domingo, 7 de abril de 2013

A PALABRA DA SEMANA: COCHORRO

 O cochorro é ese paxaro que anda a cantar nestes días ao mencer ou no solpor, un dos mellores cantores da primavera e ademais unha ave literaria e de lenda onde as haxa. Imos vela efectivamente citada polo noso autor, Fernández Morales,  no seu catálogo de voces usadas nos ensaios en dialectos berciano, onde cremos que anda un pouco confuso  ao asocialo co "tordo" (ven sendo da familia como evidencia o seu nome científico turdus merula,  pero en castelán sería un "mirlo"). No que parece estar máis acertado é ao dicir que se trata dun substantivo de xénero epiceno. Debemos anotar eiquí que este nome aparece rematado en -o (en Vilafranca case sempre escoitei esta terminación) pero tamén é frecuente a forma "cochorra").
Nunha quintilla, facendo mención precisamente ao seu canto, Morales di:

"Cuidou a hermosa doncella
q´algún cochorro xibriaba,
e pra oir ben a guedella,
ya d´unha, ya d´outra orella
c´os dediños apartaba"

( do poema "A boda de Petriña")



Nesta ocasión o dicionario da RAG non presenta a entrada cochorro co significado de ave, outramente si que aparece o noso paxaro como cochorraco que comprobamos que non só no Bierzo é usada a palabra.  No dicionario dos dicionarios  tamén apreciamos certas confusiois ao identificar ao cochorro coa ave que en castelán é "tordo", aínda que Elixio Rivas coincide coa nosa apreciación. Certificamos que no galego doutros lugares pode ter outros significados relacionados cos tetos dunha vaca,  pero se procuramos a palabra cochorra  xa atopamos ao merlo e as referencias ao uso desta palabra en distintos pobos do Bierzo e Valdeorras ou Quiroga.
A palabra no Atlas lingüístico do Bierzo (un traballo de finais do século XX do IEB editado en 2002) ten esta presenza:

* Como se pode  apreciar a transcrición das palabras é fonética polo tanto "kocora" é "cochorra", no Bierzo  galego falante dita palabra está abundantemente contrastada.

 Antes diciamos que era unha palabra literaria e de lenda. O da lenda era porque o "merlo branco" é unha das referencias máis coñecidas desta ave na mitoloxía céltica ou artúrica, trátase dunha das transformaciois habituais do vello meigo. E a súa presenza nos versos e textos en prosa de autores bercianos, galegos e doutras linguas é tamén abondosa. Vai desde o poeta villafranquino Ramón González-Alegre ata o lugués Álvaro Cunqueiro e chega mesmo aos Beatles.


Ningún comentario:

Publicar un comentario