sábado, 21 de setembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: VALEIRO/ BALEIRO

A palabra que traemos esta semana ao blog é unha palabra que non aparece citada noutras publicaciois recentes bercianas que xa referenciamos noutras ocasiois e tampouco o está na última que chegou ás nosas maos, "Vocabulario propio de una aldea del Bierzo: Dragonte" recollido por Carlos Castelao e editado no último nº da Revista do Instituto de Estudios Bercianos. Non se trata dunha palabra rara, é común e usual na fala berciana, no galego do Bierzo, e como tal recóllea Fernández Morales no seu Catálogo de voces que, como é sabido, presenta  un pequeno grupo de palabras seguidas dunha tradución ao castelán feita polo propio Morales. Pois ben da nosa palabra: "valeiro/ -ra" di que é un adxectivo que significa "vacío, -ía".

No poemario utilízaa en varias poemas. Vexamos un exemplo:

Era o caso que por falta 
d ' agua da que bota o Cielo
 e por sobra de sol , íbanse
 os campos quedando secos .
 Todas as presas y os pozos 
ya estaban cuasi valeiros.

(Do poema "As rogativas a San Crispín")

Como xa dixemos é unha palabra usual e común de uso no Bierzo e en Galicia e como tal con algunhas variantes, escrita con b- (no galego normativo) ou con v-, figura nos dicionarios  no dicionario dos dicionarios.
 Precisamente no dicionario da RAG podemos observar as distintas acepciois desta palabra, sendo a primeira ou a segunda as usadas unicamente nos textos nos que Morales fixo uso desta:
"...como gaitas de fol valeiras" di no poema No San Roque de Paradela  e na cabeceira do poema  Os magostos  escribe: "os hortos d´o Bierzo, as viñas , veigas e praos ya están de todo valeiros".

Comentando brevemente o contido do primeiro dos textos de Morales que citamos, sitúanos nun momento do vrao moi semellante ao que sufrimos o ano pasado no que a seca baleirou pozos que nunca secaran. No Bierzo hai un refrán que di: "Chuvia de agosto bon magosto", pero hai anos nos que a chuvia neste mes ou  no seguinte faise de rogar, como taén popularmente se di. De aí as chamadas rogativas a santo como o que cita o noso cantor, iso si deixando ao lector, non sen certa ironía, sen referencias concretas do lugar ao que se refire:

¿Como se chama unha aldea
d´a que  é o patrón San Crispín? 
Pois non recordo cual sea!...
Vou pensar... Direino, ó fín,
cuando se me veña a idea.

Parece ser que San Crispín é patrón dos zapateiros e peleteiros, hoxe aínda é celebrado en Benavente (o que aparece na foftografía), pero non sabemos de ningún lugar do Bierzo que o celebre. Hai un santo, Crispín de Viterbo, dos de recente canonización, que tamén é zapateiro e que se fixo capuchino franciscano tras observar unhas rogativas para pedir a chuvia,  pero non parece que sexa este ao que se refire Morales. Será a trama que soporta este poema unha recreación literaria?. Por outra banda, as rogativas á Virxe das que temos referencias en lugares próximos son as que se celebran cerca de Astorga, en Castrotierra de Valduema.
 Podemos logo dicir que hai un especie de baleiro neste campo das rogativas no Bierzo e que nos atopamos "coas maos baleiras", é dicir, sen conseguir saber con certeza se o noso autor fala dunha aldea concreta do Bierzo ou se foi unha escena literaria creada por el e, polo tanto, non se pode localizar en ningures. Mais do que si estamos certos é de que a palabra que hoxe traemos eiquí é unha palabra propia do patrimonio lingüístico berciano a conservar. Por certo unha demostración do vigor da palabra a día de hoxe no Bierzo está , por exemplo, no nome dun grupo folk berciano "Cachola baleira" do que deixamos unha actuación nun Festival na Cabeira.









Ningún comentario:

Publicar un comentario