domingo, 28 de abril de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ESCAMBROIS

Aínda que esta palabra en singular sería "escambrón", poñémola en plural para sinalar o seu uso singular no Bierzo, porque en singular tanto poderíamola atopar nun dicionario castelán, como galego, pero coa forma en plural que utilizou Morales en versos como os que seguen referíndose aos montes que rodean Vilafranca:

" Están cuallaos de castaños,
 de rebolos y escambrois,
 etein carreiros tamaños,
 q´os do páis y os estraños
pasan neles apretois."

( versos 21-25 do poema Villafranca y a vendima")

A especie vexetal á que facemos referencia é coñecida como o espiño albar (crataegus monogyna), pero non aparece así no dicionario da RAG. Temos que saber que será un vilafranquino e galego, o Padre Sarmiento o primeiro lexicógrafo que reparou nesta denominación referida ao espiño albar de fruitos colorados como se pode comprobar no dicionario dos dicionarios, no que tamén Elixio Rivas sinala o uso específico deste termo no Bierzo, destacando ademais a forma do plural en -ois do galego oriental que se usa na comarca.

No mes de maio florece este arbusto ben considerado no folclore europeo ao sen esta floración un sinal do cambio estacional que dá entrada ao tempo da calor. En Vilafranca, rodeada de montes cuallaos de escambrois, coincidindo coa súa floración na vila acostuman celebrar a tradicional "festa do maio", unha das tradiciois máis significativas deste ciclo de maio, a dos maios humanos, mellor conservadas do noroeste peninsular digan de mención e cuxas coplas son cantadas a día de hoxe no dialecto berciano que serviu a Morales para cantar ao Bierzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario