xoves, 29 de agosto de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ANGUÍA

O Bierzo é unha terra de ríos, ríos que van a dar ao mar. A palabra de hoxe lévanos ata o mar. Estamos situados na conca do Sil que, como ben sabedes, é o río que leva a auga ao Miño quen se encarga finalmente de conducila ao mar.  A semana pasada evocamos unha romaría, a de Paradela do río, que se sitúa precisamente ao pé do río Burbia, non moi lonxe da confluencia deste co Cúa, e non moi lonxe do encontro de ámbolos dous co Sil. Entre os manxares do día da festa en Paradela a anguía era un peixe apreciado que hoxe os modernos embalses do Sil e do Miño impiden que siga sendo prato natural e habitual non só nesta romaría senón nas restantes festas da comarca, como aínda segue a pasar coas truitas. 

Mentras aqueles bailan
cas tripas secas
y acaso como gaitas
de fol valeiras,
a caldeiradas,
mamando anguías e truitas
hay xentes varias.
( do poema O San Roque en Paradela)

Polo que indica o propio Morales uns versos máis adiante as anguías podían ser guisadas a modo de caldeirada (como tamén parece evocar nas liñas que reproducimos). Noutro poema o poeta insiste na tradición gastronómica berciana de truitas e enguilas, iso si como vianda especial da xente de máis posibles, introducindo un novo produto do mar e dos ríos hoxe desaparecido das augas dos nosos ríos :
A xente de máis posibles
ou Señoritos, o mesmo
van os campos de jolgorio
dos magostos co pretesto.
 Cargaos levan os fámulos
ca merenda nunhos cestos
composta d´enguilas, truitas,
polos, pampalliños tiernos,
e sobre todo empanadas
con salmón ou lomo dentro.
(Do poema Os magostos).


Efectivamente falamos dos salmois que neste caso facíanse en empanada, outro dos manxares da nosa cociña. Como se pode apreciar Antonio Fernández Morales nos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano procura retratar diferentes aspectos da vida tradicional da comarca documentando para o presente costumes hoxe desaparecidas, pero de gran valor, máis aló da calidade literaria da súa obra e do aporte lingüístico que estamos destacando semana a semana.

Imos logo comentar desde o punto de vista lingüístico as dúas palabras que utiliza Morales. Unha a forma "anguía" é plenamente galega ao facer desaparecer o -l- intervocálico que si que aparece en castelán ou na súa orixe no latín "anguillam" , (trazo singular desta lingua) así aparece no dicionario da Academia Galega . Pola contra a outra forma "enguila" parece reproducir un fenómeno habitual ao cambiar o son inicial a- por un e- que se pode observar como variante recollida por Constantino García no dicionario dos dicionarios. pero ademais esta palabra que conserva o -l- indica esa vacilación á hora de empregar determinadas palabras nun territorio como o Bierzo onde conflúen, como tamén lles pasa aos ríos, diversas linguas nun proceso constante de influencias e interferencias.  O noso poeta en todo caso non parece ter dúbidas á hora de usar unha das dúas formas como máis propia, pois xa no seu primeiro poema que dedica a Cacabelos di que no Cúa:

" d´arenas d´oro por un blando leito
onde nadan peixes, corren muitas
anguías e brincan fóra d´agua as truitas"


De todos os xeitos, se nós tivesemos que decantarnos cara unha das dúas palabras sería cara a primeira, porque sendo ninos comimos anguías pescadas no Burbia e, por outra parte, tamén desde pequenos escuitamos un topónimo, vivo e ben próximo usado na contorna de Vilafranca, que proporciona un argumento sólido para defender esta variante e non a outra. O "rabo da anguía" é coñecido como o monte que atopamos primeiro na subida a Dragonte que tein precisamete esa forma curva que lembra a parte posterior do peixe. Na cartografía oficial aparece transformada en "cerro de anguía"  nunha deturpación lamentablemente habitual que tamén vén de vello. Deturpación nos mapas e planos da administración é constante (como podemos apreciar se examinamos a ilustración que acompaña a esta entrada) ao colocarlle o artigo e colocarllo en castelán a topónimos galegos como " O Toleiro",  "A Estremeira",... cando non outras soluciois menos respectuosas, demostrando as autoridades competentes o seu desinterese pola riqueza patrimonial que supón a toponimia local, ademais da súa ignorancia e falta de criterio ou rigor ao traducir ao castelán e convertelo nunha palabra inexistente algún topónimo como por exemplo: "La Meira Larga", en lugar  "Lameira larga". Cousa curiosa é que non se atrevesen nun arrouto de valentía institucional co fermoso topónimo de Vilela, que traducido sería Villilla (nome co que ninguén identificaría a esta localidade, claro está). Topónimos como "o rabo da anguía" debemos pois defendelos na súa forma orixinal ou propia, ofrecen tanto información lingüística, neste caso indícanos o xénero da palabra, como histórica ou cultural ao evidenciar que as anguías eran pescadas nos nosos ríos ata hai unhas décadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario