sábado, 19 de xuño de 2010

OS ACADÉMICOS CORRESPONDENTES APOIAN A PROPOSTA DE MORALES 2011


A continuación colgamos aquí o texto que remitiron os Académicos correspondentes da Galicia non administrativa de Carlos Aenlle do Eo-Navia de Asturias, Felipe Lubián das Portelas de Zamora e Domingo Frades do Val do Ellas de Estremadura, apoiando a solicitude dirixida á ACADEMIA GALEGA feita dende o Bierzo polo seu compañeiro Héctor Silveiro para que Antonio Fernández Morales sexa o autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas do 2011. Podedes ver en Vieiros tamén unha nota facéndose eco da proposta.

A/A do Excmo. Sr. D. Xosé Luis Méndez Ferrín:
Vilafranca do Bierzo 15 xuño 2010

Estimado Sr. Presidente da Real Academia Galega:

É para min unha honra e un pracer, ademais dun deber, o feito de redactar este escrito dirixido á Real Academia Galega, escrito que asinaremos e remitiremos colectivamente os académicos correspondentes (aínda que cada quen dende o seu lugar de residencia), académicos que con bo, xeneroso e xusto criterio foron nomeados no seu día pola Institución que vostede tan acertadamente preside para representar ás terras galegofalantes, irmás na lingua, mais pertencentes hoxe ás Comunidades Autónomas de Castela e León, Asturias e Estremadura.
O motivo deste escrito é o de solicitar da RAG que o próximo ano 2011 o Día das Letras Galegas se lle dedique a un escritor nado en Astorga, coma tamén o fixo Marcelo Macías, Andrés Martínez Salazar ou Martínez Risco, pero berciano coma o Padre Sarmiento, Fermín Penzol ou Ramón González Alegre; estremeiro coma o eonaviego Armando Cotarelo Valledor ou coma a valverdeira Isabel López Lajas…todas elas figuras indispensables sen as que a cultura galega non se pode concibir. Trátase do autor Antonio Fernández Morales que nos legou os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861), quen “por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo”, como ben asegura o profesor Anxo Angueira nunha edición recente desta obra.

D. Antonio Fernández Morales (1817-1896) a pesar de nacer en Astorga, residiu dende pequeno e unha gran parte da súa vida en Cacabelos, onde aprendeu galego na convivencia diaria cos seus veciños. Militar liberal e progresista (entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui), foi gobernador militar de varias provincias españolas e entre outros cargos políticos, foi Deputado Provincial pola “Provincia” de Vilafranca no ano 1872, lugar onde coñecera en 1847 ao filólogo catalán Mariano Cubí, quen o animara a escribir en galego. A pesar dos distintos destinos e ascensos, sempre tivo casa no lugar que consideraba a súa terra, en Cacabelos, onde finalmente foi soterrado no cemiterio da Edrada o 16 de agosto do 1896.
As razóns, ou “razois” como el mesmo diría, nas que baseamos esta solicitude quixémolas sustanciar en dous piares básicos no presente escrito: o do valor literario que para a Historia da Literatura Galega ten a súa obra e a significativa proclama a prol da Lingua Galega que realiza como baluarte natural e propio da identidade que comparten neste caso o Bierzo e Galicia, ademais de convertelo nun claro valor referencial á hora de representar nesta ocasión aos galego-estremeiros.
Unha primeira razón aséntase, en sentido estrito, no autor e na súa obra porque cremos que homenaxear a Fernández Morales, redunda nun dos obxectivos que a celebración das Letras Galegas persegue: o de promover o estudo e a difusión de obras e autores, que a pesar de seren merecedores de tal honra, non foron ata o momento, polos motivos que fose, o suficientemente divulgados e o seu coñecemento aínda está limitado a ámbitos moi concretos e marxinais. Antonio Fernández Morales encaixa perfectamente nese perfil, sendo un clarísimo expoñente do movemento literario que consolida o chamado Rexurdimento das nosas Letras e o mellor representante deste movemento para o Bierzo, que agroma, como é ben sabido, non no ano 1863, senón dous anos antes da publicación dos Cantares de Rosalía, dándose a feliz coincidencia que no ano que vén cumpre precisamente o seu 150 aniversario.
Este autor, aínda insuficientemente investigado, de calidade comparable a autores contemporáneos, como X. M Pintos ou Antonio de la Iglesia, é o creador dalgúns dos poemas “máis antigos do Rexurdimento” sendo especialmente peculiar a súa obra por ser esta inspirada, non tanto no espírito de dignificación de Galicia ( casos de Añón, de Rosalía, Curros ou Pondal), como si pola necesidade de “legar á posteridade” unha lingua ( se cadra habería que falar mellor dun dialecto) comprendida como unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra. Coincide así cos autores citados anteriormente no interese por concienciar deste xeito aos seus lectores sobre a identidade do seu pobo. Como deixou dito no ano 97 Antón Santamarina nunha achega que fixera nas IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, todos estes poetas “converten o costume e a tradición en literatura”. Os “cachois” que serven de feraz aporte lexicográfico son outro elemento singular a ter en conta como un valor intrínseco deste libro, como ben asegura no seu exhaustivo estudo a profesora Rosario Álvarez Blanco. É pois necesario incorporar plenamente ao elenco de autores do rexurdir literario das nosas Letras a alguén que se ignorou tanto no pasado (no libro dos Precursores de Murguía non se cita a Morales) como se ignora no presente (os libros de texto, as antoloxías, etc…) a pesar dos esforzos realizados por parte de estudosos como Angueira, Santamarina, Balboa e non tan recentemente por Carré Aldao, e a pesar das referencias de Carballo Calero que se nos antollan máis negativas e un tanto parciais.

Hai unha segunda razón que quixeramos expoñer pensando na terra e ás xentes ás que outorga tanto protagonismo a obra de Morales e facendo unha lectura máis ideolóxica da mesma. O cacabelense que invita no prólogo aos seus lectores bercianos e foráneos a recuperar o uso escrito dos dialectos tamén deixa patente a súa preocupación pola situación cultural e política do Bierzo. Como ben apuntou o historiador berciano J.A. Balboa participa dos mesmos principios que alimentaron o Rexurdimento, léase laicismo, liberalismo, progresismo e democracia, para devolverlle neste caso ao Bierzo a dignidade cultural e lingüística, a conciencia da súa identidade.

Efectivamente será Morales quen lle lembre ás xentes do Bierzo literalmente e dende o seu prólogo que o berciano é un subdialecto galego, o que une ineludible e intimamente a esta Comarca con Galicia, outorgándolle ao idioma ese valor esencial da cultura e símbolo transcendente da súa individualidade, que a toda costa pretende se faga evidente aos seus lectores. Será talvez esta outra das razóns, non confesadas, polas que escolle a fala do Bierzo Baixo (a que el mellor coñecía) sobre todo porque é a que o sitúa dun xeito máis imparcial ante a histórica disputa entre Castela e Galicia polo territorio. O cidadán berciano sábese fronteirizo e territorio de vello disputado, lémbrallo o mesmo Morales nuns dos seus versos máis citados referidos a Vilafranca, a capital histórica da Provincia que uniu, administrativamente e por breve espazo de tempo, as terras xa de por si próximas do Bierzo e Valdeorras :

"Cual tesoro q’a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta”


O noso autor lonxe de incitar ou promover este conflito, no que, como home político que era, tiña opinión, sen deixar de citalo, axiña volve a súa vista cara a lingua e redobra os seus esforzos en darlle cobertura escrita a fala e aos costumes como soporte de identidade cultural para o Bierzo. Poñamos tamén nós á atención nestes aspectos referentes á situación da lingua nesta comarca.

Se ben a Real Academia deu un primeiro paso transcendental para o recoñecemento do galego no Bierzo, puideramos dicir que institucionalizou o galego como idioma propio para os bercianos do século XXI, (e daquela tamén para algúns galegos desmemoriados), ao organizar unha sesión en homenaxe a Sarmiento en Vilafranca, e quixo deixar constancia da súa preocupación pola lingua máis aló do Cebreiro; logo, a RAG deu outro paso cara adiante nomeando a académicos correspondentes nos territorios galegofalantes situados fóra da Galicia administrativa e ratificando o seu dereito a intervir na defensa do galego nestas terras. Agora a Academia celebrando o Día das Letras na honra de Morales dará un paso máis, firme e contundente, na defensa da lingua, facendo visible a propios e estraños que esta lingua é patrimonio natural do Bierzo, pois é o autor dos ensaios en dialecto berciano o homenaxeado e á vez patrimonio común que comparte Galicia con todos os territorios de fala galega.

É pois unha razón poderosa para reclamar esta celebración na terra de Fernández Morales no presente século, ademais dunha gran oportunidade de que avance o camiño da reconciliación coa identidade que está realizando o Bierzo á hora de incorporar o galego ao ensino en colexios e institutos máis de mil familias de xeito voluntario, á hora de ser recoñecido polo seu Consello Comarcal ou lograr que apareza mesmo na lexislación da Comunidade Autónoma á que pertence; que se constitúa, nesta ocasión, en algo máis que un acto puntual ou anecdótico, que asente o galego como un baluarte irrenunciable da súa identidade, e de novo impulsado por unha institución como a RAG, respectable e respectuosa, cargada de responsabilidade e sentido común, que por riba dos prexuízos que hoxe aínda manifestan moitos, dentro e fóra do Bierzo e de Galicia, ten como singular cometido velar pola saúde deste idioma alí e onde se fala. Unha garantía e unha consecuencia máis do seguimento coherente do labor que a propia Academia instaurou con relación aos territorios que falan galego fóra da Galicia administrativa.

Esperando e agradecendo de antemán que esta iniciativa chegue a bo porto na sede da Rúa Tabernas da Coruña e sexa acollida coa mesma ilusión coa que a estamos a impulsar dende os territorios galegofalantes que humildemente representamos e que xa conta con numerosos apoios e pronunciamentos.
Saúdalle atentamente,

Héctor M. Silveiro Fernández
Académico correspondente do Bierzo da RAG

1 comentario:

  1. Mal tía podido ser deputado pela "província" de Vilafranca em 1872 quando já fora supressa em 1833 que é a data dende a que manda a divissom provincial ata hoje...

    Tería sido deputado da província lionesa pelo partido de Vilafranca (o que segundo Verardo García Rey falava galego, e pouco se equivocou matizando que em Fornela falam lionês)que hoje já nom esiste, foi incorporado ò moderno partido de Ponferrada que abrange todo O Bércio administrativo...

    ResponderEliminar