domingo, 25 de abril de 2010

PRONUNCIAMENTOS DE ALUMN@S NA 5ª ESCOLA FERMÍN PENZOL



Na 5ª Escola Fermín Penzol celebrada recentemente no Bierzo, alumn@s das primeiras promociois do ensino voluntario de galego nesta comarca pronuncíabanse así sobre a súa experiencia nestes anos de contacto coa lingua. Recollemos aquí as súas palabras textualmente coa sinceridade e espontaneidade que foron ditas:
"Chámome Carla Mejía López, teño dezasete anos e curso 2º de Bacharelato no IES Europa de Ponferrada e son unha orgullosa estudante de galego que forma parte da primeira promoción do programa de galego en Ponferrada.

Levo xa nove anos estudando esta lingua. Comecei a estudar galego en cuarto de primaria, mais os meus contactos co galego e por extensión con Galiza comezan con todas as lembranzas que teño da miña infancia en Sada, xa que estiven alí vivindo ata os seis anos. Cando vin vivir a Ponferrada descubrín que o galego é un idioma que traspasa as fronteiras administrativas de Galiza, pois atopein que a maioría da miña familia falaba tamén este idioma. Para nada se me fixo raro ver persoas do Bierzo que falaban galego posto que o Bierzo está moi preto de Galiza e incluso algunhas persoas o consideran como a quinta provincia galega. Ademais este non é o único lugar de España onde se fala galego fóra das fronteiras administrativas senón que tamén podemos atopar xente falando galego en lugares como o Lago de Sanabria en Zamora ou o Val das Ellas en Estremadura, entre outros, e ese é un dos motivos polo que debemos loitar por conservar o galego nestas zonas. Porque esta lingua ábrenos unha porta directa con Galiza e coa súa cultura pero tamén nos dá a posibilidade de estudar o portugués, unha lingua irmá, entre outras moitas vantaxes deste idioma.

Pero pronto tamén me dei de conta que hai xente que non entende que aquí no Bierzo se fale galego ou que incluso se fale na propia Galiza e o que eu lles digo e que son eu a que non os entendo a eles cando opinan dese modo. Porque non é xusto que se menosprecen unhas linguas e outras se alaben como se as linguas tivesen prestixio por si mesmas, cando en realidade deberían ser todas iguais.

Outro aspecto que tampouco me gusta con respecto ao galego é o feito de que se utilice con fins políticas, cando a lingua debería estar por riba de calquera interese porque un idioma como o galego é moito máis que unha simple fala, é cultura, é arte, e é tamén unha ponte que une aos bercianos/as e aos galegos/as e por iso non podemos deixar que o boten polo chan.

E iso é o que me gustaría: que a xente que pensa desa forma negativa sobre o galego cambiase o seu punto de vista e comezase a pensar no galego como unha lingua máis de todas as que hai no mundo e que se loite por coidala e porque non desapareza."



"Boas tardes, eu chámome Paula Abraila e son alumna do IES. Europa en Ponferrada. Pertenzo á primeira promoción de estudantes que cursan galego en Ponferrada e á segunda promoción do Bierzo. Levo estudando galego dende 3º de primaria e síntome feliz de facelo. Ninguén me mandou ir e apuntarme para aprender a lingua que temos aquí mesmo, ao lado da nosa casa.

Empecei a estudala porque vin que escoller galego era unha boa idea e dende o primeiro ano que impartiron a materia de plástica nesta lingua eu optei por tela como a miña opción. Ademais de plástica, tamén estudei xeografía e historia en primeiro, segundo, terceiro e cuarto da ESO, sumando en cuarto a materia de lingua e cultura galegas que aínda estou a cursar nestes momentos.

Penso que o galego pode abrir moitas portas aos estudantes desta lingua, nós estamos ao lado mesmo de Galicia e posiblemente se queremos traballar ou estudar alí necesitaremos o galego para comunicarnos e para recordar a todos aqueles que a falaran hai uns cantos anos. Ademais eu teño familia na Coruña e penso que estudando galego tamén consigo ter unha maior relación con eles, estou máis cerca deles.

A min gústame o galego porque é unha lingua que sempre vai axudar a que teñas outro coñecemento máis, penso que ao igual que o inglés, temos tamén o galego e iso sempre conta, cantos mais idiomas coñezamos mellor para nós, xa que unha lingua nunca vai pechar unha porta, se non que posiblemente abra moitas máis das que podemos imaxinar.

Paréceme ben que grazas á Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León teñamos a oportunidade de estudar algo que nos gusta tanto, co que nos sentimos tan ben e que, como xa dixen, abre portas e nunca as pecha."






"Chámome Marcelino Abad, teño dezasete anos e síntome galego. Empecei a tomar clases cando ía a primeiro da ESO, agora, ás portas da Universidade, podo dicir que son un máis de vós, porque o galego non nace, faise.

Certo é que non teño lazos directos con Galiza, agás o nacemento da miña avoa nesas terras, e a prohibición que lle fixeron de facer uso da súa lingua para converterse nunha “señorita de bien”. Malia isto, Galiza é a miña patria, os seus mares son o meu perfume, as xentes súas o meu sorriso, as súas aldeas símbolos de fraternidade.

Orgulléceme falar a lingua dun pobo milenario, escoitar o sentir da miña avoa en cada unha das miñas palabras, dicir pantalois é sinal de identidade. Practicar a “gheada” ou o seseo e dar portazo a anos de burla e sometemento é ledicia.

Falo unha lingua proletaria, mariñeira, labrega porque me sae de dentro e é o que sinto. Falo a lingua nai de tantos de vostedes, falo lingua berciana, falo galego.

As fronteiras administrativas non deben ser fronteiras lingüísticas, e o digo eu, un berciano nacido en Ponferrada, de alma galega. Non pode ser, Galiza está no Bierzo dende tempos remotos, e iso non atende a un acordo entre políticos modernos.

Malia o anterior, unha tristura aceda percorre o meu interior ao ir a Galiza e non escoitar galego. Ao ver a mocidade falando de “shopping, sales, ítems…” e non escoitar galego. Ao entrar nunha tenda e non escoitar galego. Ao non escoitar galego.

Non o podo entender. As linguas, a cultura que se respira por cada un dos buracos do mundo, son billetes á felicidade, á mestizaxe, á cordialidade. Non me coce ver galegos falando vietnamita mentres desprestixian a súa lingua nai, arremetendo contra ela coma se fose unha criminal, tachándoa de bruta, bárbara, ruda.

Non o debemos permitir. Non, é o noso máis brillante patrimonio. O máis grave é que os galegos seguimos sufrindo persecución, continuamos sendo motivo de mofa, base de chistes e comentarios. É rexeitable que a figura do galego siga sendo, no século XXI, despectiva, coma dicía unha política, cuxo nome non quero lembrar, hai pouco.

Todos nós debemos mobilizarnos, saír a rúa a prol da nosa lingua, e impedir que falcatruadas de semellante tonelaxe pasen impunes ante a vista social. Debemos avogar polo galego, polo noso, polo da casa, e non acatar as ordes de “políticos truequistas” que negocian co noso país coma moeda de cambio, dividindo a sociedade en torno ós intereses das súas cores políticas, mentres coartan o noso dereito a ser galegos, a estudar galego, a vivir coma galegos. Si, sintamos a calor da pasada mobilización do 21 de xaneiro , en contra do novo decreto de estudo.

Somos moitos os bercianos galegos. Somos moitos os que nos enorgullecemos de ser galegos. Somos moitos os que levamos a palabra galega na nosa equipaxe, aínda que temos que ser máis.

Finalmente, quixera pedirlle á RAG que dedicara o próximo “Día das Letras Galegas” a Fernández e Morales, polo SEU LABOR A PROL DA NOSA LINGUA, en nome dos galegos ORIENTAIS."

1 comentario: