sábado, 18 de maio de 2013

Morales debe seguir esperando?

Antonio Fernández Morales é o poeta do galego do Bierzo e o Bierzo é un dos lugares onde o galego como idioma histórico da comarca está a perder máis falantes no conxunto de territorios galegófonos a día de hoxe. Os bercianos defensores do galego debemos seguir reivindicando a defensa do galego no Bierzo e desde hai anos a solicitude da celebración do Día das Letras no Bierzo e na honra de Morales é unha meta que, de concretarse, permitiría situar na mente, visualizar  para todos os galegos a situación actual da lingua na comarca. Se cadra os bercianos debemos seguir intentando este obxectivo, pero teriamos que ser quen de promover de xeito distinto esta iniciativa  que varios colectivos reiteradamente solicitamos á Academia, lugar onde sabemos que ano tras ano desde o 2011 a candidatura do autor dos  "Ensayos poéticos en dialecto berciano" segue tendo presenza e segue sendo de interese para un bo grupo de académicos.

Analicemos por un momento a situación lingüística que vive o galego no Bierzo. Se observamos esta gráfica comparativa que evidencia en porcentaxes aproximativas (a altura dos anos 90) a tremenda situación de perda de falantes habituais de galego, comprenderemos de inmediato  a dimensión da problemática que estamos a sufrir na nosa comarca:



O éxito do Día das Letras do 2013 para un autor como Vidal Bolaño, para un xénero e un oficio como o dos dramaturgos e actores, sempre pouco considerado, foi sen dúbida unha excelente elección por parte da Academia.  De novo, cara ao Día das Letras do 2014, temos que iniciar ese camiño da candidatura de Morales e con novas iniciativas e propostas de visualización da mesma. Que o estado da lingua galego do Bierzo, tanto no Bierzo como en Galicia sexan centro de interese por un ano, debería servir para reflexionar e promover un cambio na evidente desgaleguización da comarca (a pesar de contar cun tímido e pouco eficaz, aínda que exitoso programa de introdución do galego nos centros de ensino  ao que con carácter voluntario se acollen unhas 1000 familias bercianas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario