sábado, 19 de xaneiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ATURULAR



Seguimos o noso percorrido polas palabras que Antonio Fernández Morales cita no seu Catálogo e significación de voces do dialecto berciano e topámonos con esta palabra relacionada co sentimento, coa expresión folclórica sonora saída dos corazois dun grupo de homes e mulleres que no medio do canto amosan deste xeito tan enxebre o contento e a harmonía de seu.

ATURULAR: Gritar cun son agudo e prolongado, denotando alegría e entusiasmo. Úsase muito en Galicia ao rematar as tonadas que cantan nas rondas.


Acompañando as pisadas
e collidas polas maos
outras van emparexadas,
cantando as mesmas tonadas
dos anos todos pasaos.

Ó finar, con muito ardor
aturulan: Hí, jí jíiiiiiii !!...
y aquel q’alarga mellor,
sin tomar alento, a íiii...
lle chaman bon berrador.
 Do poema “Villafranca e a Vendima” de A. Fernández Morales (versos 145-154) 


Nos dicionarios da RAG ou no Dicionario de Dicionarios aparece con outras acepciois e ademais como sinónimo de aturuxar.  Hai quen comenta que o aturuxo ou aturulo é un costume ben vello, que xa está documentado nos textos latinos de Silvio Itálico que citando aos galaicos fala dos seus gritos de guerra:


O texto do autor latino Silio Itálico sobre a I Guerra Púnica fálanos destes berros e cánticos proferidos polos galaicos mentres marcaban os seu paso co golpear dos seus escudos:
Fibrarum et pennae divinarumque sagaces
flammarum misit dives Callaecia pubem,
Barbara nunc patriis ululantem carmina linguis,
Nunc, pedis alterno percussa verbere terra,
Ad numerum resonas gaudentem plauder caetras.
Haec requies ludusque viris, ea sacra voluptas.
Silius Italicus
(A opulenta Callaecia enviou á xuventude experta en adiviña-las entrañas, os voos das aves e os divinos lóstregos, ás veces berrando bárbaros cantos na propia lingua, e ás veces danzando ata feri-la terra, aledándose ó golpea-las sonoras caeteras (escudos) a ritmo. Este descanso e este divertimento son un sacro pracer para os homes).


*Esta foto, o texto e a súa tradución están tirados do blog a sombra de bouza panda onde poderás ler máis sobre a orixe deste costume. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario