mércores, 4 de maio de 2011

ÉXITO DAS DRAMATIZACIOIS DOS POEMAS DE MORALES EN VILAFRANCA





O pasado 30 de abril tivo lugar a representación da Dramatización de algún dos poemas de Fernández Morales como un dos actos que na Festa de Maio pretendía ser unha homenaxe ao poeta berciano ao cumplirse o 150 aniversario do seu libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano". Foron representados anacos dos poemas "Villafranca y a vendima", "N´a volta da Sega", "A boda de Petriña" e algún epigrama, ademais de recitar versos soltos seleccionados de distintos poemas. o acto desenvolveuse no Teatro Vilafranquino aínda que estaba pensado en principio realizarse en distintos lugares da Rúa da Auga como parte da Ronda teatreira co que tradicionalmente a Asociación Cultural "Escola de Gaitas" inicia as celebraciois da Festa do Maio, pero a chuvia obrigou a usar o teatro decimonónico (do que parece que foi socio o propio Morales no seu tempo)para as dramatizaciois.




A dirección escénica foi obra do Grupo de Teatro Local e aínda que houbo tamén colaboraciois de diversos espontáneos e da propia Escola de gaitas, todas adaptaciois foron aplaudidas a rabiar polo público que abarrotaba o local que presentaba un aspecto florido e fermoso cheos os palcos de xestas floridas, carqueixas e cantroxos. Os espazos escollidos foron tamén un tanto inusuais pois ademais do escenario utilizáronse os palcos laterais e o patio de butacas polos que os actores foron aparecendo e actuando namentres entre cada peza as gaitas soaban para alegrar os entreactos. Houbo pezas que mesmo incluían pezas cantadas e acompañadas por gaita como foi o caso da primeira que se representou, a de "Villafranca y a vendima". Pezas que provocaron o sorriso do público que agradeceu a velada con cálidos e animosos aplausos. Fernández Morales como se comprobou nesta sesión segue logo provocando cos seus versos unha admirable empatía coas xentes do Bierzo.

O colofón da noite foi un concerto de distintos grupos (alguis promesas moi novas da Escola Municipal de Música e outros xa máis veteranos, así como un grupo invitado, Borderline 79) que tamén estaba previsto realizar ao aire libre, pero que, dada a climatoloxía adversa, tivo que tamén levarse a cabo no propio teatro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario