xoves, 24 de xuño de 2010

Amancio Prada, J.C. Mestre e un numeroso grupo de bercianos súmanse á solicitude de Morales 2011


Un nutrido e coñecido grupo de escritores bercianos e de persoas ligadas á cultura asinan unha nova petición conxunta dirixida á Academia Galega solicitando que Fernández Morales sexa homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas. Asinan este texto dende o coñecido cantautor Amancio Prada ata Juan Carlos Mestre, premio nacional de poesía no 2009 ou César Gavela entre outros representativos do mundo da cultura no Bierzo. Na listaxe de autores están tamén o escritor e cineasta Valentín Carrera ou a poeta Carmen Busmayor. Remitimos á listaxe enteira que aparece xunto co texto que remitiron á RAG continuación:



As persoas que asinan solicitude queren manifestarlle o seu apoio á petición realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo ano, 2011, sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales, autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861).
Varios son os argumentos que quixeramos expoñer brevemente para asentar dita petición que consideramos tamén nosa. O do valor literario da obra, o de ser fieis a día de hoxe ás intenciois que levaron a Morales a escribila e, finalmente, o enriquecemento que esta iniciativa supón tanto para os bercianos como para os galegos do presente século.
O primeiro que resaltamos é o valor intrínseco deste libro, equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos. Destacaríamos que é, sen dúbida, un dos mellores cantos que se teñen escrito á terra berciana no século XIX. Está conformada por un conxunto de poemas que se encontran entre os máis antigos do movemento literario chamado Rexurdimento, escritos e editados no ano 1861, aínda que será dous anos despois cando dá comezo oficialmente dito movemento, un 17 de maio de 1863, data na que se publican os “Cantares Gallegos” de Rosalía (motivo polo cal se celebran nesta data o Día das Letras Galegas). Dáse a feliz circunstancia a ter en conta de que no 2011 se cumpren polo tanto os 150 anos da súa publicación.
Morales, por outra parte, é autor dunha fermosa creación literaria baseada na fala natural das súas xentes, das máis humildes. Levado polo amor que demostra pola fala dos bercianos do XIX, o poeta no prólogo dunha obra non pequena ( falamos de varios miles de versos ) comenta en canto as súas intenciois: “legar á posteridade” certos costumes do Bierzo
para “dar unha idea rica do subdialecto que nel se fala”. “O dialecto… non está en exercicio entre la clase culta da sociedade berciana, quedando relegado ao exclusivo dominio das masas”. Trata logo de facer da tradición literatura, recoñecendo á vez, tanto o seu uso na comarca en tempos remotos, como o seu valor, unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra, ademais de ser o berciano un subdialecto do galego do vai procurar usar as fórmulas máis puras.
Finalmente debemos constatar que, homenaxear a Antonio Fernández Morales o Día das Letras do próximo ano, é unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación deste aporte berciano á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos.
Rematar estes breves apuntamentos que acompañan a nosa solicitude, destacando algo que por obvio non quixeramos deixar de citar. Esta celebración axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras facilitar a súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) co acordo das administraciois implicadas de Castela e León e de Galicia.

Asinan este escrito:
Amancio Prada, músico
Juan Carlos Mestre, poeta
César Gavela, escritor
J. Antonio Balboa, historiador
Carmen Busmayor, escritora
Valentín Carrera, cineasta
Germán Valcarce, xornalista
Ester Folgueral, poeta
Miguel Varela, teatro Bergidum
Luís Paradelo, escritor
Elena Soto, poeta
Manuel Cuenya, escritor
Fermín López Costero, escritor
J.A. Robés, fotógrafo
Ricardo López Témez, xornalista
Mar Palacios (Instituto de Estudios Bercianos)
Héctor Silveiro, Comisión Martín Sarmiento
Paco Macías, editor

O Bierzo, 24 de xuño de 2010.

Este escrito circula xa pola rede en A Morteira ou Bierzodiario

mércores, 23 de xuño de 2010

Morales 2011 recibe novos apoios dende o Bierzo

Varios entes culturais do Bierzo acaban de facer público o seu apoio á solicitude de Morales para as Letras Galegas do 2011. Trátase de entes tan prestixiosos como o Instituto de Estudios Bercianos ou tan coñecidos na reivindicación do galego no Bierzo como Asociación cultural Escola de Gaitas de Vilafranca, Fala Ceibe ou Xarmenta e Vagalume, a asociaciois ligadas ao traballo co medio ambiente como A Morteira, a recuperación e a dinamización da cultura no rural, Asociación Taxus, ao que hai que engadir o propio colectivo dos docentes de lingua galega no Bierzo.

sábado, 19 de xuño de 2010

OS ACADÉMICOS CORRESPONDENTES APOIAN A PROPOSTA DE MORALES 2011


A continuación colgamos aquí o texto que remitiron os Académicos correspondentes da Galicia non administrativa de Carlos Aenlle do Eo-Navia de Asturias, Felipe Lubián das Portelas de Zamora e Domingo Frades do Val do Ellas de Estremadura, apoiando a solicitude dirixida á ACADEMIA GALEGA feita dende o Bierzo polo seu compañeiro Héctor Silveiro para que Antonio Fernández Morales sexa o autor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas do 2011. Podedes ver en Vieiros tamén unha nota facéndose eco da proposta.

A/A do Excmo. Sr. D. Xosé Luis Méndez Ferrín:
Vilafranca do Bierzo 15 xuño 2010

Estimado Sr. Presidente da Real Academia Galega:

É para min unha honra e un pracer, ademais dun deber, o feito de redactar este escrito dirixido á Real Academia Galega, escrito que asinaremos e remitiremos colectivamente os académicos correspondentes (aínda que cada quen dende o seu lugar de residencia), académicos que con bo, xeneroso e xusto criterio foron nomeados no seu día pola Institución que vostede tan acertadamente preside para representar ás terras galegofalantes, irmás na lingua, mais pertencentes hoxe ás Comunidades Autónomas de Castela e León, Asturias e Estremadura.
O motivo deste escrito é o de solicitar da RAG que o próximo ano 2011 o Día das Letras Galegas se lle dedique a un escritor nado en Astorga, coma tamén o fixo Marcelo Macías, Andrés Martínez Salazar ou Martínez Risco, pero berciano coma o Padre Sarmiento, Fermín Penzol ou Ramón González Alegre; estremeiro coma o eonaviego Armando Cotarelo Valledor ou coma a valverdeira Isabel López Lajas…todas elas figuras indispensables sen as que a cultura galega non se pode concibir. Trátase do autor Antonio Fernández Morales que nos legou os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861), quen “por riba da inigualable riqueza antropolóxica e lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo”, como ben asegura o profesor Anxo Angueira nunha edición recente desta obra.

D. Antonio Fernández Morales (1817-1896) a pesar de nacer en Astorga, residiu dende pequeno e unha gran parte da súa vida en Cacabelos, onde aprendeu galego na convivencia diaria cos seus veciños. Militar liberal e progresista (entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui), foi gobernador militar de varias provincias españolas e entre outros cargos políticos, foi Deputado Provincial pola “Provincia” de Vilafranca no ano 1872, lugar onde coñecera en 1847 ao filólogo catalán Mariano Cubí, quen o animara a escribir en galego. A pesar dos distintos destinos e ascensos, sempre tivo casa no lugar que consideraba a súa terra, en Cacabelos, onde finalmente foi soterrado no cemiterio da Edrada o 16 de agosto do 1896.
As razóns, ou “razois” como el mesmo diría, nas que baseamos esta solicitude quixémolas sustanciar en dous piares básicos no presente escrito: o do valor literario que para a Historia da Literatura Galega ten a súa obra e a significativa proclama a prol da Lingua Galega que realiza como baluarte natural e propio da identidade que comparten neste caso o Bierzo e Galicia, ademais de convertelo nun claro valor referencial á hora de representar nesta ocasión aos galego-estremeiros.
Unha primeira razón aséntase, en sentido estrito, no autor e na súa obra porque cremos que homenaxear a Fernández Morales, redunda nun dos obxectivos que a celebración das Letras Galegas persegue: o de promover o estudo e a difusión de obras e autores, que a pesar de seren merecedores de tal honra, non foron ata o momento, polos motivos que fose, o suficientemente divulgados e o seu coñecemento aínda está limitado a ámbitos moi concretos e marxinais. Antonio Fernández Morales encaixa perfectamente nese perfil, sendo un clarísimo expoñente do movemento literario que consolida o chamado Rexurdimento das nosas Letras e o mellor representante deste movemento para o Bierzo, que agroma, como é ben sabido, non no ano 1863, senón dous anos antes da publicación dos Cantares de Rosalía, dándose a feliz coincidencia que no ano que vén cumpre precisamente o seu 150 aniversario.
Este autor, aínda insuficientemente investigado, de calidade comparable a autores contemporáneos, como X. M Pintos ou Antonio de la Iglesia, é o creador dalgúns dos poemas “máis antigos do Rexurdimento” sendo especialmente peculiar a súa obra por ser esta inspirada, non tanto no espírito de dignificación de Galicia ( casos de Añón, de Rosalía, Curros ou Pondal), como si pola necesidade de “legar á posteridade” unha lingua ( se cadra habería que falar mellor dun dialecto) comprendida como unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra. Coincide así cos autores citados anteriormente no interese por concienciar deste xeito aos seus lectores sobre a identidade do seu pobo. Como deixou dito no ano 97 Antón Santamarina nunha achega que fixera nas IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo, todos estes poetas “converten o costume e a tradición en literatura”. Os “cachois” que serven de feraz aporte lexicográfico son outro elemento singular a ter en conta como un valor intrínseco deste libro, como ben asegura no seu exhaustivo estudo a profesora Rosario Álvarez Blanco. É pois necesario incorporar plenamente ao elenco de autores do rexurdir literario das nosas Letras a alguén que se ignorou tanto no pasado (no libro dos Precursores de Murguía non se cita a Morales) como se ignora no presente (os libros de texto, as antoloxías, etc…) a pesar dos esforzos realizados por parte de estudosos como Angueira, Santamarina, Balboa e non tan recentemente por Carré Aldao, e a pesar das referencias de Carballo Calero que se nos antollan máis negativas e un tanto parciais.

Hai unha segunda razón que quixeramos expoñer pensando na terra e ás xentes ás que outorga tanto protagonismo a obra de Morales e facendo unha lectura máis ideolóxica da mesma. O cacabelense que invita no prólogo aos seus lectores bercianos e foráneos a recuperar o uso escrito dos dialectos tamén deixa patente a súa preocupación pola situación cultural e política do Bierzo. Como ben apuntou o historiador berciano J.A. Balboa participa dos mesmos principios que alimentaron o Rexurdimento, léase laicismo, liberalismo, progresismo e democracia, para devolverlle neste caso ao Bierzo a dignidade cultural e lingüística, a conciencia da súa identidade.

Efectivamente será Morales quen lle lembre ás xentes do Bierzo literalmente e dende o seu prólogo que o berciano é un subdialecto galego, o que une ineludible e intimamente a esta Comarca con Galicia, outorgándolle ao idioma ese valor esencial da cultura e símbolo transcendente da súa individualidade, que a toda costa pretende se faga evidente aos seus lectores. Será talvez esta outra das razóns, non confesadas, polas que escolle a fala do Bierzo Baixo (a que el mellor coñecía) sobre todo porque é a que o sitúa dun xeito máis imparcial ante a histórica disputa entre Castela e Galicia polo territorio. O cidadán berciano sábese fronteirizo e territorio de vello disputado, lémbrallo o mesmo Morales nuns dos seus versos máis citados referidos a Vilafranca, a capital histórica da Provincia que uniu, administrativamente e por breve espazo de tempo, as terras xa de por si próximas do Bierzo e Valdeorras :

"Cual tesoro q’a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta”


O noso autor lonxe de incitar ou promover este conflito, no que, como home político que era, tiña opinión, sen deixar de citalo, axiña volve a súa vista cara a lingua e redobra os seus esforzos en darlle cobertura escrita a fala e aos costumes como soporte de identidade cultural para o Bierzo. Poñamos tamén nós á atención nestes aspectos referentes á situación da lingua nesta comarca.

Se ben a Real Academia deu un primeiro paso transcendental para o recoñecemento do galego no Bierzo, puideramos dicir que institucionalizou o galego como idioma propio para os bercianos do século XXI, (e daquela tamén para algúns galegos desmemoriados), ao organizar unha sesión en homenaxe a Sarmiento en Vilafranca, e quixo deixar constancia da súa preocupación pola lingua máis aló do Cebreiro; logo, a RAG deu outro paso cara adiante nomeando a académicos correspondentes nos territorios galegofalantes situados fóra da Galicia administrativa e ratificando o seu dereito a intervir na defensa do galego nestas terras. Agora a Academia celebrando o Día das Letras na honra de Morales dará un paso máis, firme e contundente, na defensa da lingua, facendo visible a propios e estraños que esta lingua é patrimonio natural do Bierzo, pois é o autor dos ensaios en dialecto berciano o homenaxeado e á vez patrimonio común que comparte Galicia con todos os territorios de fala galega.

É pois unha razón poderosa para reclamar esta celebración na terra de Fernández Morales no presente século, ademais dunha gran oportunidade de que avance o camiño da reconciliación coa identidade que está realizando o Bierzo á hora de incorporar o galego ao ensino en colexios e institutos máis de mil familias de xeito voluntario, á hora de ser recoñecido polo seu Consello Comarcal ou lograr que apareza mesmo na lexislación da Comunidade Autónoma á que pertence; que se constitúa, nesta ocasión, en algo máis que un acto puntual ou anecdótico, que asente o galego como un baluarte irrenunciable da súa identidade, e de novo impulsado por unha institución como a RAG, respectable e respectuosa, cargada de responsabilidade e sentido común, que por riba dos prexuízos que hoxe aínda manifestan moitos, dentro e fóra do Bierzo e de Galicia, ten como singular cometido velar pola saúde deste idioma alí e onde se fala. Unha garantía e unha consecuencia máis do seguimento coherente do labor que a propia Academia instaurou con relación aos territorios que falan galego fóra da Galicia administrativa.

Esperando e agradecendo de antemán que esta iniciativa chegue a bo porto na sede da Rúa Tabernas da Coruña e sexa acollida coa mesma ilusión coa que a estamos a impulsar dende os territorios galegofalantes que humildemente representamos e que xa conta con numerosos apoios e pronunciamentos.
Saúdalle atentamente,

Héctor M. Silveiro Fernández
Académico correspondente do Bierzo da RAG

domingo, 13 de xuño de 2010

CAMPAÑA DE APOIO Á SOLICITUDE DE MORALES PARA AS LETRAS 2011

Comezou a campaña de apoio á solicitude á REAL ACADEMIA GALEGA para que sexa Antonio Fernández Morales o escritor homenaxeado con motivo do Día das Letras Galegas do 2011

A continuación colocamos unha carta modelo das que están circulando para que podedes persoalmente copiar, encher e remitir á RAG a esta dirección de correo: secretaria@realacademiagalega.org o texto é o que segue:


A/A DA PRESIDENCIA DA REAL ACADEMIA GALEGA

NOME E APELIDOS………………………………………………………………………………

profesión …………………………………

Localidade …………………………………

Retomando unha solicitude xa realizada ao anterior Presidente da Academia nun acto no Bierzo no ano 2007 no que se propoñía simplemente se considerase nunha data futura sen concretar a Antonio Fernández Morales como autor digno de ser tomado en conta para a celebración do Día das Letras Galegas, diríxome á institución que vostede preside co fin de solicitar que a RAG propoña a este poeta berciano como figura para ser homenaxeada no próximo ano, 2011, no Día das Letras Galegas coincidindo co cento cincuenta aniversario da publicación do seu libro “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861), libro publicado dous anos antes dos “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, obra de gran interese como precursor da escrita en galego do Rexurdimento, un importante aporte a este período realizado dende o Bierzo galegofalante.
Fernández Morales nado en Astorga, viviu dende pequeno e unha gran parte da súa vida en Cacabelos, onde aprendeu galego na convivencia diaria cos seus veciños, do mesmo xeito que hoxe fan voluntariamente nos centros de ensino do Bierzo máis de 1000 alumn@s co apoio das súas familias(como seguramente vostede sabe) para así formar parte do seu acervo cultural.
Morales era militar liberal e progresista (entre 1841 e 1845 estivo destinado en Tui), foi gobernador militar de varias provincias españolas e entre outros cargos políticos, foi Deputado Provincial por Vilafranca no ano 1872, lugar onde coñecera en 1847 ao filólogo Mariano Cubí, quen o animara a escribir en galego. A pesar dos distintos destinos e ascensos, sempre tivo casa no que consideraba a súa terra, en Cacabelos, onde tamén foi soterrado no cemiterio da Edrada o 16 de agosto do 1896.
Agradecémoslle pois que faga o posible para que esta solicitude humilde e sincera feita co mellor dos propósitos para o futuro da lingua galega no Bierzo sexa finalmente unha realidade o próximo maio do 2011.


En ………………………… a ………. de maio 2010