domingo, 9 de outubro de 2011

Crónica da 6ª Escola Permanente Fermín Penzol

O pasado día 7 de outubro, nos locais do Museo Arqueolóxico de Cacabelos, deu comezo a 6ª Escola Permanente Fermín Penzol en homenaxe a Antonio Fernández Morales ao cumprirse 150 anos da publicación da súa maxistral obra: "Ensaios poéticos en dialecto berciano".




Ao non poder asistir o actual presidente da Academia Galega, como se tiña anunciado, Francisco Fernández Rei, en calidade de vicesecretario da mesma, acompañado do Alcalde de Cacabelos e de Paulo Carral Pedreira, representante do Vicerreitorado da Universidade de Vigo, como entidade organizadora, procederon a inauguración da 6ª Escola Fermín Penzol.





A continuación o representante da Academia leu unhas palabras no nome de Méndez Ferrín que se centraron especialmente na figura de Ramón González Alegre. A Presidenta do Instituto de Estudios Bercianos, Mar Palacio, encargada de presentar ao Académico, anunciou que a institución que ela preside está preparando unhas xornadas acerca deste autor vilafranquino para o ano 2013.




Interviñeron de novo un representante da Universidade de Vigo para presentar, acto seguido a Xosé Luis Regueira quen de forma conxunta con Francisco Fernández Rei presentaron a publicación do último número da publicación da Academia titulada Cadernos da Lingua: O galego do Eo-Navia, Bierzo Occidental, As Portelas e Calabor e o Val do Ellas. un traballo de Xosé Herrique Costas, que por motivos de saúde non puído estar presente nesta 6ª edición da Escola, nesta homenaxe pola que tanto viña traballando ao longo destes últimos meses e que todas as intervenciois tiveron presente con cariñosas palabras cara a súa persoa e o seu labor constante.





Nesta primeira xornada, como estaba programado, procedeuse a descubrir unha placa conmemorativa dos 150 anos da publicación dos "Ensaios" na casa de Cacabelos na que morreu o poeta homenaxeado Antonio Fernández Morales, na vila na que se criara dende moi novo e na que tamén repousan os seus restos mortais.







Pola tarde, tamén en Cacabelos José Antonio Balboa e logo Francisco Fernández Rei foron os ponentes que falaron respectivamente da biografía de Morales e o Bierzo no que vivía, sacando á luz algunhas novidades referidas á residencia en Vilafranca do Bierzo tanto do pai do autor Tomás Fernández como do propio Antonio Fernández Morales nos anos 40 do século XIX, unha etapa na que se vai dar o contacto con Mariano Cubí na vila do Burbia un dos instigadores do traballo lingüístico de Morales, como é sabido. Tamén fixo un repaso sobre os valores do liberalismo do XIX nos que se criou o poeta e a súa plasmación na súa traxectoria vital. Logo o actual vicesecretario da Academia galega fixo un relatorio moi ameno sobre O galego do Bierzo e o galego estándar, puntualizando as poucas diferenzas que exeiten entre as diversas varaintes dialectais do galego e de como o galego común ou estándar é un galego de todos e de ningún sitio á vez, que fai uso tanto de fórmulas habituais no occidente de Galicia como palabras ou caracterizaciois morfolóxicas máis próximas ou incluso exclusivas do galego que se fala nos Ancares e no Bierzo. Palabras por exemplo como xabarín, algunha das denominaciois dos días da semana ou os plurais en -ais para palabras rematadas en -l son hoxe do galego común, cando viñan sendo exclusivas destas zonas antes da aprobación da norma escrita para o galego.






Os participantes da Escola Fermín Penzol, desprazáronse de seguido ao Teatro Bergidum de Ponferrada para asistir á estrea das "Cántigas Bercianas" unha composición para Banda e Coro, realizada polo compositor valenciano Enrique de Tena que utiliza os versos de Morales aos que se pon música. Unha obra en tre stempos dedicados a Vilafranca, Ponferrada e Cacabelos.




En Bierzo TV podedes ver imaxes da estrea e escoitar moi breves fragmentos da mesma, nun acto que encheu o teatro dous días consecutivos. A actuación foi gravada pola Radio Galega e xa se están pensando varias presentaciois da mesma obra en distintas vilas bercianas que logrou aunar a distintas entidades como a Banda municipal de Ponferrada ou os Coros En femenino Plural, Voces del Bierzo ou a Coral Polífónica Bembibrense.









A segunda xornada da Escola tamén presentou outra gran ausencia, a do escritor e gran estudoso da obra de Morales Anxo Angueira, ademais dun magnífico recitador dos poemas de Fernández Morales. Pero foi lido polo poeta da Limia Xabier Xil Xardón un texto que remitíu o propio Angueira, un fermoso e interesante aporte ás xornadas sobre a conexión de Morales con Galicia, con Sarmiento e a súa obra do Coloquio dos 24 galegos rústicos. Caracterizou a Morales como un autor con claras semellanzas co que facían Pintos ou Añón, mesmo con Rosalía e outros autores do Rexurdimento galego pleno, ao cal desde o Bierzo, cunha gran riqueza léxica,debe ser referente senlleiro.







Logo veu a quenda do maxistrado Luis Villares que avgou poal defensa do galego do Bierzo, procurando describir a situacion legal na que se atopa o galego na comarca e como lei como a Carta da linguas minorizadas de Europa teñen moito que dicir sobre o presente e o futuro da lingua no Bierzo.



A sesión da mañá rematou coa presentación do nº 5 da revista Xarmenta.





A continuación José Mª San Román abordou a ponencia que no nome da asociación "A Morteira" dedicou á paisaxe natural e cultural na obra de Morales e que levaba por título: "Salmois, osos, e barburetas" establecendo un contraste da situación descrita polo autor berciano co presente.




A derradeira ponencia foi a de Héctor M. Silveiro sobre Morales e o rexurdimento do galego nas escolas do Bierzo. Trátouse da elaboración dun Caderno de propostas didácticas sobre a obra de Morales que a Asociación escola deGaitas e a Comisión Cultural Sarmiento están rematando para as escolas e institutos do Bierzo, para o que contan coa colaboración do propio profesorado que está impartindo clases de galego nos centros da comarca. A modo de conclusión e antes da clausura falou tamén das marabillosas sorpresas que este evento trouxo, a descuberta do rostro de Morales grazas aos aportes de Quique Costas e Balboa, así como as novas informaciois que temos acerca da biografía e da obra do autor que grazas ao taballo do historiador berciano Balboa de Paz e do escritor Anxo Angueira permniten coñecer mellor a traxectoria vital e as fontes literarias das que bebeu Morales. Precisamente relacionado coa vida do autor nos anos 40 do século XIX en Vilafranca´, Héctor Silveiro desvelou que en 1843 Morales figura como socio do teatro desta vila entre outros personaxes da época como Enrique Gil y Carrasco ou Isidoro Ovalle. tamén se fixo referencia de novo as grandes ausencias desta edición da Fermín Penzol, a do seu principal promotor, Quique Costas, a do escritor Anxo Angueira quen de xeito inigualable é quen de poñer voz emocionada aos versos de Morales, e en terceiro lugar botouse en falta a realización dalgún dos actos en Vilafranca como viña sendo habitual en anteriores ediciois.




Procedeuse pois á Clausura da sesión de ponencias coa spalabras dun representante do Concello de Ponferrada e dunha representación dos organizadores, Paulo Cabral acompañado neste caso de Ricardo López Témez e de Paco Fernández Rei.



Finalmente desprazáronse de novo ao Teatro Bergidum os asistentes para escoitar de novo as "Cántigas bercianas" cunha afluencia de público maior que a do día anterior, enchendo o teatro. Segundo anunciaron os organizadores a gravación desta peza pretende editarse para difundila posteriormente.


Na xornada do domingo como tamén se viña anunciado tivo lugar no cemiterio da Edrada de Cacabelos un emotivo acto a carón da tumba de Antonio Fernández Morales onde houbo palabras de lembranza da súa figura por parte de Héctor Silveiro, lectura de versos do poeta que leu Paulo Cabral dedicados a Cacabelos, tamén houbo palabras doutros poetas, neste caso dun poeta xoven da Limia, Xabier Xil Xardón, que puxo voz ao fermoso poema de Celso Emilio "Deitado fronte ao mar" nunha emotiva adaptación para a ocasión na que a lingua proletaria afirmouse no amor dos devanceiros que temos mortos e falou non pra os soberbios ou poderosos, chorou un pranto cotidián de barburetas ao pé da tumba dun cantor desa patria que constrúe e dá corpo a lingua dos Ensaios poéticos en dialecto berciano. A Marcha do Antigo reino de Galicia interpretada polas Escola de gaitas de Vilafranca e unhas palabras do Alcalde de Cacabelos formaron tamén parte desta humilde ofrenda que rematou coa colocación de flores e versos sobre a lápida do brigadier berciano.











O derradeiro acto que se realizou foi o xa tradicional Banquete de Cacabelos nun coñecido restaurante da vila onde non faltou o botelo a pesra de non ser esta a época máis acaida para comelo.