luns, 16 de maio de 2011

O BIERZO E AS LETRAS GALEGAS 2011



O BIERZO E AS LETRAS GALEGAS 2011

Non quixera deixar pasar esta data do 17 de maio, Día das Letras Galegas, sen comentar brevemente que o Bierzo, na persoa do editor Paco Macías, está intimamente implicado na homenaxe que se lle outorga a Lois Pereiro, este xenial e transgresor poeta monfortino.
É verdade que este ano 2011 no Bierzo nos gustaría ter celebrado o Día das Letras Galegas en Cacabelos, a patria de Antonio Fernández Morales, porque é o ano no que se cumpren os 150 anos da publicación do libro que marca para os bercianos ineludiblemente o comezo do Rexurdimento do galego no Bierzo. Os “Ensayos poéticos en dialecto berciano”(1861), cos seus 8000 magníficos versos na fala da comarca, constitúen unha obra clave para entender este momento crucial da literatura en galego do século XIX, á par de libros tan coñecidos como os “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro que se publica dous anos despois do de Morales. Daquela Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Valentín Carrera, Carmen Busmaior, Mar Palacios, J. A. Balboa entre outras coñecidas persoas da cultura nas que figuraba o noso Paco Macías, reclamamos formalmente desde o Bierzo e ante a Academia Galega esta celebración, pero terá que esperar. O escollido foi o monfortino Lois Pereiro, un poeta que morreu moi novo, no ano 1996, con trinta e poucos anos de vida, considerado poeta da xeración dos 80, década na que comeza a publicar os seus primeiros poemarios, ademais dun bo tradutor, ensaísta e cun gran compromiso coa lingua.
E é aquí, na edición dos libros de Lois Pereiro, onde o Bierzo dalgún xeito está directamente neste ano relacionado con esta data tan sinalada para a Literatura de Galicia. Deben saber que o editor en vida das obras de Lois Pereiro foi, case que exclusivamente, o emprendedor e audaz berciano Paco Macías, que fundou, e dirixe con acerto desde aqueles anos, Edicións POSITIVAS, unha editorial que se caracteriza por difundir creacións tan singulares como os “Poemas últimos de amor e enfermidade”1992-1995 ou unha das obras clave para comprender o mundo poético do autor que se homenaxea este 17 de maio.




Paco Macías naceu no Lago de Carucedo, ese lugar tan emblemático para o Bierzo, e reside habitualmente en Santiago. É filólogo e tradutor, ademais de editor recoñecido e innovador. En Edicións Positivas, entre as súas numerosas publicacións, hai varios títulos de autores bercianos como “As murallas de Berxida” de Fernando Cerezales ou de temática berciana como a “Escolma de poesía berciana en lingua galega “1860-1960)” porque Paco Macías é un berciano de cultura galega, idioma que mamou dos seus pais, comprometido e entusiasta militante da lingua ao igual que seu amigo persoal, Lois Pereiro, do que, obviamente, foi un privilexiado confidente.





Héctor M. Silveiro Fdez.
Académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario