luns, 1 de abril de 2013

A PALABRA DA SEMANA: BARBURETA

Xa metidos na primavera, non podemos esquecer e non traer eiquí esta palabra que lle dá nome a un dos animais máis sinalados desta estación.  A pesares de que "barbureta" é unha palabra que non aparece coa súa explicación en castelán no catálogo das voces de Antonio Fernández Morales, si que está nos seus poemas. Trátase da variante popular e berciana da denominación galega de bolboreta (do latín vulgar *belbellitta) que aparece así no dicionario da RAG para denominar a ese insecto tan vistoso que voa de flor en flor.
No dicionario dos dicionarios non está documentada, polo que estamos ante unha variante moi singular e rechamante desde o punto de vista lingüístico e lexicográfico. Pero antes de seguir vaiamos aos versos de Morales onde usa a palabra:

Ver cual rebrincan o potro e xato
pe do pastor;
como amergulla na presa o pato
y as barburetas ir no val grato
de flor en flor.
(Do poema  A Ponferrada)

Noutro poema atopámola tamén:

Rulan as rolas, q' andan en bandadas, 
gorjea o pardillo á par d' os reiseñores,
y as barburetas dan bicos n-as flores.
frondosas veigas, hortos e cortiñas 
arrodeados de beiróis espesos;
jardiños e ribeíras e campiñas
e soutos por serpentes d' agua presos;
arboledas, pradeiras, holgas, viñas,
e minas d' oro e plata a mais n-os tesos 
q' o Bierzo abarcan, sempre por tributos 
a' a villa moitos dan bienes e frutos.
( Do poema dedicado a Cacabelos co título:  Á Santísima Virgen da quinta Angustia)

O poeta utilízaa con ese valor simbólico que lle confire cor á paisaxe, unha das temáticas recorrentes nos seus versos. A paisaxe berciana que se transforma por boca do noso autor  nun "locus amoenus" lugar afable e propicio, neste caso do val, pero tamén pode ser así na montaña máis agreste. Lembremos que Morales é un cantor da Terra berciana, das súas xentes, os seus costumes e a súa lingua, esas son as preocupaciois que o converten nun poeta do Rexurdimento con semellantes intereses e á mesma altura dos grandes poetas da Galicia do XIX,  como xa temos sinalado.

Voltemos ao tema do léxico para completar este pequeno comentario da palabra berciana "barbureta". Un recente e curioso estudo sobre o léxico no Bierzo, aínda que, en parte, permanece inédito, é o que promoveu o Instituto de Estudios Bercianos baixo a denominación de "Atlas Lingüístico de El Bierzo"  nunha voluminosa edición dun traballo colectivo dirixido por Manuel  Gutiérrez Tuñón e coordinado por Alicia Fonteboa López. Pois ben, este traballo presenta un mapa na ficha 229 (cuxa reprodución podedes ver máis abaixo nesta mesma entrada)  na que plasma o uso a finais do século XX das palabras bolboreta (galega) e mariposa (castelán) no Bierzo. Podemos apreciar no mesmo que en lugares como Dragonte úsase a día de hoxe outra variante "pomboreta",  pero en Orellán ou na Barosa dise practicamente igual "borboreta". Pola contra na subcomarca da Somoza (Teixeira) e na ancaresa (Balouta)  son de destacar diversas denominaciois: "palombiña" e "angalía".


Ningún comentario:

Publicar un comentario