domingo, 27 de xaneiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: BOTELO


Chegadas estas datas de finais de xaneiro imos cunha das palabras coas que hoxe popularmente se identifica a gastronomía do Bierzo: a palabra “botelo” que aparece definida así polo noso autor Fernández Morales no seu catálogo:

BOTELO: Tripa ancha e curta chea  de ósos e carne de cocho adobados,con muito pemento, que fan pola matanza.

O propio Morales utilízaa en varios dos seus poemas, aparece  a carón da androlla no poema do Entroido (como xa lembramos na entrada referida a esa palabra). No poema titulado "A boda de Petriña",  despois da celebración na igrexa ten lugar unha comida abundante na que os invitados:

"Fartáronse como lobos
dos adobos,
botelos, xixa e toucín". 

É tamén usada para establecer unha comparación (dí o poeta "como botelos" destacando o volume e a gordura dalgún outro obxecto noutros poemas  como por exemplo no titulado "Proba d´amor". 


 En Vilafranca do Bierzo o primeiro botelo do ano reservábase para o día de Santo Tirso (28 de xaneiro) no que a vila celebra o santo avogoso dos ósos nunha especie de romaría que comeza a véspera cunha gran fogueira aos pés do convento de San Francisco, na Praza Maior. Iso non impedirá que, no tempo que se achega da festa de Entroido,  sexa un prato dos habituais na mesa dos bercianos.

Na nosa habitual ollada aos dicionarios atopamos a palabra no dicionario da RAG e no Dicionario dos dicionarios especificando que é co estómago do porco ou co intestino groso, unha das diferenzas coa androlla, ademais da mestura dos ósos.

Quixeramos sinalar que esta palabra leva un sufixo derivativo moi galego -elo que serve para marcar a presenza desta lingua en territorio berciano. Aparece con gran abundancia en topónimos:   Trabadelo, Penedelo, Portelo, tamén en feminino: Portela ou  Vilela.    É unha mágoa que hoxe a  palabra botelo, como xa dixemos,  que goza como produto  dun gran recoñecemento e sona entre os manxares gastronómicos bercianos  mesmo cunha Indicación xeográfica protexida, non sexa respetada á hora de publicitala e se escolla pola contra o nome en castelán: "botillo",  se cadra co pretexto de   diferencialo dos outros botelos, pero sen a máis mínima sensibilidade coa tradición lingüística propia do Bierzo, a do dialecto berciano onde esta palabra, como constatou Morales, tiña esta denominación. Ademais é no noso autor  onde por vez primeira se documenta unha definición do botelo, segundo consta na seguinte referencia da páxina sobre os produtos agroalimentarios de Castilla y León que nun pequeno estudo histórico que introduce.




Ningún comentario:

Publicar un comentario