venres, 22 de marzo de 2013

A PALABRA DA SEMANA: CANTROXO

 Nesta semana do comezo da primavera escollemos unha palabra que nomea unha planta olorosa. Trátase da palabra "cantroxo" que o noso poeta utiliza en varias ocaciois, ademais de citala no seu Catálogo de voces anexo que engadiu, como xa saben, aos seus poemas. Neste catálogo descríbe "cantroxo" como: "arbusto silvestre que recollen para queimar" facéndose eco na definición dun dos seus usos tradicionais, aos que está especialmente atento ao longo da súa obra.

Vexámola agora como aparece introducida  nun par de poemas:

No poema titulado "A caza mayor", que se sitúa na montañas da sub comarca berciana da Somoza, describe sucintamente o hábitat natural dos cantroxos onde, para explicitar logo un dos usos tradicionais (para facer lume)  da mao do personaxe que neste poema os está recollendo ante a cova onde sabe que está oculto, nada máis e nada menos, que un oso:

" O torto estaba arrancando
uces, cantroxos e brezos,
 e metendo a brazaos
dentro do buraco mesmo, 
cuando ailí, botando os bofes, 
chegaron seus compañeiros
- ¿E logo q´hay? preguntáronlle.
- Que se meteu ailí dentro.
- ¿ E vas a afumalo? - Vou..."

do poema A caza mayor.

A palabra utilízaa tamén no diálogo cargado de humor entre D. Lino, un "señorito" namorado ao pé dun balcón, o de Rosario que é a pretendida:

"- ...Eu son eu, si tu eres tu
e si non eres acaso
tua madre: pois si eres
tua madre, eu son un xato
q´eiquí m´atopo pacendo
nos cantroxos deste campo.
- Entonces deixa os cantroxos,
pois eu son eu, tua Rosario..."

 do poema Proba d´amor.

Pasemos logo a procurar a súa aparición nos dicionarios que sempre consultamos. na RAG e no Dicionario dos diccionarios.  Precisamente nesta entrada Sarmiento, o ilustrado galego-berciano, fai referencia explícita do uso desta palabra no Bierzo, como el mesmo constatou nos apuntamentos que realizou na súa viaxe a Galicia de 1754. Uso que tamén confirma o estudoso do léxico Elixio Rivas no século XX.

 Outra proba do seu uso na actualidade está no nome dun barrio de Trabadelo: "O cantroxal" burdamente castelanizado como denuncian  os seus propios habitantes neste blog.

1 comentario:

  1. Pódote asegurar que tanto cantroxo como o seu derivado o Cantroxal están totalmente vivos na fala de Trabadelo.

    ResponderEliminar