martes, 5 de marzo de 2013

A PALABRA DA SEMANA: MEGO

 Despois de febreiro, tras lembrar a Rosalía, comeza marzo e, neste mes, sempre volve a estas terras do Bierzo o espírito de Sarmiento.  Porque no día 9 de marzo, dentro duns días, vaise cumprir o seu aniversario. Naceu un 9 de marzo de 1695 en Vilafranca.

Muitas son as palabras que se poden traer eiquí na memoria de Sarmiento e do Bierzo, muitas que coinciden tamén coas utilizadas polo noso cantor Fernández Morales, mais quixemos que sexa esta palabra "mego" por ser unha palabra sempre citada como típica do léxico máis berciano dentro dun conxunto de palabras que non se atopan fóra da nosa comarca.

Morales no seu catálogo indícanos simplemente que é "un cestiño con asa sobre a boca". Esta palabra  no dicionario da RAG aparece definida dun xeito semellante e no dicionario dos dicionarios, Elixio Rivas comenta que está feito de vimbias e que o chaman tamén no Bierzo occidental  "mego de mau".

Nos versos de Morales aparece en varias ocasiois. Hoxe imos evocar aqueles versos os que Morales cita ao gaiteiro e a muiñeira, outras dúas palabras con gran valor simbólico, e os megos son coma pandeiras nas maos da mulleres galegas. Este texto colocábamolo na entrada anterior para  observar as similitudes formais e de contidos con Rosalía. Hoxe volven a estar eiquí para suliñar a orixe destas coincidencias que está precisamente na obra do galego berciano que podemos considerar o primeiro autor do Rexurdimento, Martín Sarmiento.


Na gaita de fole tocando                                                          
vay o gaiteiro a muiñeira;                            
algúis o son bailando,                                                        
y algúas nos cús tocando                                              .           
dos seus megos a pandeira.                                                     
                                                                                                             
( Do poema Villafranca e a vendima, de Antonio Fdez. Morales)                                          

Bailaban as mozas
ao son do pandeiro,
 con elas bailaban
os mozos mancebos;

Con gaita e tambor
andaban galegos,
con vinco e zanfona,;
andaban os cegos.

(Do Coloquio das 1200 coplas 715-718, do P. Martín Sarmiento)

Ademais das coincidencias formais e de contido destes versos a máis recente entrada do blog do galego no Bierzo o mego da escola, da Comisión Cultural Martín Sarmiento, con motivoda celebración das V Xornadas Martín Sarmiento que se van celebrar nestes días colgou un vídeo sobre a intervención de Anxo Angueira na inauguración dos Intercambios escolares 2012 celebrados en Vilafranca do Bierzo onde afonda   con máis detalle nas semellanzas entre os dous autores Sarmiento e Morales. O vídeo antes dito tamén o colgamos a continuación:




Ningún comentario:

Publicar un comentario