sábado, 10 de agosto de 2013

A PALABRA DA SEMANA: REBULLOIS

"Celébrase a romería
nun campo cheo de castaños
y en rebullois  a xente 
se acampa deles debaixo."
( do poema  O San Roque en Paradela)

A palabra rebullois é unha das palabras que adoita a usar Fernández Morales e qu eel mesmo explica no seu Catálogo anexo aos 16 poemas da súa autoría no libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano", palabra da que comenta: "Rebullón: Pelotón, grupo. // Chámase así á unión de silveiras ou ramas retortas e anodadas polas puntas, sobre as que se colocan as "forcilleiras" para coller os paxaros que se apousen enriba." Como se pode apreciar este vocablo presenta dous significados distintos, e como tal os usa o poeta. O primeiro pode verse nos versos do San Roque en Paradela, o segundo atopámolo usado por exemplo nos primeiros versos doutro poema:

Sempre andaba nos beirois
armando súas forcilleiras
pra coller nos rebullois
picaporcos como bois
e cotrosas chorvizqueiras.
(do poema A boda de Petriña)

Con este segundo significado de armado para unha trampela para paxaros, uso máis específico parece ser unha concreción do anterior, sobre todo se temos en conta que a palabra "forcilleira" xa ten un valor referido a esa  armadela que facilita a captura de cotrosas e outras aves. Máis coincidinte coa primeira das acepciois é como aparece a palabra rebullón no dicionario da RAG. ou no dicionario dos dicionarios.

Como seguramente a ninguén lle pasa inadvertido o plural dos substantivos rematamos en -on fanse no Bierzo e en todo o territorio do galego oriental coa terminación -ois, tanto nos nomes comúns como os propios. O que nos leva a pensar en como deberíamos denominar a lugares como Parandois que aparecen nos mapas oficiais deturpados co nome de Parandones. Non te deixes atrapar pola trampela ou pola "forcilleira" da administración e usa mellor Parandois, os seus veciños chámanlle Parandois de vello como certifica o mesmo Morales no primeiro dos poemas citados, escríbeo en dialecto berciano así ao relatar o camín que as xentes van facendo cara a romaría en Paradela:

...van a función preparaos,
y anque sin votar a parva
a casa os mais non deixaron,
tein d' adoito en Parandois
parar na taberna un rato.
Prosiguen logo o camiño
co corpo ya reforzao
chegando despois dunha hora
cerca da ermita do Santo.

O Santo é San Roque de Paradela do Río ( lugar da confluencia do río Burbia co Sil), festexos que seguen a ser hoxe realizados dun xeito ben distinto aos que o noso cantor os describe, aínda que este ano pareceser que se suspenderon as festas.

Como antes falamos de paxaros e dos métodos tradicionais no Bierzo de atrapalos, non quixeramos deixar de facer un chamamento para reprobar ditas prácticas no presente así como calquera outra, tradicional ou non, que agreda aos animais e o seu discorrer natural. Nos meses de vrao como era habitual, que é cuando crían os paxaros, colocar unha forcilleira pode provocar un dano irreparable á natureza autóctona (ou se son outro tipo de trampelas, eses danos poden facer mal mesmo á fala propia, como xa temos dito).

Ningún comentario:

Publicar un comentario