mércores, 18 de maio de 2011

CADERNO DIDÁCTICO SOBRE MORALES


PRESENTACIÓN DO CADERNO DE TRABALLO: O REXURDIMENTO DO GALEGO NO BIERZO

HOMENAXE AO POETA BERCIANO
A Asociación Cultural Escola de Gaitas e a Comisión Cultural Martín Sarmiento queren dedicarlle ao poeta Antonio Fernández Morales este caderno de traballo de materiais didácticos co interese de difundir os seus escritos e render unha homenaxe ao autor dun libro moi singular e significativo publicado no ano 1861, un canto á terra do Bierzo, aos seus homes e mulleres, as súas xentes humildes.

POEMAS EN DIALECTO BERCIANO, SUBDIALECTO DO GALEGO
Morales pretende captar nos seus escritos a esencia da identidade do ser berciano que el asocia dun xeito brillante á súa fala. O propio autor vaino recoñecer así no prólogo do seu libro que titulou: “Ensayos poéticos en dialecto berciano” “…el dialecto que es la forma de expresarse corriente y en uso en las comarcas montañosas, es cierto que no está en ejercicio entre la clase culta de la sociedad berciana, quedando relegado al exclusivo dominio de las masas; pero eso no quiere decir que dejase de estar asaz generalizado en remotos tiempos, ni que haya razón para desdeñar un dialecto tan rico en voces de expresivo sentido… si bien el berciano es un subdialecto gallego, se castellaniza á medida que los pueblos del país de que me ocupo se van acercando á Castilla, ó se galleguiza completamente según que sus opuestos confines van tocando los de Galicia.”

O REXURDIMENTO DO GALEGO NO BIERZO
A idea de editar un libro dedicado á terra para dignificar a fala da xente común, foi unha constante en diversas literaturas de idiomas sen normalizar na Europa do século XIX. En Galicia o ilustrado galego berciano Martín Sarmiento adiantárase en máis de 100 anos publicando as súas “1200 Coplas ou o Coloquio de vinte catro galegos rústicos ”. Podemos consideralo así o primeiro precursor dun movemento que nace realmente para os críticos cando Rosalía de Castro publica en 1863 “Cantares gallegos”. Pero o certo é que poetas como Fernández Morales poden e deben ser, especialmente para os bercianos, o punto de partida desta reivindicación lingüística e cultural que se coñece como Rexurdimento, porque o idioma galego vaise dotar a partir desta época de textos escritos por autores cultos, despois de pasar un longo período de varios séculos (chamados Séculos Escuros) nos que a lingua subsistira tan só por tradición oral. Este feito tampouco o pasou por alto o noso poeta que recorda o uso normalizado de falas como o galego na Idade Media.
150 anos“Ensayos poéticos en dialecto berciano” 1861-2011
En 1861 publicábanse os “Ensayos poéticos en dialecto berciano”, antes que Rosalía edite os seus “Cantares Gallegos” (un 17 de maio do 1863) e sendo o libro de Antonio Fernández Morales todo un referente para o chamado Rexurdimento da literatura en galego é un feito pouco recoñecido ata o de agora por un Bierzo reprimido culturalmente e unha Galicia inconsciente. Este é o principal motivo polo cal no transcurso do presente ano 2011 no que se cumpren os 150 da publicación, o autor vai ser motivo de varias actividades dirixidas a prestixiar e divulgar a súa obra.
Este ano coincidindo coa celebración do Día das Letras como outros anos se lle renderán diversos homenaxes nos colexios e institutos bercianos que dende hai 9 anos veñen impartindo galego como materia optativa grazas a un programa acordado coas administracións educativas das Comunidades Autónomas de Castela e León e de Galicia e que permite que máis de 1000 familias bercianas hoxe coñezan mellor o idioma dos seus avós e no que Morales escribía.
Precisamente a Escola de Gaitas e a Comisión Cultural Martín Sarmiento elaboran este caderno para que os centros de ensino conten con materiais válidos para a divulgación desta obra clave para entender mellor o noso patrimonio cultural e lingüístico. Está pensado como un estudo comparativo de Fernández Morales con outros autores do Rexurdimento galego, propoñendo diversas actividades.Este traballo didáctico foi elaborado por Héctor m. Silveiro Fdez e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

luns, 16 de maio de 2011

O BIERZO E AS LETRAS GALEGAS 2011



O BIERZO E AS LETRAS GALEGAS 2011

Non quixera deixar pasar esta data do 17 de maio, Día das Letras Galegas, sen comentar brevemente que o Bierzo, na persoa do editor Paco Macías, está intimamente implicado na homenaxe que se lle outorga a Lois Pereiro, este xenial e transgresor poeta monfortino.
É verdade que este ano 2011 no Bierzo nos gustaría ter celebrado o Día das Letras Galegas en Cacabelos, a patria de Antonio Fernández Morales, porque é o ano no que se cumpren os 150 anos da publicación do libro que marca para os bercianos ineludiblemente o comezo do Rexurdimento do galego no Bierzo. Os “Ensayos poéticos en dialecto berciano”(1861), cos seus 8000 magníficos versos na fala da comarca, constitúen unha obra clave para entender este momento crucial da literatura en galego do século XIX, á par de libros tan coñecidos como os “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro que se publica dous anos despois do de Morales. Daquela Amancio Prada, Juan Carlos Mestre, César Gavela, Valentín Carrera, Carmen Busmaior, Mar Palacios, J. A. Balboa entre outras coñecidas persoas da cultura nas que figuraba o noso Paco Macías, reclamamos formalmente desde o Bierzo e ante a Academia Galega esta celebración, pero terá que esperar. O escollido foi o monfortino Lois Pereiro, un poeta que morreu moi novo, no ano 1996, con trinta e poucos anos de vida, considerado poeta da xeración dos 80, década na que comeza a publicar os seus primeiros poemarios, ademais dun bo tradutor, ensaísta e cun gran compromiso coa lingua.
E é aquí, na edición dos libros de Lois Pereiro, onde o Bierzo dalgún xeito está directamente neste ano relacionado con esta data tan sinalada para a Literatura de Galicia. Deben saber que o editor en vida das obras de Lois Pereiro foi, case que exclusivamente, o emprendedor e audaz berciano Paco Macías, que fundou, e dirixe con acerto desde aqueles anos, Edicións POSITIVAS, unha editorial que se caracteriza por difundir creacións tan singulares como os “Poemas últimos de amor e enfermidade”1992-1995 ou unha das obras clave para comprender o mundo poético do autor que se homenaxea este 17 de maio.




Paco Macías naceu no Lago de Carucedo, ese lugar tan emblemático para o Bierzo, e reside habitualmente en Santiago. É filólogo e tradutor, ademais de editor recoñecido e innovador. En Edicións Positivas, entre as súas numerosas publicacións, hai varios títulos de autores bercianos como “As murallas de Berxida” de Fernando Cerezales ou de temática berciana como a “Escolma de poesía berciana en lingua galega “1860-1960)” porque Paco Macías é un berciano de cultura galega, idioma que mamou dos seus pais, comprometido e entusiasta militante da lingua ao igual que seu amigo persoal, Lois Pereiro, do que, obviamente, foi un privilexiado confidente.





Héctor M. Silveiro Fdez.
Académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

mércores, 4 de maio de 2011

ÉXITO DAS DRAMATIZACIOIS DOS POEMAS DE MORALES EN VILAFRANCA





O pasado 30 de abril tivo lugar a representación da Dramatización de algún dos poemas de Fernández Morales como un dos actos que na Festa de Maio pretendía ser unha homenaxe ao poeta berciano ao cumplirse o 150 aniversario do seu libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano". Foron representados anacos dos poemas "Villafranca y a vendima", "N´a volta da Sega", "A boda de Petriña" e algún epigrama, ademais de recitar versos soltos seleccionados de distintos poemas. o acto desenvolveuse no Teatro Vilafranquino aínda que estaba pensado en principio realizarse en distintos lugares da Rúa da Auga como parte da Ronda teatreira co que tradicionalmente a Asociación Cultural "Escola de Gaitas" inicia as celebraciois da Festa do Maio, pero a chuvia obrigou a usar o teatro decimonónico (do que parece que foi socio o propio Morales no seu tempo)para as dramatizaciois.




A dirección escénica foi obra do Grupo de Teatro Local e aínda que houbo tamén colaboraciois de diversos espontáneos e da propia Escola de gaitas, todas adaptaciois foron aplaudidas a rabiar polo público que abarrotaba o local que presentaba un aspecto florido e fermoso cheos os palcos de xestas floridas, carqueixas e cantroxos. Os espazos escollidos foron tamén un tanto inusuais pois ademais do escenario utilizáronse os palcos laterais e o patio de butacas polos que os actores foron aparecendo e actuando namentres entre cada peza as gaitas soaban para alegrar os entreactos. Houbo pezas que mesmo incluían pezas cantadas e acompañadas por gaita como foi o caso da primeira que se representou, a de "Villafranca y a vendima". Pezas que provocaron o sorriso do público que agradeceu a velada con cálidos e animosos aplausos. Fernández Morales como se comprobou nesta sesión segue logo provocando cos seus versos unha admirable empatía coas xentes do Bierzo.

O colofón da noite foi un concerto de distintos grupos (alguis promesas moi novas da Escola Municipal de Música e outros xa máis veteranos, así como un grupo invitado, Borderline 79) que tamén estaba previsto realizar ao aire libre, pero que, dada a climatoloxía adversa, tivo que tamén levarse a cabo no propio teatro.