xoves, 15 de agosto de 2013

A PALABRA DA SEMANA: LAMEIRO

UN SAN ROQUE DE PAO DE LAMEIRO

"Señor San Roque Celeste;
Santo divino y amao;
bon espantallo da peste;
fuelle do vento infestao....
Santín a quen sempre invoco,
feito por Fuco o Santeiro
do pao groso dun lameiro
de que fixo tanto zoco:
Pide a Dios pra noso papo,
 e traéndola dende aló
de meleciña un cachapo
por si a peste ven acó"
E, pra que naide zollipe
quás cochas nunca anden flacas;
nin beban sapas as vacas
non os bois lles pegue a gripe.
Ay Santín! Si de ti podo 
cuanto che pido alcanzar, 
o concello hache de dar
 cera abondo no ano todo.
 Y a máis un cuartal de millo
si as viñas curas da tiña,
 os perros do garrotillo
 y as ovellas da morriña.
 Con Dios, patrón do lugar;
pois erse espantalo
e fuelle da peste ó par,
pra quitarnos tal traballo
 nunca deixes de soplar."
(do poema O San Roque en Paradela)


Aínda que habitualmente "lameiro"ou se cadra mellor en feminino "lameira" é un prado con lama, eiquí o noso poeta utiliza esta palabra en masculino para referirse evidentemente a unha árbore pois fala do "pao" do "zoco" e dun tal Fuco o Santeiro, que fixo a imaxe de San Roque desta madeira. Como no Catálogo de voces que acompaña aos "Ensayos poéticos en dialecto berciano" non aparece glosada, fíxosenos un tanto complexo saber a que árbore nos estamos a referir. Só atopamos outro documento actual, no blog amigo de Uttaris, que fale do tal lameiro coma unha árbore (Ulmus montana). Teremos que pensar, por se a nosa procura non fose certeira, nun par de posibilidades a maiores: unha próxima pola semellanza do nome, como lamagueiro (que non é outra que o que Sarmiento chamaba lodoeiro,Celtis australis) aínda que o parecido no nome non cremos que coincida co uso que cita Morales. Pois doada de labrar en verde e moi dura unha vez seca é a madeira tradicionalmente usada para a feitura dos zocos, a da bidueira ou bidueiro,(Betula celtiberica) pero que non era usada precisamente para tallar unha imaxe dun santo, para o que se botaba mao de madeiras máis nobres.  Decantándonos definitivamente polo lameiro ( ver ilustración) como tipo de ulmeiro ou tal vez umeiro, como di a RAG, e descartamos o humeiro, como lle chaman ao amieiro no Bierzo, segundo Sarmiento, árbore que por ser denominada pau do demo cremos que non sería cuestión facer un santo desta madeira. Este umeiro, como o transcribe sen hache Elixio Rivas para o Bierzo e Valdeorras, nace como o lameiro á beira dos ríos e lameiras.


As árbores que citamos teñen un xénero masculino, pero debemos saber que eran de xénero feminino normalmente en latín e pasaron tamén neste xénero con frecuencia ao galego (oliveira, pereira), namentres que o castelán decantouse polo masculino.




Comentando o texto, dicir que se trata dun "dicho" que era recitado con entusiasmo na procesión de San Roque en Paradela a modo de oración colectiva e onde se fai mención a diversos epítetos ou fórmulas populares coas que se lle coñecía a este "Santín" como "bon espantallo da peste" ou " fuelle do vento infestao" para significar das cualidades que San Roque ten como avogado contra o mal da peste, entendida esta como algo xenérico que abrangue tamén os animais da casa (cochos, vacas, ovellas e cais) e mesmo os cultivos (as viñas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario