sábado, 25 de maio de 2013

A PALABRA DA SEMANA: CAVORCO

Aínda que en Fernández Morales aparece coa grafía con b, cavorco debería estar escrita con v por razois etimolóxicas posto que vén dunha raíz ben coñecida común á do verbo cavar (cavu en latín "oco"). Morales defíneo no seu catálogo de voces como "barranco profundo". Precisamente este cavorco promovido por unha corrente de augas, pode ser logo usado polo home como camín entre montañas, todo isto parece estar suxerido por Morales nos seguintes versos que describen os montes e a paisaxe natural que rodean a vila de Vilafranca:

Mudan nos zarzais y escobos
ailí as culebras rastreiras
 a camisa, e nas ladeiras
 dos caborcos tein os lobos
 y as zorras as madrigueiras.

(do poema Villafranca y a vendima)

 Con v e non con b aparece tamén no dicionario da RAG e no dicionario dos dicionarios onde, como habitualmente ocorre o Padre Elixio Rivas Quintás fai referencia a esta palabra de uso na fala do galego oriental de Valdeorras e do Bierzo.
 Como curiosidade comentaremos que nunha  recente Aportación al vocabulario popular de la Comarca Berciana  dirixida e coodinada por María Trinidad Crespo Álvarez (que exerceu de Inspectora comarcal de Educación) e Jovino Andina Yanes ( mestre). Este libriño é fruito dun cuestionario que foi dirixido aos diversos centros de ensino do Bierzo no ano 1969 en resposta a unha petición do prestixioso poeta e lingüista Dámaso Alonso que viña de realizar un traballo sobre a lingua na zona do Bierzo e dos Ancares, finalmente publicado polo Instututo de Estudios Bercianos no ano 2008. Pois ben, neste vocabulario a entrada que se lle dedica á nosa palabra explíca en castelán que caborco é un "arroyo, reguero. Zanja en el terreno producida por la erosión del agua. Paso profundo, despeñadero." Non sabemos por que razón se usa coa grafía digamos "incorrecta" (é dicir con b) xa que se consultamos nun dicionario de castelán, non aparece nin con b nin con v,  aínda que si pode citarse esta outra "cavorca:  cueva " da que se fai saber que procede de Valencia, por exemplo na edición do Diccionario de la Lengua Española editado pola Real Academia Española no ano 1984 tomo I.

Do B e o V en Morales: Morales vai usar a grafía b en lugar do v en muitas palabras que o castelán usa na súa norma con b. Por exemplo boda, que tanto en latín (vota) como en galego normativo, que respecta a etimoloxía latina (voda), sabemos que se escriben con v. pero noutras ocasiois como a presente na que usa caborco con b ou como nuns versos máis abaixo  cando di: "brincan cerbos e corciños" o uso do b en lugar do v é claramente incorrecto. Polo tanto nunha edición crítica do seu texto: voda, cavorco ou cervos son palabras que deberían aparecer con v.





Ningún comentario:

Publicar un comentario