xoves, 7 de febreiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ENTROIDO

Esta palabra é unha palabra tamén con gran transcendencia pois é un dos costumes que, celebrado en muitas culturas ao longo e ancho do planeta, ten unha especificidade no Noroeste peninsular, sendo o galego considerado un dos dez máis orixinais do mundo. Teñen unha gran sona os de Laza na provincia de Ourense   e en distintas zonas de León coñécese co nome que usa precisamente Morales no seu Catálogo "andruejo". Trátase efectivamente dunha palabra de orixe latina "introitus" que fai referencia ao que se quere dalgún xeito  propiciar con estes festexos, "unha boa entrada da primavera" que xa se achega. Conservouse, en gran medida, unha serie de rituais variados de tradiciois pagás grazas ao intento da Igrexa de agrupar nun só día, hoxe día grande do tamén chamado Carnaval,  o martes de Entroido. Mais o Entroido galego presenta un calendario que ás veces arrinca xusto despois de Reis e lugares tan vencellados ao Bierzo como é as aldeas do Cebreiro na comitiva dos seus Reis aparece unha figura denominada "Carantoña" que en realidade é unha máscara moi semellante ás dos entroidos ourensáns.

O noso poeta Antonio Fernández Morales deixou escrito un marabilloso documento en forma de poema no que recolle numerosos campos semánticos relacionados co entroido e  no que, ademais de describir as distintas actividades que se facían nas aldeas e o seu "Diaño do entroido" logo, como contrastre, cambiando de ángulo ofrece unha visión das celebraciois propias das vilas bercianas nas que:

 "como hai muitos señores,
 son os estilos mellores,
 anq´entre a xente máis alta
ocasión tampouco falta
en quedar manco ou torto..."

e das que realiza tamén unha descrición viva e detallada,  con ser máis estensa a propia das xentes labregas. Vexamos algúns versos da cabeceira do poema:

" ... vestiron os días d´entroido
un home feito de palla,
o que, pra as xentes, o Diaño
d´o  entroido representaba..."
( versos 5-8 do poema O Entroido, de Antonio Fernández Morales)

No dicionario dos diccionarios aparece algunha entrada na que se detallan peculiaridades que podemos atopar tamén no poema de Morales, e polo tanto formando parte da tradición popular no Bierzo.
Podes consultar tamén a palabra no dicionario da  RAG.


Actualmente a palabra entroido está viva e aparece nos carteis que ano tras ano e como eco da tradición seguen a editar os mozos e mozas de Vilar de Aceiro (lugar pertencente á subcomarca da Somoza hoxe no municipio de Vilafranca). Son tamén moi coñecidos os maranfallos do entroido de Burbia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario