sábado, 21 de setembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: VALEIRO/ BALEIRO

A palabra que traemos esta semana ao blog é unha palabra que non aparece citada noutras publicaciois recentes bercianas que xa referenciamos noutras ocasiois e tampouco o está na última que chegou ás nosas maos, "Vocabulario propio de una aldea del Bierzo: Dragonte" recollido por Carlos Castelao e editado no último nº da Revista do Instituto de Estudios Bercianos. Non se trata dunha palabra rara, é común e usual na fala berciana, no galego do Bierzo, e como tal recóllea Fernández Morales no seu Catálogo de voces que, como é sabido, presenta  un pequeno grupo de palabras seguidas dunha tradución ao castelán feita polo propio Morales. Pois ben da nosa palabra: "valeiro/ -ra" di que é un adxectivo que significa "vacío, -ía".

No poemario utilízaa en varias poemas. Vexamos un exemplo:

Era o caso que por falta 
d ' agua da que bota o Cielo
 e por sobra de sol , íbanse
 os campos quedando secos .
 Todas as presas y os pozos 
ya estaban cuasi valeiros.

(Do poema "As rogativas a San Crispín")

Como xa dixemos é unha palabra usual e común de uso no Bierzo e en Galicia e como tal con algunhas variantes, escrita con b- (no galego normativo) ou con v-, figura nos dicionarios  no dicionario dos dicionarios.
 Precisamente no dicionario da RAG podemos observar as distintas acepciois desta palabra, sendo a primeira ou a segunda as usadas unicamente nos textos nos que Morales fixo uso desta:
"...como gaitas de fol valeiras" di no poema No San Roque de Paradela  e na cabeceira do poema  Os magostos  escribe: "os hortos d´o Bierzo, as viñas , veigas e praos ya están de todo valeiros".

Comentando brevemente o contido do primeiro dos textos de Morales que citamos, sitúanos nun momento do vrao moi semellante ao que sufrimos o ano pasado no que a seca baleirou pozos que nunca secaran. No Bierzo hai un refrán que di: "Chuvia de agosto bon magosto", pero hai anos nos que a chuvia neste mes ou  no seguinte faise de rogar, como taén popularmente se di. De aí as chamadas rogativas a santo como o que cita o noso cantor, iso si deixando ao lector, non sen certa ironía, sen referencias concretas do lugar ao que se refire:

¿Como se chama unha aldea
d´a que  é o patrón San Crispín? 
Pois non recordo cual sea!...
Vou pensar... Direino, ó fín,
cuando se me veña a idea.

Parece ser que San Crispín é patrón dos zapateiros e peleteiros, hoxe aínda é celebrado en Benavente (o que aparece na foftografía), pero non sabemos de ningún lugar do Bierzo que o celebre. Hai un santo, Crispín de Viterbo, dos de recente canonización, que tamén é zapateiro e que se fixo capuchino franciscano tras observar unhas rogativas para pedir a chuvia,  pero non parece que sexa este ao que se refire Morales. Será a trama que soporta este poema unha recreación literaria?. Por outra banda, as rogativas á Virxe das que temos referencias en lugares próximos son as que se celebran cerca de Astorga, en Castrotierra de Valduema.
 Podemos logo dicir que hai un especie de baleiro neste campo das rogativas no Bierzo e que nos atopamos "coas maos baleiras", é dicir, sen conseguir saber con certeza se o noso autor fala dunha aldea concreta do Bierzo ou se foi unha escena literaria creada por el e, polo tanto, non se pode localizar en ningures. Mais do que si estamos certos é de que a palabra que hoxe traemos eiquí é unha palabra propia do patrimonio lingüístico berciano a conservar. Por certo unha demostración do vigor da palabra a día de hoxe no Bierzo está , por exemplo, no nome dun grupo folk berciano "Cachola baleira" do que deixamos unha actuación nun Festival na Cabeira.









domingo, 8 de setembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: FARRACO


"Mundo do demo! Solo os 
q´aluma por bon buraco
a fortuna, no farraco
tein plata; os outros dun Dios
si son fillos, son de Baco. "

(do poema Cuento satírico)

A palabra que comentamos esta semana é a de "farraco" unha palabra que Morales describe no seu catálogo de voces do dialecto berciano anexo ao poemario como sinónima de bolso. Utilízaa con bastante frecuencia nos seus versos e aparece cun  significado non mui distante  no dicionario da Academia Galega  e nese mesmo dicionario unha palabra como farraca é sinónima de faldriqueira ( na fotografía vemos unha faltriqueira actual de coiro) , que vén sendo máis ben un saquiño de tea para gardar os cartos de uso feminino. No dicionario dos dicionarios aparecen ambas formas . Nos vocabularios e traballos de léxico editados no Bierzo ou non aparece como o de Verardo García Rey (1934) ou presenta a forma farraca como ocorre na Aportación al vocubulario popular de la comarca berciana (2008). Case que todas as referencias que se citan no Tesouro Informatizado da Lingua Galega pertencen a Fernández Morales, e as outras pertencen tamén a outro berciano e amigo natural de Teixeira, Aquilino Poncelas Abella, dunha das súas publicaciois recentes.

Para comparar o seu uso documentado con outra palabra coa que rima farraco na quintilla de Morales indagamos sobre a palabra buraco que é tamén unha palabra berciana e do galego oriental muito máis estendida como se certifica no Tesouro Informatizado da Lingua Galega que como se pode comprobar Sarmiento ou Morales a usaron e mesmo na documentación medieval tamén quedou constancia da súa utilización.  Lembremos que esta palabra que en galego normativo é burato, dos vocabularios editados no Bierzo o de Verardo García prefire a forma máis propia do leonés "furacu" aínda que outros repertorios léxicos recollen tanto esta como a outra.