sábado, 8 de xuño de 2013

A PALABRA DA SEMANA: XABARÍN/ XABARIÑO

Na entrada anterior falabamos dos cavorcos e do uso das grafías do B e do V que fai Antonio Fernández Morales, seguindo co campo semántico da natureza, un dos patrimonios do Bierzo máis senlleiros, imos coa palabra xabarín que aínda que non a inclúa o noso autor no catálogo de voces anexo co que pecha os seus "Ensayos poéticos en dialecto berciano" non deixa de ser unha palabra realmente singular do galego oriental moi viva na comarca berciana.
O noso poeta emprégaa en bastantes ocasiois tanto en singular, xabarín ou xabariño (indistintamente), como tamén en plural xabariños.  Vexamos alguis exemplos:

Brincas cerbos e corciños
por seus barrancos fragosos;
polas matas cos fociños

se abren paso os xabariños
e non faltan alguis osos.

(do poema Villafranca y a vendima)


Tras dela tanto corrían
q´a deron alcance; pero
como era un xabarín fiero
a entrarlle non se atrevían.

Botando nebla, en seguida
baixaron os outros cais,
e xuntos ya cos demais
pegáronlle unha envestida.

Presto o paso a fociñadas
deixou franco o xabariño,
e sin torcer o camiño
seguiu por entre as quebradas.

(do poema  A caza mayor)

Aínda que Morales usou a palabra rematada en -n, nos dicionarios que consultamos no da Real Academia Galega a palabra remata en -l, xabaril,  tamén no dicionario dos dicionarios  no que de novo o Padre Elixio Rivas recolle a palabra en lugares da nosa comarca como Dragonte, facendo unha curiosa mención da variante en xénero feminino xabarila.  Mesmo no "Atlas lingüístico de El Bierzo" (ALBI) cítanse os usos a día de hoxe indistintamente da palabra rematada en -n ou en -l (véxase o mapa que adxuntamos).

Temos que dicir que esta palabra frecuente no galego oriental era practicamente descoñecida para unha gran parte dos galegos, que adoitan chamar porco bravo a este animal.  Pero a raíz da creación dun programa infantil e xuvenil da Televisión Galega denominado "Xabarin club", a palabra que ata ese momento (anos 90) estaba relegada ás comarcas orientais de Galicia e zonas como o Bierzo, foi gañando popularidade e medrando no seu coñecemento e uso habitual en toda Galicia e, en especial , entre os máis novos. Toda unha mostra do poder que teñen certos medios de comunicación á hora de transformar, para ben ou para mal, hábitos lingüísticos na sociedade actual.


Ningún comentario:

Publicar un comentario