domingo, 24 de febreiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: LABIEIRIÑA

Esta palabra que hoxe, un 24 de febreiro escollemos, é unha palabra berciana coa que queremos honrar a Rosalía de Castro no seu 176 aniversario, autora coetánea do noso poeta Antonio Fernández Morales. Comparten ambos para os lectores de hoxe o honor de ser representantes do Rexurdimento da Literatura en galego na décado dos 60 do século XIX. Ambos leron seguro a outro berciano e galego, ao Padre Sarmiento e os seu Coloquio das 1200 coplas, ambos comprenderon que a tradición oral, fonte dos cantares do frade, eran tiña que ser tamén a fonte dos seus fermosos cantos, o de Rosalía a Galicia, o de Morales ao Bierzo, cantos para dignificar a Terra a súa fala e as súas xentes. Ambos foron valentes e publicaron na lingua do pobo e falaron dos seus costumes e dos seus traballos.

A palabra labieiriña, di Morales no seu Catálogo que é claro está un adxectivo labieiro/ra que significa "garatuxeiro/a" (el dío en castelán: zalamero/a", é dicir, adulador/a, solermiño/a) pero esta era unha primeira acepción. Coa que nos queremos agasallar a Rosalía sería a segunda acepción "doce, amable e suave no falar", esa acepción que Morales no seu poema O fiandón na aldea utiliza nos seguintes versos:

"Recibíronme contentos
o tío Antón, a sobriña
e a súa muller labieiriña;
e despois dos cumplimentos
metéronme na cociña"


Botémoslle agora a nosa habitual ollada aos dicionarios na RAG e no dicionario dos diccionarios nesta última aparece unha referencia concreta ao uso que facemos no Bierzo desta palabra ( usando como referente ademais ao propio Fernández Morales).

Non quixeramos rematar esta entrada de hoxe sen sinalar que a palabra aparece ademais con ese sufixo tan caracteristico da nosa fala -eiro/a, ao que se lle engade esoutro -iño/a un diminutivo con frecuencia  máis con carácter afectivo, sufixo tan presente nos Ensayos poéticos en dialecto berciano de Morales, como nos Cantares Gallegos de Rosalía. Vexamos algún exemplo:


Sempre na súa veiga, cuando                                                Branca aurora
Empeza a lumar a aurora,                                                     ven chegando
Os paxariños gorxeando                                                       i ás portiñas
Despertan do sono blando                                                     vai chamando
á labieiriña pastora.                                                              dos que dormen
.................................                                                              esperando ¡o teu folgor!...
                                                                                                 .................................
Na gaita de fole tocando                                                      Cantor dos aires,
vay o gaiteiro a muiñeira;                                                     paxariño alegre, canta,
algúis o son bailando,                                                           canta por que o millo medre...
y algúas nos cús tocando                                                            ...................................
dos seus megos a pandeira.                                                        Que o gaiteiro,
                                                                                                   ben lavado,
( do poema Villafranca e a vendima,                                        ben vestido,
          de Antonio Fdez. Morales, 1861)                                                ben peitado,
                                                                                                   da gaitiña
                                                                                                   acompañado
                                                                                                   ¡á porta está!...
                                                                                                             
                                                                                             (do poema Alborada
                                                                                            de Rosalía de Castro, 1863)

Entre estes dous autores, berciano el, galega ela, debemos ademais chamar a atención, non só sobre as semellanzas formais que saltan á vista, senón tamén entre os temas e a intención dos que dotan aos seus versos.  O uso da fala popular, dos costumes, da paisaxe para espertar a conciencia e a identidade de seu son constantes nestes poetas. Son o resultado dun mesmo fenómeno, dunha mesma literatura e dunha mesma época, a do Rexurdimento do galego, el no Bierzo, ela en Galicia.


mércores, 13 de febreiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: COCHO


