento ou minusvaloración da obra de Morales. Non a sitúa á beira das tres coroas poéticas do XIX pero si que a equipara á doutros autores galegos contemporáneos como Pintos ou Camino:

«O libro máis xeneroso é o de Carballo, que lle dedica dúas páxinas e media, das cales máis dunha terceira parte se emprega en comenta-las formas dialectais que usa. Por iso a miña sorpresa foi grande cando tropecei cos Ensayos poéticos en dialecto berciano e vin que a súa cualidade literararia pode andar equiparada á de bastantes outras obras de autores galegos contemporáneos (como Pintos, Antonio de la Iglesia, A. Camino...), cos que as historias da literatura son galega son bastante xenerosas (...)
E a verdade é que merecia alguha atención máis, non só polo seu mérito literario senón tamén pola iniciativa mesma de ter escrito versos en galego, que seguramente naquela época non obedecía a impulsos moi diferentes ós que animaron a Añón, ou a Pintos, ou ós de la Iglesia, ou a López de la Vega ou a tantos outros.»

A vida e obra de Fernández Morales deberían ser obxecto de estudo demorado. Contamos co seu expediente militar (folla de servizos) facilitado polo Arquivo Militar de Simancas, contamos con algúns documentos administrativos en poder do Concello de Cacabelos, pero nada sabemos da súa actividade político-literaria durante a súa estadía en Galicia (1841-1845), da súa actividade política nas filas do liberalismo español, da súa actividade parlamentaria como deputado do Partido Radical pola provincia de Vilafranca nin outras moitas facetas da vida pública na que estivo implicado este militar liberal. É dicir, a súa vida e obra dan aínda para unha rica
descuberta investigadora.

OBRA EN GALEGO DE

ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES


Entre 1855 e 1864 estivo destinado en León, onde participou nas tertulias da revista El Esla e publicou nela artigos e pezas literarias.

En 1860 alumeou nesta revista o seu primeiro poema en galego: “O fiandón d’a aldea”,como anuncio do que será a súa gran e única obra en galego: Ensaios poéticos en dialecto berciano (León, 1861), un ano antes có Albun de la Caridad (1862) e dous anos antes cós Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro. Segundo Angueira (2003:47):

«Antonio Fernández Morales, nos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano, por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo.»

Os Ensaios poéticos de Morales son 6000 versos en galego distribuídos en 17 poemas de desigual extensión. Un deles (o poema dialogado “Cuento satírico”) é bilingüe; se non fose por este, os Ensaios poéticos serían o primeiro libro monolingüe do Rexurdimento galego.

Antón Santamarina (1996:48) trata tamén precisamente destes aspectos:

«Cando se reedite o Ensayo e se prologue debidamente, quen o faga non vai poder deixar de comparar esta obra (á parte das que mencionei) coa de Pintos pois hai bastantes paralelos formais e temáticos. Como saben A gaita gallega é un poema bilingüe no que o tamborileiro fala en castelán e o gaiteiro en galego (como estratexia, segundo parece, para a aprendizaxe do galego); filoloxismo á parte, igual sucede no "Cuento satírico" co que se enceta o libro de Morales (pp. 23-170); na nota inicial xa se aclara: "A fin de facilitar (...) la comprensión de las sucesivas composiciones en
subdialecto berciano (...) me ha parecido conveniente dialogarlo con el castellano en este cuento satírico". Igualmente, Pintos, é autor dalgún poema narrativo enorme "Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea" publicados no Album del Miño (1858). As historias son completamente dispares pero os ambientes e a forma cos dous poemas teñen unha semellanza moi notable. Hai moitos outros poemas narrativos na literatura galega da época, algúns deles chegaron a ter unha fama ben merecida como é o caso de "A Virxe do Cristal" de Curros. Debía de estar no gusto da época (lembrar que tamén Zorrilla, contemporáneo rigoroso de Morales, escribía "El Cristo de la Vega"; e así centos de casos).»
Os Ensaios poéticos contein poesía paisaxística, costumista, relixiosa, satírica, crítica e ideolóxica, alternando –segundo os poemas-, a métrica popular coa versificación culta. Di Angueira (2003:45):

