venres, 22 de marzo de 2013

Morales de novo nas Xornadas Sarmiento 2013

Nas V Xornadas "Martín Sarmiento" celebradas o 8 e 9 de marzo pasados en Vilafranca do Bierzo e organizadas pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, de novo o noso poeta Antonio Fernández Morales foi tamén protagonista destacado nos Intercambios Escolares. Os versos dos "Ensayos poéticos en dialecto berciano"  foron escollidos para realizar como experiencia didáctica unha serie de dramatizaciois que levaron a cabo tanto rapaces e rapazas de Primaria como de Secundaria. E aínda que o día 8 no Teatro Vilafranquino houbo disversas e divertidas mini-representaciois de distintos autores os centros escolares de Vilafranca foron os que escolleron a Morales como autor para as súas adaptaciois parateatrais.

En primeiro lugar, o CEIP San Lorenzo de Brindis representou do poema "Villafranca y a vendima" o cadro inicial que describe un día de mercado na praza da vila e rapaces e rapazas simulando promocionar os seus postos foron recitando e cubrindo o espazo escénico cos versos de Morales.

Logo chegaron os alumnos/as do Colexio Concertado da Divina Pastora tamén da vila natal de Sarmiento e na que Morales tivo residencia familiar por un tempo. Este centro escolleu de "O Fiandón na aldea" o momento no que os participantes do mesmo xogan as couseliñas:



Por último, para rematar as actuaciois dos centros bercianos participantes, entre os que tamén houbo quen escolleu a outros autores bercianos para a experiencia como foi o caso dos alumnos/as de Bacharelato do IES. Europa  de Ponferrada que representaron unha adaptación da obra de Ramón González-Alegre "O Lóstrego na noite", os rapaces de Secundaria do IES. Padre Sarmiento de Vilafranca volveron a Morales e ao seu poema dedicada a esta vila para representar o cadro da vendima ao que lle engadiron na adaptación dramática unha cantiga sobre a vendima interpretada en directo e arricou os aplausos do público asistente. Foi un pracer escoitar de novo a voz de Morales na boca das xentes do Bierzo e no Teatro que el mesmo coñeceu e frecuentaba.


Ningún comentario:

Publicar un comentario