sábado, 6 de xullo de 2013

A PALABRA DA SEMANA: AMERGULLAR

Se como diría Cunqueiro a Gallaecia era a terra dos mil ríos, Fernández Morales, como cantor do Bierzo, na súa paisaxe poética tein ben presente a súa importancia no día a día dos bercianos. Traemos hoxe unha palabra moi relacionada cos ríos como é a palabra amergullar. É un verbo que o autor define así no seu catálogo: "Nadar debaixo da superficie da auga".
Como non podía ser doutro modo fai uso do verbo nos seus versos, por exemplo, na curiosa historia que nos conta dun gaiteiro e dun capador bercianos que acompañados dos seus fillos marcharan á sega e volven para casa cos seus fatos cheos. Despois de diversas e desafortunadas peripecias, deben recuperar un daqueles fatos que foi parar a un río.  Os protagonistas deciden  emprender unha complexa manobra para recuperar o fato  na que o capador:

" ...logo debía no río
amergullando fundir,
pra sacar preso nos dentes
o fato do seu sobrín."

 no mesmo poema un versos antes tamén atopamos esta expresión

" tu que nadas ben, dende aiquí
 podes tirarte e sacalo a mergullo".

(do poema Na volta da sega).

Vaiamos agora "a mergullo" aos dicionarios por ver que nos atopamos. No dicionario dos dicionarios amergullar remítenos a mergullar, e no casao do dicionario da  RAG co prefixo" a-" non aparece, debemos buscar mergullar, verbo que tamén se usa no Bierzo sen o prefixo. Este tipo de prefixos son un recurso gramatical frecuente na fala popular para a formación de verbos derivados, aínda que ben puido estar provocado neste caso  por expresiois como a que citamos máis arriba e que tamén recolle o noso poeta, nas que o "a" é unha simple preposición. Esta simple variante do noso dialecto que non aparece nos dicionarios normativos, é  pois tan válida e propia do dialecto berciano como o é tamén a palabra "máis normativa" e non por iso menos berciana, como nos documenta perfectamente na súa obra o noso cantor. O corpus lingüístico do galego, como xa teñen sinalado filólogos estudosos da dialectoloxía, presenta unha gran coherencia interna, a pesar da existencia de marcadas variantes dialectais entre as que se atopa a nosa, a do galego oriental.

Hoxe os bercianos, de xeito semellante ao que ocorre coa lingua, compartimos experiencias vitais cos galegos, máis aló das fronteiras administrativas.  Na natación, temos un exemplo. Este deporte esixe mergullarse nos ríos ou nas piscinas, como fixo dende pequeno o berciano David Rodriguez, natural de Ponferrada que foi recentemente campión galego de 50 metros bolboreta ou barbureta, unhas denominaciois que como xa temos comentado noutra ocasión, son  normativa  a primeira e "menos normativa" a segunda, pero que podemos considerar ambas, tan galegas  coma bercianas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario