domingo, 28 de xullo de 2013

ROSALÍA NO BIERZO

Celebramos no Bierzo o 150 aniversario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A poeta que fará chegar á plenitude o movemento literario do galego do século XIX do que participa Fernández Morales e que comunmente se denomina "Rexurdimento". Rosalía é hoxe un símbolo para toda a cultura galega, da que participa, como non, o Bierzo, independentemente de que as fronteiras administrativas o sitúen  fóra de Galicia, o espazo cultural condicionado pola lingua fai sentir como propia a autora.

Evidenciar a presenza de Rosalía no Bierzo non é, polo xa dito, nada complexo. Se ademais da lingua reparamos no vencello que Sarmiento co seu Coloquio das 1200 coplas ten coa obra de Rosalía, comotamén o ten coa de Morales, a evidencia cobra vigor e contundencia. Esa é a que amosa, esa é coa que se expresa Anxo Angueira, o invitado de honra para que neste acto sexa toda claro e palpabel. A edición de Anxo Angueira editada neste ano 2013 por Xerais, foi pois o pretexto, a voz escollida para o acto, este magnífico recitador de Rosalía e de Morales, un amigo do Bierzo que pode falar con coñecemento dos autores que citamos.

No acto voces como Mar Palacio, presidenta do IEB, ou Héctor Silveiro lembraron as relaciois que unen a poesía de Rosalía co Bierzo, falaron doutros bercianos máis modernos, do século XX que facilitaron novas visións de Rosalía. González -Alegre nos círculos literarios do Madrid escuro do Franquismo e no mesmo ano da morte de Franco, o cantautor berciano Amancio Prada co seu traballo discográfico dedicado a Rosalía que removeu conciencias e fixo canción a evidencia.

No mes de febreiro, na data de nacemento da autora, a Alborada para Rosalía fora coma unha primeira parte deste acto un preámbulo musical que interpretou a Escola de Gaitas de Vilafranca, respondendo a unha iniciativa que partía da Fundación Rosalía de Castro, da Asociación de Gaiteiros Galegos e da Universiade de Vigo, acto que culmina, a poucos días do Día de Galicia, a poucos días tamén da data na que faleceu Rosalía con esta presentación  na que tamén estiveron presentes os seus versos e a música, recitados por boca de meniñas, mozas e mulleres, mesmo a presentadora quen falou no nome dos organizadores, Marisa Cela, tamén muller e berciana lembraron coa palabra a Rosalía. Foi Aínda, cantautor berciano quen rematou o acto cunha fermosisima selección do seu repertorio en galego ( entre outros, unha cantiga de berce tradicional do Bierzo que cantou coa súa filla de seis meses no colo)

A filosofía da celebración podémola escoitar no Diario Cultural (minuto 14,30 e seguintes) da Radio Galega do pasado 22 de xullo, e a crónica do acto en distintos medios bercianos.

A continuación unha pequena reportaxe gráfica do acto:







Ningún comentario:

Publicar un comentario