sábado, 25 de maio de 2013

A PALABRA DA SEMANA: CAVORCO

Aínda que en Fernández Morales aparece coa grafía con b, cavorco debería estar escrita con v por razois etimolóxicas posto que vén dunha raíz ben coñecida común á do verbo cavar (cavu en latín "oco"). Morales defíneo no seu catálogo de voces como "barranco profundo". Precisamente este cavorco promovido por unha corrente de augas, pode ser logo usado polo home como camín entre montañas, todo isto parece estar suxerido por Morales nos seguintes versos que describen os montes e a paisaxe natural que rodean a vila de Vilafranca:

Mudan nos zarzais y escobos
ailí as culebras rastreiras
 a camisa, e nas ladeiras
 dos caborcos tein os lobos
 y as zorras as madrigueiras.

(do poema Villafranca y a vendima)

 Con v e non con b aparece tamén no dicionario da RAG e no dicionario dos dicionarios onde, como habitualmente ocorre o Padre Elixio Rivas Quintás fai referencia a esta palabra de uso na fala do galego oriental de Valdeorras e do Bierzo.
 Como curiosidade comentaremos que nunha  recente Aportación al vocabulario popular de la Comarca Berciana  dirixida e coodinada por María Trinidad Crespo Álvarez (que exerceu de Inspectora comarcal de Educación) e Jovino Andina Yanes ( mestre). Este libriño é fruito dun cuestionario que foi dirixido aos diversos centros de ensino do Bierzo no ano 1969 en resposta a unha petición do prestixioso poeta e lingüista Dámaso Alonso que viña de realizar un traballo sobre a lingua na zona do Bierzo e dos Ancares, finalmente publicado polo Instututo de Estudios Bercianos no ano 2008. Pois ben, neste vocabulario a entrada que se lle dedica á nosa palabra explíca en castelán que caborco é un "arroyo, reguero. Zanja en el terreno producida por la erosión del agua. Paso profundo, despeñadero." Non sabemos por que razón se usa coa grafía digamos "incorrecta" (é dicir con b) xa que se consultamos nun dicionario de castelán, non aparece nin con b nin con v,  aínda que si pode citarse esta outra "cavorca:  cueva " da que se fai saber que procede de Valencia, por exemplo na edición do Diccionario de la Lengua Española editado pola Real Academia Española no ano 1984 tomo I.

Do B e o V en Morales: Morales vai usar a grafía b en lugar do v en muitas palabras que o castelán usa na súa norma con b. Por exemplo boda, que tanto en latín (vota) como en galego normativo, que respecta a etimoloxía latina (voda), sabemos que se escriben con v. pero noutras ocasiois como a presente na que usa caborco con b ou como nuns versos máis abaixo  cando di: "brincan cerbos e corciños" o uso do b en lugar do v é claramente incorrecto. Polo tanto nunha edición crítica do seu texto: voda, cavorco ou cervos son palabras que deberían aparecer con v.





domingo, 19 de maio de 2013

A PALABRA DA SEMANA: GOLLARAPOS

Antonio Fernández Morales no seu catálogo trata est apalabra coma unha expresión "en gollarapos" ademias de contemplala como substantivo masculino. No tocante á definición  Morales comenta: "dise das aves que non teñen plumas, nin plumín aínda.// En coiros// En sentido metafórico aplícase aos lampiños", é dicir, aos que non teñen barba.

Referíndos ás aves sen plumas atopámolo usado nos seguintes versos nos que Don Liso, un señorito tolo que coma unha "pita cloca" empola nun cesto a modo de nial cen ovos:

...y aos dez meses ya sentía
picarlle os polos n´o cu.

C´o gozo, seiq´índa máis

se bebeu de dous cachapos

d´hipocrás; mais por cen ráis
non dera, anq´en gollarapos,
os seus fillos naturais.

 (do poema Proba d´amor)

Tamén na terceira estrofa deste poema usa a expresión "en coiros".

Mais a palabra gollarapos será empregada noutro sentido máis metafórico nos seguintes versos noso autor:

Nunca entre os señoritos
un polo falta
aínda en gollarapos
que toque a flauta.
Y en corro aparte
bailan c´as señotitas
polkas e valses.

(do poema "O San Roque en Paradela")

Poderían estar escuro o sentido destes versos ou aberto a varias interpretaciois se non fosen seguidos na seguinte estrofa dunha lóxica explicación:

Como hay nas romerías
muita confianza,
 sin fraques nin lebitas
os polos andan.
no mes d´Agosto
sofoca hats a camisa
sobre d´os hombros.

Nas nosas habituais consultas esta palabra non aparece nin dicionario da RAG ou no dicionario dos dicionarios esta palabra non aparece, pero si atopamos cairo ou queirés que serían sinónimos. Silverio Cerradelo nun artigo do número 34 da revista da Sociedade Galega de Historia Natural realiza unha revisión do léxico do nome das aves no que se cita a nosa palabra.

No Atlas Lingüístico do Bierzo (ALBI) a publicación do IEB tamén se cita incluíndose neste cado coa alternancia vocálica gullarapo que se usa en Dragonte e nas proximidades, aínda que pode ser usada outra expresión "coiracho" ou "en coirachos". Véxase a imaxe tirada do ALBI coa que acompañamos esta entrada.





sábado, 18 de maio de 2013

Morales debe seguir esperando?

Antonio Fernández Morales é o poeta do galego do Bierzo e o Bierzo é un dos lugares onde o galego como idioma histórico da comarca está a perder máis falantes no conxunto de territorios galegófonos a día de hoxe. Os bercianos defensores do galego debemos seguir reivindicando a defensa do galego no Bierzo e desde hai anos a solicitude da celebración do Día das Letras no Bierzo e na honra de Morales é unha meta que, de concretarse, permitiría situar na mente, visualizar  para todos os galegos a situación actual da lingua na comarca. Se cadra os bercianos debemos seguir intentando este obxectivo, pero teriamos que ser quen de promover de xeito distinto esta iniciativa  que varios colectivos reiteradamente solicitamos á Academia, lugar onde sabemos que ano tras ano desde o 2011 a candidatura do autor dos  "Ensayos poéticos en dialecto berciano" segue tendo presenza e segue sendo de interese para un bo grupo de académicos.

Analicemos por un momento a situación lingüística que vive o galego no Bierzo. Se observamos esta gráfica comparativa que evidencia en porcentaxes aproximativas (a altura dos anos 90) a tremenda situación de perda de falantes habituais de galego, comprenderemos de inmediato  a dimensión da problemática que estamos a sufrir na nosa comarca:



O éxito do Día das Letras do 2013 para un autor como Vidal Bolaño, para un xénero e un oficio como o dos dramaturgos e actores, sempre pouco considerado, foi sen dúbida unha excelente elección por parte da Academia.  De novo, cara ao Día das Letras do 2014, temos que iniciar ese camiño da candidatura de Morales e con novas iniciativas e propostas de visualización da mesma. Que o estado da lingua galego do Bierzo, tanto no Bierzo como en Galicia sexan centro de interese por un ano, debería servir para reflexionar e promover un cambio na evidente desgaleguización da comarca (a pesar de contar cun tímido e pouco eficaz, aínda que exitoso programa de introdución do galego nos centros de ensino  ao que con carácter voluntario se acollen unhas 1000 familias bercianas).