venres, 12 de abril de 2013

A PALABRA DA SEMANA: NIAL

Seguindo coas palabras relacionadas co tempo da primavera atopámonos coa palabra "nial ", ese espazo que preparan as aves para a posta de ovos e para sacar adiante as súas crías. No Catálogo de voces despáchaa Morales coa tradución directa ao castelán na qu se constata que non perdeu o "d" intervocálico como lle ocorre en galego.
Nos versos do noso autor, na presentación do personaxe chamado D. Liso (un "señorito" un tanto estraño da vila) fai uso da palabra da seguinte maneira:

Hay quen dice que lle deu
por sacar polos, e cual
fay o cuco en nial alleu,
fixo nun cesto un nial
e nel cen huevos meteu.

(  versos 6- 10 do poema Proba d´amor)

A palabra en cuestión non aparece como tal no dicionario da RAG, no seu lugar rexístranse outras como "nío" ou "niño" que no Bierzo non se usan. No dicionario dos dicionarios si que se rexistra, pero sen aportar maior información agas a indicación de que se trata dunha variante de "niñal". Pola contra no no denominado Atals Lingüístico do Bierzo (ALBI) faise mención da nosa palabra como con alternancia vocálica dependendo dos lugares nial/ neal  e coa variante "neada".  No  traballo editado polo Instituto de Estudos Bercianos, como xa temos comentado, chama á atención sobre o uso particular e diferenzas do significado, matices lingüísticos entre neal e neada advertindo que poden facer referencia a distintos tipos de aves. Así en Balouta parecen distinguir entre o neal propio das pitas ou galiñas, namentres que neada é dos restantes paxaros. Coa vogal "e" cítase tamén no Vocabulario del Bierzo de Verardo García Rey que data de 1934.


Ningún comentario:

Publicar un comentario