xoves, 24 de xuño de 2010

Amancio Prada, J.C. Mestre e un numeroso grupo de bercianos súmanse á solicitude de Morales 2011


Un nutrido e coñecido grupo de escritores bercianos e de persoas ligadas á cultura asinan unha nova petición conxunta dirixida á Academia Galega solicitando que Fernández Morales sexa homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas. Asinan este texto dende o coñecido cantautor Amancio Prada ata Juan Carlos Mestre, premio nacional de poesía no 2009 ou César Gavela entre outros representativos do mundo da cultura no Bierzo. Na listaxe de autores están tamén o escritor e cineasta Valentín Carrera ou a poeta Carmen Busmayor. Remitimos á listaxe enteira que aparece xunto co texto que remitiron á RAG continuación:



As persoas que asinan solicitude queren manifestarlle o seu apoio á petición realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo ano, 2011, sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales, autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861).
Varios son os argumentos que quixeramos expoñer brevemente para asentar dita petición que consideramos tamén nosa. O do valor literario da obra, o de ser fieis a día de hoxe ás intenciois que levaron a Morales a escribila e, finalmente, o enriquecemento que esta iniciativa supón tanto para os bercianos como para os galegos do presente século.
O primeiro que resaltamos é o valor intrínseco deste libro, equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos. Destacaríamos que é, sen dúbida, un dos mellores cantos que se teñen escrito á terra berciana no século XIX. Está conformada por un conxunto de poemas que se encontran entre os máis antigos do movemento literario chamado Rexurdimento, escritos e editados no ano 1861, aínda que será dous anos despois cando dá comezo oficialmente dito movemento, un 17 de maio de 1863, data na que se publican os “Cantares Gallegos” de Rosalía (motivo polo cal se celebran nesta data o Día das Letras Galegas). Dáse a feliz circunstancia a ter en conta de que no 2011 se cumpren polo tanto os 150 anos da súa publicación.
Morales, por outra parte, é autor dunha fermosa creación literaria baseada na fala natural das súas xentes, das máis humildes. Levado polo amor que demostra pola fala dos bercianos do XIX, o poeta no prólogo dunha obra non pequena ( falamos de varios miles de versos ) comenta en canto as súas intenciois: “legar á posteridade” certos costumes do Bierzo
para “dar unha idea rica do subdialecto que nel se fala”. “O dialecto… non está en exercicio entre la clase culta da sociedade berciana, quedando relegado ao exclusivo dominio das masas”. Trata logo de facer da tradición literatura, recoñecendo á vez, tanto o seu uso na comarca en tempos remotos, como o seu valor, unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra, ademais de ser o berciano un subdialecto do galego do vai procurar usar as fórmulas máis puras.
Finalmente debemos constatar que, homenaxear a Antonio Fernández Morales o Día das Letras do próximo ano, é unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación deste aporte berciano á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos.
Rematar estes breves apuntamentos que acompañan a nosa solicitude, destacando algo que por obvio non quixeramos deixar de citar. Esta celebración axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras facilitar a súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) co acordo das administraciois implicadas de Castela e León e de Galicia.

Asinan este escrito:
Amancio Prada, músico
Juan Carlos Mestre, poeta
César Gavela, escritor
J. Antonio Balboa, historiador
Carmen Busmayor, escritora
Valentín Carrera, cineasta
Germán Valcarce, xornalista
Ester Folgueral, poeta
Miguel Varela, teatro Bergidum
Luís Paradelo, escritor
Elena Soto, poeta
Manuel Cuenya, escritor
Fermín López Costero, escritor
J.A. Robés, fotógrafo
Ricardo López Témez, xornalista
Mar Palacios (Instituto de Estudios Bercianos)
Héctor Silveiro, Comisión Martín Sarmiento
Paco Macías, editor

O Bierzo, 24 de xuño de 2010.

Este escrito circula xa pola rede en A Morteira ou Bierzodiario

Ningún comentario:

Publicar un comentario