xoves, 7 de novembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: MAGOSTO

A palabra magosto con ser unha palabra coñecida e estendida non deixa de ser unha palabra propia das terras que como o Bierzo ou O Courel son grandes produtoras de castañas. O noso poeta recolle como título dun dos seus poemas esta palabra en plural, pois describe ademais do propio da xentes do pobo o magosto da
 " ...xente de mais posibles,
 ou Señoritos, o mesmo
 van ós campos de jolgorio 
dos magostos co pretesto..."

Pero que é un magosto, Morales non a inclúe no seu catálogo, seguramente por saber que non precisa aclaración, pero si queo o describe nos seus versos:

" En cuanto chegan ó campo
poin as castañas no suelo;
collen zarzas dos subiaos,
follas d´arboles e fieitos,
e con pallas dos restrollos
unha fogueira fain presto.
 Pra que se asen por igual
as castañas, cun galleiro,
dende q´a estoupar empezan.
sempre as están revolvendo...
...séntanse logo ó redor
do magosto e co galleiro
escagallan as castañas 
pra que non queimen os dedos."

( Do poema: Os magostos)

As castañas asadas nunha fogueira no campo constitúen un magosto ao que se adoita sumar o viño e logo a festa, algún xogo e no caso dos "señoritos" algunha que outra vianda máis.

A palabra magosto ten unha etimoloxía discutida. Aínda que case todo o mundo acepta a latina do "magnum ustum" (é dicir "a gran fogueira ou lume") non deixa de haber outras interpretaciois como a da orixe céltica. Hai  tamén unha hipótese máis forzada que nos remonta a raíces indoeuropeas que din facer referencia ao acto de pisar o ourizo da castaña (mak-vors-to).

O vigor da celebración é evidente e pasou de ser un acto espontáneo e particular a un acto social que xa o era no século XIX e mesmo oficial, ao ser organizado por entidades como os gobernos municipais (isto é habitual entrando no século XXI) .

Existen ademais ao redor da castaña hoxe no Bierzo unha morea de iniciativas dignas de mención, citamos un congreso monográficosobre o castañeiro, precedente doutros eventos que con carácter anual se instauraron recentemnete na comarca. Referímonos ao que realizou  o colectivo ecoloxista A Morteira sobre o futuro do castaño, pero botamos en falta, aínda así, outro tipo de propostas que aborden as relacionadas coa lingua e o patrimonio inmaterial arredor do castañeiro.  Vaian pois estas liñas como chamada de atención á hora de recuperar tamén o léxico relacionado coa castaña que no Bierzo é parte dese patrimonio cultural ligado á terra que está por restaurar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario