venres, 2 de marzo de 2012

DE SARMIENTO A MORALES nas IV Xornadas Martín Sarmiento



DE SARMIENTO A MORALES, NA PROCURA DA IDENTIDADE
O Ilustrado Martín Sarmiento, considerado o pai das Letras Galegas (Vilafranca 1695- Madrid 1775) foi un adiantado á súa época. Nos Séculos Escuros onde mesmo os ilustrados ideaban un mundo centralizado e uniforme, Sarmiento foi capaz de intuír en muitos dos seus estudos, e non só os de corte filolóxico, a importancia da diversidade, e procura esa identidade para o home a través do coñecemento da terra e a transcendencia nese proceso da lingua como descodificador do mundo natural. Reparou tamén na gran potencialidade que ten a educación e cómo na ensinanza non se deben enmudecer as falas vernáculas nin se deben excluír o contacto directo coa natureza nas prácticas pedagóxicas para, no proceso de percibila cos sentidos, coñecela de verdade.
Con ese espírito retomamos as Xornadas Sarmiento para descubrir no Bierzo unha das súas máis significativas herdanzas que se plasmou na obra doutro autor, Fernández Morales, que aínda que non naceu no Bierzo, viviu con gran intensidade esta terra de tal xeito que dará a luz, seguindo os pasos do seu predecesor ilustrado, un poemario romántico e costumista con máis de 9000 versos en dialecto berciano, que non é outra cousa que o galego da comarca. Un libro, os Ensayos poéticos en dialecto berciano, que acaba de cumprir 150 anos de existencia, pero que ten un vigor e un gran valor para procurar a identidade do Bierzo no século XXI, entre outros muitos espazos, nos centros educativos e entre as máis de mil familias bercianas que fieis a súa identidade están participando curso a curso dende hai xa dez anos do Programa de Promoción do Galego.
Nestas IV Xornadas incidiremos nesa conexión que existe entre a obra de Sarmiento e a de Morales, coa complicidade do Concello de Vilafranca do Bierzo promoveremos un conxunto de actividades nos centros escolares do Bierzo que queiran participar deste proceso de busca da identidade a través destes autores que sirvan para que os nosos rapaces que nacen no século XXI poidan ser testemuñas da súa identidade para as xeraciois futuras sendo coñecedoras do seu rico patrimonio cultural, o da cultura berciana.

A Comisión Cultural Martín Sarmiento e a Concellalía de Cultura do Concello de Vilafranca do Bierzo á hora de relanzar estas xornadas intentan incidir na relación que mantén Sarmiento coa nosa comarca, non só polo mero feito de ter nacido na vila do Burbia, senón pola impronta que a súa obra ten en fenómenos como o do Rexurdimento do galego e do seu cultivo literario no Bierzo. Por iso aparece ao pé de Sarmiento outro autor como Antonio Fdez. Morales, do que vimos de celebrar o 150 aniversario da publicación dos seus "Ensayos poéticos en dialecto berciano" que reciben unha forte influencia da obra de Sarmiento titulada "Coloquio dos 24 galegos rústicos" composto en 1746.


Este ano facémonos eco tamén doutro aniversario, o do décimo curso escolar no que está presente nos centros docentes do Bierzo o “Programa de Promoción do Galego”. Por este motivo imos darlles protagonismo nestas xornadas aos centos de alumnos/as, as máis de mil familias que escolleron voluntariamente esta materia á hora de matricularse tanto en Primaria como na ESO ou Bacharelato, celebrar os bos resultados que está tendo e o éxito do programa tamén co profesorado e, por suposto, co conxunto dos centros nos que se imparte. O alumnado de Vilafranca, do resto do Bierzo e mesmo de Pontevedra exporán as liñas básicas dos traballos que está realizando para os INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO 2012”.

Este ano ademais inauguramos o ITINERARIO SARMIENTO, incorporando á oferta turística e patrimonial de Vilafranca do Bierzo, este percorrido multidisciplinar e moi singular polo núcleo urbano e os seus arredores, á imitación do “modus opperandi” do propio Sarmiento nas súas viaxes.



PROGRAMA DE ACTOS

Venres 9 de marzo: Teatro de Vilafranca

11h: INAUGURACIÓN: Intervención da Alcaldesa e o Concelleiro de Cultura.

CHARLAS: SARMIENTO E O BIERZO

-Sarmiento e o Bierzo,
por Héctor Silveiro, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento e membro correspondente da RAG.

-De Sarmiento a Morales,
por Anxo Angueira, catedrático de Lit. Galega da Universidade de Vigo, escritor e recitador recoñecido.

12h. EXPOSICIÓN TRABALLOS DOS INTERCAMBIOS ESCOLARES:

“De Sarmiento a Morales, na procura da identidade”

-Centros de Primaria e IES do Bierzo e Pontevedra: (powerpoint)
Os centros participantes nos INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 2012:

CEIP e IES do BIERZO
CEIP S. Lorenzo de Brindis (Vilafranca)
CEIP V. García Yebra (Ponferrada)
CEIP Compostila, (Ponferrada)
CPEIP Divina Pastora (Vilafranca)
CRA Jimena Muñiz (Corullón)
CEIP Jesús Maestro, (Cuatroventos)
CEIP San Ildefonso, (Camponaraia)
CEIP Toral de Merayo,
CEIP M.L.Ucieda ( Toral dos Vados)
CRA Carucedo
CRA Ponte de Domingo Flórez.
CEIP Virgen del Carmen,(Placa)
CEIP V. de la Quinta Angustia (Cacabelos).
IES Bergidum Flavium (Cacabelos)
IES Europa (Ponferrada)
IES Padre Sarmiento (Vilafranca)
IES Virgen de la Encina (Ponferrada)

Centros de Galicia:
*Estes traballos froito do intercambio con centros de Pontevedra. Os centros son CPR San Narciso de Marín e IES Valle Inclán de Pontevedra.


13h. CLAUSURA: Coa intervención do director do IES Padre Sarmiento no nome dos centros participantes e as autoridades educativas presentes da Comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León. Entrega de Diplomas aos participantes.

Sábado 10 de marzo.

11h. ITINERARIO SARMIENTO

O Itinerario SARMIENTO é unha iniciativa de promoción e reivindicación patrimonial da vila natal de Martín Sarmiento a través dos lugares que están estreitamente relacionados coa vida e coa obra do sabio ilustrado. Seguindo o seu lema “sapere aude”: “atrévete a saber” realizaremos un percorrrido por VILAFRANCA DO BIERZO e a súa contorna. Será unha posta en común de distintos estudosos locais de campos como a Natureza, a Historia e a Cultura tradicional e do que poden participar veciños e visitantes desta vila na que a primavera comeza un 9 de marzo.

O Itinerario comezará ás 11 horas na Alameda ao pé do busto de Sarmiento realizado por A. Nogueira.

Organiza este itinerario a Comisión Cultural “MARTÍN SARMIENTO” Colaboran: Asociación “BARANTÉS”, Asociación “A MORTEIRA” e Aso. Cultural “BURVAL” e a Oficina de Turismo Local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario