xoves, 15 de marzo de 2012

Reportaxe sobre as IV Xornadas Martín Sarmiento



Celebradas as IV Xornadas Martín Sarmiento os días 9 e 10 de marzo en Vilafranca, a súa vila natal, imos realizar unha pequena reportaxe cunha importante carga gráfica sobre estes actos nos que estivo moi presente a obra de Morales ao ter como título xenérico das actividades didácticas dos Intercambios escolares: "De Sarmiento a Morales na procura da identidade", e ademais ser o obxecto dunha das charlas do acto central que impartía Anxo Angueira.

Despois do saúdo do Concelleiro de Cultura, Luisma Prieto Gaztelumendi e da intervención da Alcaldesa de Vilafranca, Concepción López Blanco deuse paso a primeira das aloucións por parte de Héctor Silveiro que falou sobre Sarmiento e o Bierzo, facendo un maior fincapé nas controversias sobre o seu lugar de nacemento, a presenza da comarca berciana na súa obra e a influencia desta no fenómeno do Rexurdimento da escrita do galego do Bierzo, caso de Morales e tamén do proceso que se abre a partir da celebración das Letras galegas en Vilafranca no ano 2002 que vén a coincidir coa posta en marcha da introdución do galego nos centros de ensino.



Logo veu a charla: De Sarmiento a Morales que deu Anxo Angueira establecendo os paralelos entre a obra do coloquio das 1200 coplas ou dos 24 galegos rústicos e os Ensaios poéticos en dialecto berciano. Textos como o da descrición da feira ou do mercado un en Pontevedra a outra en Vilafranca, da selecta de personacxes populares como o gaiteiro ou os segadores nos que tamén coinciden e na acumulación de substantivos e o gusto pola enumeración, mesmo a ironía da que fan gala os dous autores. Angueira tamén recitou co seu habitual bon dicir textos de ambos escritos e seduciu a un público novo e moi atento ao devir da charla que recibiu aplausos acordes ao seu sentido discurso no que insistiu en falar de Sarmiento nun sentido distinto como Pai das Letras Galegas, non tanto como filólogo do galego, senón como autor, como escritor que provoca o Rexurdimento, influíndo de xeito categórico nos autores que darán pasa á literatura galega actual.



Despois das palabras de Anxo Angueira comezou o que sería a seguda parte deste acto central dedicado á posta en común dos distintos traballos cos que participaron nos INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO que dende máis dunha dúcia de centros do Bierzo e mesmo de Pontevedra chegaron a Vilafranca. En primeiro lugar foron visionadas dúas montaxes vidas de fóra do Bierzo. Foron feitas por alumnos/as de Secundaria en formato "powwerpoint" e presentaron unha especie de reseña dos traballos realizados no IES VALLE INCLÁN de Pontevedra en 3º da ESO e no CPR. SAN NARCISO de Marín (de 1º da ESo e 1 º de Bacharelato) e participaron indirectamente no acto deste xeito.





Logo veu un auténtico desfile de centros bercianos representados por grupos de cinco ou seis alumnos e alumnas que acompañados dos docentes subiron á escena para describir brevemente en que consistira o seu traballo sobre o tema proposto "De Sarmiento a Morales na procura da identidade".
Comezamos esta longa relación cos centros de Secundaria que seguindo o guión establecido previamente pola Comisión Cultural o IES Virgen de la Encina de Ponferrada traballara a figura de Sarmiento como un adiantado á súa época, facendo especial fincapé na importancia das súas viaxes para o súa obra. Un grupo de rapaces e rapazas de 1º da ESo e de 1º de Bacharelato acompañados das súas profesoras Mónica López Souto e Teresa López fixeron a súa presentación.


Os seguintes en intervir foron os alumnos/as do IES. Padre Sarmiento de Vilafranca, que como logo se verá no blog "o mego da escola" realizaron coordinados pola súa profesora de galego Mónica López Santiso un bo número de traballos, escollendo como mostra tan só un deles que sintetizaba moi ben o conxunto das presentaciois que elaboraron alumnos/as dos distintos cursos da ESO para participar nos intercambios.



O IES. Bergidum Flavium de Cacabelos centrou o seu traballo na persoa de Antonio Fdez. Morales. presentou aos seus alumnos/as a súa profesora María Novo e a continuación foron eles quen describiron o traballo realizado que invcluíu unha visita a lugares como a tumba do autor dos Ensaios poéticos en dialecto berciano.



Logo subiron de novo alumnos/as do IES. Padre Sarmiento, pero neste caso a presentar un traballo de contraste entre os autores citados anteriormente, os do galego no Bierzo cos autores en castelán que tamén tratan da paisaxe e da paisanaxe. Foi un traballo dirixido pola profesora Ana Nespral do departamento de "Lencua e Literatura Castellana" que con alumnos/as de 2º de bacharelato que cursan ademais lingua galega procuraron este contrastre con autores como o vilafranquino Enrique Gil y Carrasco.




De seguir veu a intervención do IES. Europa de Ponferrada que tentou plasmar a importancia da existencia de autores como Sarmiento e Morales para o presente, de como foron guieiros dos poetas bercianos do galego no século XX e como son referencia tamén para os estudantes do galego no Bierzo hoxe cando se cumpren dez anos da introdución da lingua galega nos centros docentes. María E. Veiga foi quen presentou tamén aos seus alumnos/as que logo explicaron ao público o seu traballo.



De seguir viñeron as intervenciois máis simpáticas e desenfadadas, a dos nenos e nenas de Primaria. Os primeiros en subir foron rapaces de 5º e 6º do CEIP de Toral dos Vados que comparten mestre, Celso Albino Abella, co CRA de Toral de Meraio e que participaron cunha presentación que tenta ser un achegamanto á figura do Padre Sarmiento a través dalgúns datos biográficos e anécdotas da súa vida, pero que rematou manifestando un desexo o de poder seguir estudando a Sarmiento cando cursen galego no instituto.



Sobre a vida de Sarmiento e Vilafranca afondaron os nenos e nenas de 5º e 6º do CEIP. San Lorenzo de Brindis da vila natal do sabio erudito. Belén, a súa mestra, que tamén imparte clase en Corullón,logrou implicar a todo o seu alumnado de galego neste traballo, unha experiencia que contou ademais coa colaboración doutros mestres do centro.



O Colexio Divina Pastora é un centro concertado de Vilafranca do Bierzo que se ben non está no Programa de galego, participa activamente en proxectos como o presente de dinamización lingüística e de recuperación da cultura tradicional como ben explicou unha das docentes, Salo Núñez, antes da presentación coa que colaboran unha vez máis coas Xornadas Martín Sarmiento.








Despois interviñeron nenos e nenas do CEIP. San Ildefonso de Camponaraia que explicou como indicou a súa mestra, Vixinia Cal, e logo explicaron os propios alumnos/as confeccionaron unhas receitas para traballar poesía en dialecto berciano.




A continuación Eva López Rodríguez mestra de galego no CRA de Carucedo deu pasos aos seus alumnnos que como traballan en Plástica en lingua galega decidiron realizar unha especie de códice como os que consultaba e lía o homenaxeado e sabio lector, unha curiosa fórmula de achegamento á figura de Sarmiento.




Rematamos as intervenciois dos centros escolares cunha presentación que coordinou no CEIP. Valentín García Yebra de Ponferrada a mestra Yolanda Luna González, e que resumía tamén moi ben na súa presentación o espírito de participación e de achegamento que para os nenos e nenas de Primaria pretendían ser estas experiencias de intercambio Martín Sarmiento.



As intervencións das autoridades educativas presentes deron paso á Clausura do acto. Xoán Rivas Cid, Subdirector da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia subliñou a importancia de actividades como as presentes para evidenciar o éxito do Programa de promoción da Lingua Galega nos centros do Bierzo e o compromiso por parte da Secretaria, á que representaba, de contribuír ao seu desenvolvemento no futuro.

























Por outra banda, Rita Pérez Monteserín ademais de agradecer a invitación a este entrañable acto como representante da Delegación de León da Conserjería de Eduicación de la Junta de Castilla y León, insistiu como inspectora e coordinadora do programa de galego na transcendencia e valor do plurilingüismo na sociedade moderna e puxo en valor a capacidade e esforzo dos centros á hora de procurar a participación en iniciativas como estas xornadas que esixen a estreita colaboración da Comunidade escolar con diversos entes da sociedade. Animando finalmente a que esta experiencia se manteña e mellora en próximos cursos escolares.



As Xornadas rematarían ao día seguinte despois de realizar ao lonogo da mañá do sábado 10 de marzo o primeiro ITINERARIO SARMIENTO por Vilafranca e a súa contorna. Foi unha primeira experiencia de posta en común de distintos membros da Comisión Cultural Martín Sarmiento coa propia Oficina local de Turismo á que contribuíron tamén asociaciois como "A Morteira" para concretar unha visita da mao de Sarmiento a súa vila natal seguindo os seus gustos, as súas formas de investigar, as súas preocupaciois que se foron plasmando a través da visita a diversos espazos da vila. Comezamos no Museo de Ciencias Naturais dos Padres Paúis que grazas a Asociación BURVAL, recuperadora do museo, puidemos disfrutar cunha visita guiada e coñecer en detalle os seus fondos, a súa historia, ademais de poder ir introducindo anécdotas relacionadas cos estudos e as propias colecciois que tiña Sarmiento na súa cela.




Acto seguido guiados pola experta etnobotánica Lola Fernández Álvarez comezamos un periplo pola vila e o paseo do Burbia cara Vilela na que non faltaron recitados de poesía ou anécdotas arredor da historia e o patrimonio artístico de Vilafranca así como tampouco numerosas e interesantísimas disertaciois sobre os vexetables que estudou Sarmiento cos seus nomes e os seus usos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario