venres, 7 de maio de 2010

Achéganse as Letras do 2010


O ano 2010 o Día das Letras Galegas será homenaxeado UXÍO NOVONEYRA o poeta do Caurel e que lembraba hai anos no Teatro de Vilafranca a súa relación co Bierzo e tamén a súa querencia pola lingua. Do texto "Homenaxe Póstumo a NOVONEYRA" escrito da Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafrannca coa ocasión do seu falecemento deixamos aquí este anaco:

"Pouco, case que nada, tense escrito no Bierzo acerca do recente e lamentable pasamento do poeta do Caurel, do poeta da fala galega oriental, como el mesmo gustaba dicir. Quizás non sexa un home moi coñecido nos círculos literarios leoneses, pero sen dúbida non era un descoñecido no Bierzo. A súa voz está considerada como unha das mellores voces poéticas do século XX e desempeñou un papel destacado no mundo da cultura galega, mesmo nos derradeiros anos da súa vida cando foi nomeado, entre outras cousas, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Pois ben, Uxío Nononeyra tamén se soubo achegar ao Bierzo, que como veremos sentiu dende neno moi próximo a el. Unha das últimas intervenciois na variopinta vida cultural do Bierzo que este home protagonizou foi fai xa hai uns anos en Vilafranca do Bierzo, nun recital poético que abarrotou o Teatro Vilafranquino con motivo da clausura das II Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo ( 21 de agosto de 1994). Naquela ocasión Uxío Novoneyra deu as claves nas que o Bierzo aparece nos seus poemas, no seu mundo poético. Dixo daquela:
Cando nos anos anteriores ós corenta do Courel se tiña que saír a unha vila grande, estaban á mesma distancia Sarria, Quiroga, O Barco e Vilafranca. Para aquí viñan arrieiros ó viño i os vendedores de cabalos. Era pois unha vila habitual da que se contaban cousas. E na miña mente de neno estaba pousada na nunha distancia íntima, realizable… Era terra de un que logo se distanciou ó dirixírense as vías de comunicación para outro lado, ó deixarse o cabalo…pero sin que caise nunca fóra do meu tempo, nin fóra de Galicia. Logo, -proseguía o poeta- soupen que senón na Galicia administrativa, Vilafranca era Lingua de Galicia, a que falaron os homes que a construíron. Os mesmos que fixeron a Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos cando se esqueza o noso nome i o noso rostro.-Finalmente remataba- O meu soño cara o Universo-Mundo e cara o Futuro soñeino mirando cara o Leste”.
O Leste para Uxío Novoneyra era sempre cara Vilafranca, mirando o camiño que vai polo monte:

“ Eu non sei para onde vai
Mentre-lo quedo mirando.
Sólo sei que eilí se compre
O soño que estou soñando…”

É pois un poeta que debe ser necesaria e xustamente lembrado dende o Bierzo, mesmo utilizando esa Lingua que nos é común, que nos comunica coa Galicia “Do Courel a Compostela”, esa Lingua que nos fixo e na que logo quedaremos, Lingua de labregos destas terras do Leste onde hoxe Galicia acaba en soave transcurso, como Uxío Novoneyra deixou dito aquela tarde do vrao do ano 94.

Ningún comentario:

Publicar un comentario