Escollemos esta palabra que denomina a un animal doméstico central na economía labrega. O COCHO  é a denominación berciana do que os galegos máis occidentais chaman “porco” ou, como di no seu Catálogo  Fernández Morales, en castelán,  “cerdo”. 
A pouco que se repare nas distintas entradas que imos facendo veremos que un 50% delas teñen unha relación directa coa gastronomía tradicional berciana, unha das precupacois que Morales nos seus poemas costumistas retrata con precisión. A outra metade das palabras seleccionadas, polo de agora,  remítenos a unha tradición ou costume. Todas elas son palabras significativas que contribúen a definir, a través da fala, esa personalidade das xentes do Bierzo ás que o poeta rende deste xeito unha homenaxe tras levalas á escrita. Pasados xa 150 anos da súa publicación son unha testemuña lingüística de primeira orde para coñecer o que Morales chamaba o dialecto berciano. Pois ben en dialecto berciano ou no galego do Bierzo a palabra cocho remítenos de novo á gastronomía, pois é o animal do que "todo se come".

O noso autor introduce a palabra nunha descrición harmónica dos animais da casa que fai Blas Neto, de Corullón ao seu señor "o inxerto" no longo poema titulado "Cuento satírico"

"Os bois están arando 
o xato estápacendo
y  están fozando os cochos
d´a vaca n´os buleiros".

O número de cochos   que se matan entre labregos é signo de riqueza, así o parece indicar esta resposta da o padre de Petra ao padre de Lucas: 

" ...o que é carne
non lles dou, porque tu desta
teis a bondo, que matache
sete cochos..." 
( do poema A boda de Petriña, de Fernández Morales)


Na nosa habitual visita aos dicionarios, atopámola no da RAG  e no dicionario dos dicionarios onde destacamos a nota de Elixio Rivas que di que a palabra é de gran uso no Bierzo.

xoves, 7 de febreiro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: ENTROIDO

Esta palabra é unha palabra tamén con gran transcendencia pois é un dos costumes que, celebrado en muitas culturas ao longo e ancho do planeta, ten unha especificidade no Noroeste peninsular, sendo o galego considerado un dos dez máis orixinais do mundo. Teñen unha gran sona os de Laza na provincia de Ourense   e en distintas zonas de León coñécese co nome que usa precisamente Morales no seu Catálogo "andruejo". Trátase efectivamente dunha palabra de orixe latina "introitus" que fai referencia ao que se quere dalgún xeito  propiciar con estes festexos, "unha boa entrada da primavera" que xa se achega. Conservouse, en gran medida, unha serie de rituais variados de tradiciois pagás grazas ao intento da Igrexa de agrupar nun só día, hoxe día grande do tamén chamado Carnaval,  o martes de Entroido. Mais o Entroido galego presenta un calendario que ás veces arrinca xusto despois de Reis e lugares tan vencellados ao Bierzo como é as aldeas do Cebreiro na comitiva dos seus Reis aparece unha figura denominada "Carantoña" que en realidade é unha máscara moi semellante ás dos entroidos ourensáns.

O noso poeta Antonio Fernández Morales deixou escrito un marabilloso documento en forma de poema no que recolle numerosos campos semánticos relacionados co entroido e  no que, ademais de describir as distintas actividades que se facían nas aldeas e o seu "Diaño do entroido" logo, como contrastre, cambiando de ángulo ofrece unha visión das celebraciois propias das vilas bercianas nas que:

 "como hai muitos señores,
 son os estilos mellores,
 anq´entre a xente máis alta
ocasión tampouco falta
en quedar manco ou torto..."

e das que realiza tamén unha descrición viva e detallada,  con ser máis estensa a propia das xentes labregas. Vexamos algúns versos da cabeceira do poema:

" ... vestiron os días d´entroido
un home feito de palla,
o que, pra as xentes, o Diaño
d´o  entroido representaba..."
( versos 5-8 do poema O Entroido, de Antonio Fernández Morales)

No dicionario dos diccionarios aparece algunha entrada na que se detallan peculiaridades que podemos atopar tamén no poema de Morales, e polo tanto formando parte da tradición popular no Bierzo.
Podes consultar tamén a palabra no dicionario da  RAG.


Actualmente a palabra entroido está viva e aparece nos carteis que ano tras ano e como eco da tradición seguen a editar os mozos e mozas de Vilar de Aceiro (lugar pertencente á subcomarca da Somoza hoxe no municipio de Vilafranca). Son tamén moi coñecidos os maranfallos do entroido de Burbia.