domingo, 27 de xaneiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: BOTELO


Chegadas estas datas de finais de xaneiro imos cunha das palabras coas que hoxe popularmente se identifica a gastronomía do Bierzo: a palabra “botelo” que aparece definida así polo noso autor Fernández Morales no seu catálogo:

BOTELO: Tripa ancha e curta chea  de ósos e carne de cocho adobados,con muito pemento, que fan pola matanza.

O propio Morales utilízaa en varios dos seus poemas, aparece  a carón da androlla no poema do Entroido (como xa lembramos na entrada referida a esa palabra). No poema titulado "A boda de Petriña",  despois da celebración na igrexa ten lugar unha comida abundante na que os invitados:

"Fartáronse como lobos
dos adobos,
botelos, xixa e toucín". 

É tamén usada para establecer unha comparación (dí o poeta "como botelos" destacando o volume e a gordura dalgún outro obxecto noutros poemas  como por exemplo no titulado "Proba d´amor". 


 En Vilafranca do Bierzo o primeiro botelo do ano reservábase para o día de Santo Tirso (28 de xaneiro) no que a vila celebra o santo avogoso dos ósos nunha especie de romaría que comeza a véspera cunha gran fogueira aos pés do convento de San Francisco, na Praza Maior. Iso non impedirá que, no tempo que se achega da festa de Entroido,  sexa un prato dos habituais na mesa dos bercianos.

Na nosa habitual ollada aos dicionarios atopamos a palabra no dicionario da RAG e no Dicionario dos dicionarios especificando que é co estómago do porco ou co intestino groso, unha das diferenzas coa androlla, ademais da mestura dos ósos.

Quixeramos sinalar que esta palabra leva un sufixo derivativo moi galego -elo que serve para marcar a presenza desta lingua en territorio berciano. Aparece con gran abundancia en topónimos:   Trabadelo, Penedelo, Portelo, tamén en feminino: Portela ou  Vilela.    É unha mágoa que hoxe a  palabra botelo, como xa dixemos,  que goza como produto  dun gran recoñecemento e sona entre os manxares gastronómicos bercianos  mesmo cunha Indicación xeográfica protexida, non sexa respetada á hora de publicitala e se escolla pola contra o nome en castelán: "botillo",  se cadra co pretexto de   diferencialo dos outros botelos, pero sen a máis mínima sensibilidade coa tradición lingüística propia do Bierzo, a do dialecto berciano onde esta palabra, como constatou Morales, tiña esta denominación. Ademais é no noso autor  onde por vez primeira se documenta unha definición do botelo, segundo consta na seguinte referencia da páxina sobre os produtos agroalimentarios de Castilla y León que nun pequeno estudo histórico que introduce.




sábado, 19 de xaneiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ATURULAR



Seguimos o noso percorrido polas palabras que Antonio Fernández Morales cita no seu Catálogo e significación de voces do dialecto berciano e topámonos con esta palabra relacionada co sentimento, coa expresión folclórica sonora saída dos corazois dun grupo de homes e mulleres que no medio do canto amosan deste xeito tan enxebre o contento e a harmonía de seu.

ATURULAR: Gritar cun son agudo e prolongado, denotando alegría e entusiasmo. Úsase muito en Galicia ao rematar as tonadas que cantan nas rondas.


Acompañando as pisadas
e collidas polas maos
outras van emparexadas,
cantando as mesmas tonadas
dos anos todos pasaos.

Ó finar, con muito ardor
aturulan: Hí, jí jíiiiiiii !!...
y aquel q’alarga mellor,
sin tomar alento, a íiii...
lle chaman bon berrador.
 Do poema “Villafranca e a Vendima” de A. Fernández Morales (versos 145-154) 


Nos dicionarios da RAG ou no Dicionario de Dicionarios aparece con outras acepciois e ademais como sinónimo de aturuxar.  Hai quen comenta que o aturuxo ou aturulo é un costume ben vello, que xa está documentado nos textos latinos de Silvio Itálico que citando aos galaicos fala dos seus gritos de guerra:


O texto do autor latino Silio Itálico sobre a I Guerra Púnica fálanos destes berros e cánticos proferidos polos galaicos mentres marcaban os seu paso co golpear dos seus escudos:
Fibrarum et pennae divinarumque sagaces
flammarum misit dives Callaecia pubem,
Barbara nunc patriis ululantem carmina linguis,
Nunc, pedis alterno percussa verbere terra,
Ad numerum resonas gaudentem plauder caetras.
Haec requies ludusque viris, ea sacra voluptas.
Silius Italicus
(A opulenta Callaecia enviou á xuventude experta en adiviña-las entrañas, os voos das aves e os divinos lóstregos, ás veces berrando bárbaros cantos na propia lingua, e ás veces danzando ata feri-la terra, aledándose ó golpea-las sonoras caeteras (escudos) a ritmo. Este descanso e este divertimento son un sacro pracer para os homes).


*Esta foto, o texto e a súa tradución están tirados do blog a sombra de bouza panda onde poderás ler máis sobre a orixe deste costume. 

sábado, 12 de xaneiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ANDROLLA


Seguindo ao gran cantor das terras do Bierzo iniciamos esta andaina que editaremos unha vez por semana (por iso imos chamala "a palabra da semana") polo dialecto berciano da mao de Antonio Fernández Morales e os seus “ Ensayos poéticos”.

Imaxinemos logo que temos un dicionario e a capricho abrimos nunha das súas entradas e vemos:

ANDROLLA: Tripa curta e ancha chea de certos menudos adobados de cocho, que se fai no país pola matanza. (do catálogo de voces do dialecto berciano de Fernádez Morales)

Procuraremos ilustrar cada entrada ben con imaxes, ben con versos ou textos, neste caso con ambalas dúas cousas:

O viño ailí anda por largo;
fumea a xixa de vaca,
os botelos, as androllas,
cachuchas, de cocho as patas,
pampalliños, longanizas,
uvas, conchos e castañas,... 
(Do poema o Entroido
de Antonio Fernández Morales)


Ademais imos deixar aberta a procura da palabra noutros dicionarios como:

Neste último enlace Elixio Rivas, como case seguro non vos pasou desapercibido, cita a palabra androlla recollida en Dragonte (Corullón) e cita outra variante "andolla" , esta recollida no mesmo concello en Viariz. 

UN REPASO POLOS TEXTOS DO GALEGO NO BIERZO

Tirado dunha proposta didáctica chamada O mego na escola para os centros bercianos e os alumnos/as do programa de galego que editou nun pdf o ano 2006 a Comisión Cultural Martín Sarmiento. 


SARMIENTO O PRECURSOR

Sarmiento foi o primeiro en se decatar e valorar este patrimonio común que conservamos e que é á vez unha das compoñentes máis significativas da nosa identidade. A fala foi durante moitos séculos un patrimonio conservado polas xentes humildes, que non sabían ler e escribir, pero eran quen de máximas como: “Do mal peito, mal feito” ou “Das palabras non o sonido, senón no sentido” . Sarmiento sería dos poucos coñecedores neses séculos escuros para a literatura en galego da magnífica poesía medieval en lingua galega conservada en manuscritos que tivo ocasión de consultar en Toledo. El foi o primeiro en compoñer á imitación do que o pobo facía o Coloquio en mil duascentas coplas galegas.

(coplas da 26-31) (coplas 32-37) (coplas 162, 168-219, 221-223)
PROPOSTAS DIDÁCTICAS
Primaria:
TEXTO A)Cantas dos produtos que se venden neste mercado da época de Sarmiento coñeces?
Coa axuda do teu mestre/a intenta buscar as palabras que non entendas.
Realizade un mural do mercado cos debuxos cos produtos que identificastes.
TEXTO B) Esta obra de Sarmiento é un Coloquio no que interveñen personaxes. De que cres falan nestas coplas Perucho e Maruxa?
Secundaria:
TEXTO A)Identifica todos ou case todos os produtos que se venden no mercado descrito por Sarmiento facendo uso dun dicionario.
Sarmiento facía estas enumeraciois para cubrir diversos campos semánticos, organiza por campos semánticos os substantivos que aparecen.
Compara un mercado daquela cos de hoxe. Que semellanzas e diferenzas atopas?
TEXTO B) Esta obra é un Coloquio de 24 rústicos, no texto falan dous labregos e por que cres que Maruxa se lembra do Nadal. Que ten que ver isto coa morte do Rei da que fala Perucho?
Localizas no textos A e B algunha ironía ou retranca? Explícaa.


DA TRADICIÓN Á RECREACIÓN DE FERNÁNDEZ MORALES
Logo virían autores no XIX no chamado Rexurdimento das Letras que recrearían tamén a fala e as formas de cantar tradicionais para realizar obras magníficas como é o caso dos Ensayos Poéticos en dialecto berciano, de Antonio Fernández y Morales (1861) unha obra extensa (9.137 versos) e clave para entender en toda a súa dimensión este período da nosa literatura, posto que se adiantaría á tan popular Rosalía de Castro. Seleccionamos aquí dous anacos de dous poemas distintos:

(Do poema Villafranca e a vendima) 
(Do poema A caza maior)
PROPOSTAS DIDÁCTICAS
Primaria:
Para entender ben os textos usa o dicionario e consulta ao teu mestre/a.
Cal dos dous textos che resultou máis divertido? Por que?
Saberías localizar algún castelanismo nos textos? E algún trazo dialectal propio do galego do Bierzo?
Secundaria:
Organiza un pequeno vocabulario coas palabras que non entendas.
Localiza castelanismos e trazos dialectais do galego do Bierzo.
Repara nos topónimos citados e contrástaos coa denominación actual.
En que se parece o primeiro texto de Morales e o anterior de Sarmiento?