sábado, 19 de outubro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: BANGALLO / BULLO

Seguindo coa vendima atopamos en Fernández Morales outra  preciosa palabra que remite ao campo semántico das uvas e do viño, algo tan berciano, unha palabra que outros autores non usan. Parece ser propia do Bierzo. Volvamos logo a mirada cara os seguintes versos:

¿ Como estará o corpo seu con tantos como lle diche ? 
¿ Quen o duda ? esmagallao como un bangallo quedou ;
 e lle está ben empleao pra que non se meta osao onde ningún o chamou...

( do poema Ao meu bon amigo D. Mariano Cubí e Soler)


 A palabra bangallo defínea no seu catálogo como "escobajo del racimo de uvas" mais como pode apreciarse o poeta utilízaa nos seus versos non nun contexto propio da vendima ou da elaboración do viño, senón para establecer unha comparación, como tamén o fai no poema que lle dedica a Cacabelos para establecer unha comparación hiperbólica ao explicar que as mozas manexan os mallos na malla, que supoñen pesados, con soltura e como se non tivesen peso, cousa que lle pasa aos bangallos despois de perder as uvas:

...e decir podo 
qu ' as mozas baixan i erguen os seus mallos
 o mesmo que si foran de bangallos .

(do poema A santisma Virgen da Quinta Angustia)

A palabra parece como variante da que se usa comunmente en Galicia e Castela "bagazo" aínda que semella estar máis próxima á palabra galega  bagullo que se podería descompoñer na raíz bag- e un sufixo (hoxe pouco presente como tal no galego actual) -ullo que nos remite ao que xa non é produtivo ao inutilizado do recimo ou acio de uvas.  Ese sufixo utilízase de xeito semellante ao do -allo que presenta a nosa palabra con ese valor diminutivo-despectivo ecoando dalgún xeito no seu significado.

Outra palabra que inclúe Fernández Morales no seu catálogo é a palabra bullo que son os restos dos recimos despois de expremelos para facer viño, o que serve para facer augardente.  No catálogo que define a palabra en castelán o autor escribiu "orujo".

Ambas palabras bullo e bangallo son usadas a día de hoxe polos habitantes galegofalantes de Dragonte como se indica no catálogo de voces recollidas por Carlos Castelao, editado na última revista do Instituto de Estudios Bercianos, nº 37. A palabra bullo está na Aportacion al  vocabulario popular de la Comarca berciana que tamén editou o IEB. lamentablemente este vocabulario só reproduce a palabra: bandajo nunha castelanización evidente da palabra propia, e algo semellante ocorre coas dúas palabras noutra publicación máis vella  a do Vocabulario de Verardo García Rey no denominado Vocabulario del Bierzo. O rico campo semántico do viño no galego do Bierzo segue precisando unha recuperación que evite a perda desta riqueza patrimonial da nosa comarca unida a un sector tan activo e vigoroso da nosa economía.

 Vexamos algún exemplo do que se podía facer. Os nomes das partes do lagar que habitualmente se usaban en Cacabelos ou en Vilafranca están por recuperar para as novas xeraciois de bercianos, pois como se aprecia na fotografía de arriba palabras como: o penso, o pé do bagallo ou o fuso, non se tivo a pericia de incluílas á hora de confeccionar o gravado.  Actividades moi loables como as que realiza a Xunta veciñal de Noceda  recuperando vellos lagares e convertelos nunha atractiva experiencia didáctica e de divertimento para o pobo, son moi loables. Noutras partes do Bierzo tradicionalmente vitivinícolas como Vilafranca ou Cacabelos cun gran número de bodegas punteiras no sector deberían tomar nota e ser quen de recuperar o lagar e estas experiencias etnográficas, tendo en conta tamén eses outros aspectos, como son o do léxico tradicional do viño, que tampouco debemos perder.

domingo, 6 de outubro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: VENDIMA

Se hai unha palabra que represente ao Bierzo labrego e tradicional esta pode ser a palabra vendima. O tempo da vendima no Bierzo é un tempo de traballo e riqueza, tamén un tempo de festa e alegría, ao chegar a colleita da uva, e comezar un tempo, tempo do outono no que a casa será lugar ademais de lugar de repouso, lugar de traballo, primeiro na bodega e logo arredor da lareira.

Para o noso poeta a vendima está asociada a Vilafranca, aínda que as viñas aparecen na paisaxe dos seus poemas constantemente. No poema que titula Villafranca y a vendima, despois de facer unha descrición da vila que foi a súa residencia berciana na década convulsa dos anos 40 do século XIX, vila á que volvía nos períodos de licenza, entre campaña e campaña do capitán do exército do Norte que xa era, vila na que coñece a Cubí, o frenólogo catalá que o invita a escribir en dialecto berciano, nesa vila, corazón do Bierzo galego falante, comeza  a evocación e sitúa o retrato desta estampa tradicional pois, seguramente  foi nela na que reparou nesta singular vivencia cíclica do calendario tradicional da comarca:

Chega o tempo da vendima
y é gloria entonces mirar
cual bule a xente e se anima...
o espíritu se sublima
aquel tempo ó recordar.

A esta vendima, descrita cun ritmo puideramos dicir cinematográfico, acoden galeguiñas con megos e robustos galegos que chegan a villa en cuadrilla, obedientes ao cachicán, que :
" logo que ha amanecido
a vendimar vanse á viña..."

Seguindo o discorrer alegre dos que escolleu como protagonistas da acción  que guiados por un gaiteiro entre tonadas e megos acompaña ata as viñas onde se poñen a cortar os gallos cas cuitelas ou esgazalos cas uñas. Describe o bulir dos vendimadores  no ir e vir ao lagar, cargados cos cestos e cando volve a durmir á villa a cuadrilla, sempre diante o gaiteiro tocando, mesmo detén a súa mirada nun prestoso xantar non faltando tampouco detalle da cea do caldo de berzas que eiquí se estila e volta aos cantos de pandeira e a muñeira antes de se deitar, bailar e á hora de durmir, elas con eles no pallar e finalmente, deixa o relato cuando o sol aluma de novo e o gaiteiro infla o seu fol para guiar á cuadrilla outro día a:
" buscar vendima a outra villa
onde esta labor empeza."

Para os que viviron unha vendima antes dos 60 do século XX ( data na que comeza a funcionar a cooperativa Vinícola Villafranquina) en Vilafranca non sería moi diferente da que describe Morales, cargada de bulicio e alegría. Morales deulle protagonismo a esa "cuadrilla" de galegos e galegas en detrimento doutras posibles que os maiores lembran con señardade e que a min me teñen contado de sons de carros cargados polas rúas empedradas e cheas de mosto ao que arrecendían no tempo da vendima a vila enteira porque logo do lagar nas cubas e tinos comezaba a ferver o viño novo.

Son muitos máis os detalles que no poema podemos atopar e sobre os que noutra ocasión volveremos. O poema finaliza cun ton moi romántico:

O nombrar cousas preciosas
ya todos atinarían
que a falar vamos das rosas,
ou das nenas tan hermosas
que nesta villa se crían.

As labieiriñas amorosas que no final do canto evoca lembranos que no tempo da vendima e colleita son tamén propicios para os amores que afloran facilmente neste espazo de felicidade. Recentemente as mozas do IES Padre Sarmiento fixeron unha adaptación do poema para representar no Teatro de Vilafranca.