domingo, 6 de outubro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: VENDIMA

Se hai unha palabra que represente ao Bierzo labrego e tradicional esta pode ser a palabra vendima. O tempo da vendima no Bierzo é un tempo de traballo e riqueza, tamén un tempo de festa e alegría, ao chegar a colleita da uva, e comezar un tempo, tempo do outono no que a casa será lugar ademais de lugar de repouso, lugar de traballo, primeiro na bodega e logo arredor da lareira.

Para o noso poeta a vendima está asociada a Vilafranca, aínda que as viñas aparecen na paisaxe dos seus poemas constantemente. No poema que titula Villafranca y a vendima, despois de facer unha descrición da vila que foi a súa residencia berciana na década convulsa dos anos 40 do século XIX, vila á que volvía nos períodos de licenza, entre campaña e campaña do capitán do exército do Norte que xa era, vila na que coñece a Cubí, o frenólogo catalá que o invita a escribir en dialecto berciano, nesa vila, corazón do Bierzo galego falante, comeza  a evocación e sitúa o retrato desta estampa tradicional pois, seguramente  foi nela na que reparou nesta singular vivencia cíclica do calendario tradicional da comarca:

Chega o tempo da vendima
y é gloria entonces mirar
cual bule a xente e se anima...
o espíritu se sublima
aquel tempo ó recordar.

A esta vendima, descrita cun ritmo puideramos dicir cinematográfico, acoden galeguiñas con megos e robustos galegos que chegan a villa en cuadrilla, obedientes ao cachicán, que :
" logo que ha amanecido
a vendimar vanse á viña..."

Seguindo o discorrer alegre dos que escolleu como protagonistas da acción  que guiados por un gaiteiro entre tonadas e megos acompaña ata as viñas onde se poñen a cortar os gallos cas cuitelas ou esgazalos cas uñas. Describe o bulir dos vendimadores  no ir e vir ao lagar, cargados cos cestos e cando volve a durmir á villa a cuadrilla, sempre diante o gaiteiro tocando, mesmo detén a súa mirada nun prestoso xantar non faltando tampouco detalle da cea do caldo de berzas que eiquí se estila e volta aos cantos de pandeira e a muñeira antes de se deitar, bailar e á hora de durmir, elas con eles no pallar e finalmente, deixa o relato cuando o sol aluma de novo e o gaiteiro infla o seu fol para guiar á cuadrilla outro día a:
" buscar vendima a outra villa
onde esta labor empeza."

Para os que viviron unha vendima antes dos 60 do século XX ( data na que comeza a funcionar a cooperativa Vinícola Villafranquina) en Vilafranca non sería moi diferente da que describe Morales, cargada de bulicio e alegría. Morales deulle protagonismo a esa "cuadrilla" de galegos e galegas en detrimento doutras posibles que os maiores lembran con señardade e que a min me teñen contado de sons de carros cargados polas rúas empedradas e cheas de mosto ao que arrecendían no tempo da vendima a vila enteira porque logo do lagar nas cubas e tinos comezaba a ferver o viño novo.

Son muitos máis os detalles que no poema podemos atopar e sobre os que noutra ocasión volveremos. O poema finaliza cun ton moi romántico:

O nombrar cousas preciosas
ya todos atinarían
que a falar vamos das rosas,
ou das nenas tan hermosas
que nesta villa se crían.

As labieiriñas amorosas que no final do canto evoca lembranos que no tempo da vendima e colleita son tamén propicios para os amores que afloran facilmente neste espazo de felicidade. Recentemente as mozas do IES Padre Sarmiento fixeron unha adaptación do poema para representar no Teatro de Vilafranca.


Ningún comentario:

Publicar un comentario