«Unicamente lírico nos poemas de fondo relixioso, solemne nas oitavas, teso na caza maior, Fernández Morales é un poeta maiormente narrativo, un poeta de fiandón, contador de longas historias, pintor de exuberantes cadros populares sabiamente enleados, que co seu humor, non exento de ironía e choscadelas críticas, e a súa sabiduría, cativa e engaiola o auditorio. Poesía pública, pois, que irrompe na ágora literaria e social dándolle tanta vida como dignidade a unha lingua e unha cultura.»

A lingua dos Ensaios poéticos é propositadamente a lingua do Bierzobaixo de mediados do século XIX, o “subdialecto berciano” (sic) usado polas clases populares. Sobre a lingua de Morales escribiu Rosario Álvarez Blanco (2003:107): «Fernández y Morales logrou o seu obxectivo de nos transmitir, nos seus Ensayos Poéticos un espléndido retrato do galego berciano da súa época, moi semellante polo demais ó que aínda hoxe se fala no mesmo territorio.»
A riqueza lingüística de toda a obra de Morales é algo que valoran todos os que se
achegan á súa obra. Hai castelanismos léxicos (os que usa o pobo) pero hai sobre todo unha riqueza léxica impresionante. De feito Morales ao final do seu poemario introduce un glosario riquísimo de voces bercianas (e quen di bercianas di tamén valdeorresas). Di Rosario Álvarez (2003:108)

«Advírtese nel, tanto na gramática coma no léxico, un compromiso firme de ser fiel á lingua espontánea da comarca, o que o leva a non falsea-la realidade á procura do que ‘deberá ser’. Con certeza non se lle oculta que certas formas son castelanismos, mais non por iso deixa de usalas suplantándoas polas que podería considerar máis correctamente galegas ou bercianas. Esa obxectividade e imparcialidade, propias dun naturalista, confírenlle aínda máis valor ó seu testemuño.»


Velaquí unha mostra de dous textos diferentes: en primeiro lugar un fragmento do poema “A meu bon amigo D. Mariano Cubí y Soler” (filólogo e frenólogo catalán, científico procesado polos tribunais eclesiásticos, que foi quen animou a Morales a
compoñer poesía en galego do Bierzo):


Deixa q’o cego fanatismo dando
Eses berridos contra a ciencia chegue
D’a gran frenología, é que botando
D’a boca espuma á seu furor se entregue.
Apóstol d’ a verdá! Déixa q’ o bando
D’o escurantismo sua existencia negue,
Q’os que para ver y oír, ollos y orellas
Teñan, tua ciencia admirarán á fellas.
E mais que diga a torpe hipocresía
Q’as tuas doctrinas, noble pelegrín,
Estenden entre os homes a herejía,
Non teñas pena, sigue ese camín
Q’ aló dereito á eternidá te guía.
A frente érgue d’o espacio hasta o confín
É con lástima mira os envidiosos
Q’os talois d’os teus péis morden rabiosos.


E en segundo lugar un fragmento dun poema narrativo de tipo popular, “A Vilafranca”:


Piramidáis medéiros d’herba é palla
D’os campeliños é d’o campo todo
Un pueblo novo fáin ‘n a sega é malla,
D’un muy vistoso campamento a modo.
O mesmo a moza ailí ‘n a mies traballa
Q’o robusto rapaz; é decir podo
Q’as mozas báixan y erguen os séus mallos
O mesmo que si foran de bangallos.
Regan o campo as presas d’os muhiños
E baña a villa un río que, por téito,
Guirnaldas ten d’ huméiros, sangubiños,
Agavanzos, salguéiros y algún fiéito.
Resvala seus cachóis cristaliños
D’ arenas d’ oro por un blando léito
Onde nadan os péixes, corren múitas
Anguías é brincan fora d’a agua as trúitas.
Entre as debesas, en q’as eguas corros,
Pra defenderse, fáin, d’as dentelladas
D’os múitos lobos, y onde van d’os zorros
Fuxindo as pobres lebres apuradas,
Xíbrian os estorniños é cochorros;
Rulan as rolas, q’ andan en bandadas,
Gorxéa o pardillo á par d’ os reiseñores
Y as barburetas dan bicos ‘n as flóres.




A REIVINDICACIÓN

E REHABILITACIÓN DE


ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES

Anualmente, polas Letras Galegas e desde 2002, as asociacións bercianas (e tamén
doutras terras galegófonas) de defensa da lingua rendémoslle unha homenaxe
poético-musical perante a tumba súa que remata cun xantar xa coñecido como
“Banquete de Cacabelos”. O certame literario anual do Concello de Cacabelos leva
o nome deste berciano universal.

O Concello de Cacabelos e moitas outras institucións e asociacións bercianas xa se teñen dirixido en anos anteriores á RAG solicitando a concesión do Día das Letras galegas a Antonio Fernández Morales.

O 25 de xaneiro de 2006 a Real Academia Galega recibiu en Ponferrada o II Premio Xarmenta en defensa da lingua e da cultura do Bierzo.
Perante un auditorio ateigado de bercianos e galegos, e logo do pedimento do alcalde de Cacabelos, o presidente da RAG, D. Xosé Ramón Barreiro Fernández, comprometeuse publicamente a que antes de rematar o seu mandato faría o posible
para que un ano das Letras Galegas fose dedicado, con toda xustiza, ao gran poeta berciano Antonio Fernández Morales.

Foi aquela unha xornada moi feliz para as persoas e asociacións que levan décadas traballando pola dignidade da nosa lingua galega nunhas condicións moi duras, practicamente coma na Galicia dos anos 1970. Esas persoas, aquel auditorio ateigado e moitas outras, esperan da RAG un xesto favorable e a resposta fraternal e solidaria a unha demanda de atención urxente.

A concesión das Letras Galegas a Fernández Morales serviría para descubrirlle á Galicia lingüística e cultural unha parte descoñecida de si mesma, para valorar e recoñecer xustamente un enorme poeta (á altura das nosas tres coroas poéticas do Rexurdimento) e para reforzar a autoestima e a identidade dobremente negada dos bercianos que queremos seguir sentíndonos orgullosos da nosa lingua, a galega.

Tres fitos sobranceiros alumean recentemente o camín por onde peregrina o galego do Bierzo, como tres fachos de esperanza na noite que aínda soportamos:
a) O acto solemne da RAG o 18 de maio de 2002 no Teatro Vilafranquino no ano das Letras dedicado a Martín Sarmiento (xusto o día que naceu o “Banquete de Cacabelos”).
b) A entrada en decembro de 2004 como académicos correspondentes da RAG de catro persoas que representaban cada un dos territorios exteriores á Galicia administrativa de lingua e cultura galegas, e que polo Bierzo supuxo a entrada na RAG do berciano Héctor Silveiro.
c) O premio Xarmenta 2006 que se lle entregou á RAG en mans do seu presidente, Xosé Ramón Barreiro, e a promesa pública que este fixo perante centos de persoas de traballar para que axiña un ano das Letras Galegas fose dedicado á figura enorme e ignota de Antonio Fernández Morales.

Coidamos desde o Bierzo que ese ano, ese tempo, por xustiza literaria cun autor magnífico, por fraternidade lingüística e por urxente necesidade do galego do Bierzo, ese tempo xa é chegado, polas seguintes razóns:

1.- Escribe en 1861, antes que Rosalía e có Albun de la Caridad unha inmensa obra en lingua galega.
2.- É equiparable ao labor de Pintos e non ten en absoluto menor valor literario que moitas outras figuras do noso Rexurdimento.
3.- Foi un militar ilustrado, progresista e liberal, masón e republicano, que bebeu
das mesmas fontes ideolóxicas có noso Rexurdimento.
4.- A súa obra é un retrato preciso e precioso da vida, lingua e cultura do Bierzo no século XIX, perfectamente equiparable á Galicia coetánea.
5.- A riqueza lingüística e antropolóxica da súa obra é admirable.
6.- Rehabilitando Morales, a RAG contribúe á nobre causa da dignificación da lingua galega no Bierzo, onde o galego sobrevive baixo mínimos e onde se traballa pola conservación das súas lingua e cultura, que tamén son as nosas.
7.- Lembrando Morales, a RAG cumpre co estipulado nos seus estatutos verbo das franxas exteriores, contribúe a alicerzar a autoestima dos falantes destas zonas e de paso reforza tamén a autoestima e o orgullo do galego en Galicia (que falta fai nestes tempos).

Por todo isto, solicitamos que Fernández Morales sexa o persoeiro
homenaxeado nas Letras Galegas do ano 2011


BIBLIOGRAFÍA DE e SOBRE

ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES




BIBLIOGRAFÍA



Álvarez Blanco, R. (1996): “Na estrema do galego: a lingua do Bierzo baixo transmitida por Fernández Morales”, en R. Lorenzo (ed.) Homenaxe á Profesora Pilar Vázquez Cuesta. Santiago: USC [reeditado en Fernández y Morales 2003, pp. 49-108].
Álvarez Pousa, C./ Costas González, X.H. (2002): Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960). Santiago: Ed. Positivas.
Angueira Viturro, A. (2003a): “Ensayos poéticos en dialecto berciano”, n’A Trabe de Ouro 53, pp. 39-53.
Angueira Viturro, A. (2003b): “Achega literaria ós Ensayos poéticos en dialecto berciano”, en Fernández y Morales, A. (2003), pp. 29-47.
Balboa de Paz, J.A. (1995): “Liberales y progresistas en la literatura berciana”, en Revista de Estudios Bercianos 22, pp. 29-50.
Balboa de Paz, J.A. (2002): Antonio Fernández y Morales: antología poética. Cacabelos: Ayuntamiento de Cacabelos.

Fernández y Morales, A. (1861): Ensayos poéticos en dialecto berciano, por el Comandante de Infantería e Inspector Provincial de Estadística, D. Antonio Fernández y Morales, con una introducción sobre lenguas, dialectos, subdialectos y jergas en general, y el origen del berciano, lengua y dialectos castellanos y gallegos en particular, por D. Mariano Cubí y Soler, autor de varias obras filológicas, fundador de dos colegios literarios, y propagandista de la frenología en España. León: Establecimiento tipográfico de la Viuda e Hijos de Miñón.
Fernández y Morales, A. (2003): Ensayos poéticos en dialecto berciano. Ponferrada: Instituto de Estudios Bercianos [edición facsimilar con catro estudos introdutorios de J.A. Balboa de Paz, M. Gutiérrez Tuñón, A. Angueira Viturro e R. Álvarez Blanco].

Fernández de Rota, X.A., Fidalgo Santamariña, X.A. e González Reboredo, X.M. (coord) (1993): Actas do Simposio de Antropoloxía “Lindeiros da Galeguidade” II. Santiago: Consello da Cultura Galega.

González Reboredo, X.M. e Fernández de Rota, X.A. (coord) (1992): Actas do Simposio de Antropoloxía “Lindeiros da Galeguidade” I. Santiago: Consello da Cultura Galega.

Santamarina Fernández, A. (1996): “O Rexurdimento do XIX no galego do Bierzo”, en Actas da IV Xornada de Cultura e Lingua Galegas no Bierzo. Vilafranca do Bierzo: A.C. Escola de Gaitas.