domingo, 24 de novembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: MAMUCA

Como vai avanzado o mes de Defuntos, seguindo a Morales:

Mais vamos ver q´acontece
ó pé das torres dos pueblos
hora q´a noite y achega;
pois si cos magostos esto
non ten que ver, ó fin pasa
dos Santos, no día mesmo.

Polas limosnas
de polos, pitas,
manteca, liño,
unto, cerillas,
ochavos, lana,
y outras cousiñas
que todo o ano
dan ás benditas
ánimas cuantos
devotos inda
pagan os diezmos
y a máis primicias,
aquelas a estes 
dan neste día
muitas castañas,
 mamucas ricas,
con fiollo, nébeda
 e sal cocidas,
 q´o Mayordomo
dende a cornisa
da torre ó pueblo
a puñaos tira;
pois son as ánimas 
agradecidas.
 ( Do poema Os magostos)

O propio Fernández Morales documenta, como puidemos comprobar, e describe este costume que soubemos que existía en Vilafranca polo meu padre. É dicir describe unha tradición sobre este peculiar culto aos mortos que hoxeestá perdida, como a palabra mamuca para muitos bercianos, pero da que hai memoria entre os maiores.  Sobre esta palabra ademais do xa dito no poema, no seu catálogo de voces indica que a castaña cócese coa pel interna.

A variante galega de mamuca máis occidental é mamota que é a única que aparece no dicionario da Academia Galega. No Tesouro Informatizado da Lingua Galega a única referencia escrita que se detalla é a de Fernández Morales.
No Bierzo pola contra é unha palabra que atopamos en diversos vocabularios da zona como o referido ao castaneiro no blog do noso amigo Uttaris, ademais dos publicados en papel e que citamos noutras ocasiois.  Non podía ser doutro xeito, xa temos dito que o léxico tradicional sería interesante difundilo,  á vez que tamén facemos o propio coa castaña e todos os produtos que dela derivan.

Como curiosidade  a utilización para dar sabor ao cocer ás mamucas da nébeda (népeta cataria) que tamén recolle Morales, ademais de con fiollo, é digan de mención. Este uso da planta para cocer e aromatizar as castañas segue vivo. A planta recibe na denominación científica o adxectivo en latín de "cataria "  porque esta herba aromática entusiama aos gatos (polo que se chama popularmente
herba gateira).


xoves, 7 de novembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: MAGOSTO

A palabra magosto con ser unha palabra coñecida e estendida non deixa de ser unha palabra propia das terras que como o Bierzo ou O Courel son grandes produtoras de castañas. O noso poeta recolle como título dun dos seus poemas esta palabra en plural, pois describe ademais do propio da xentes do pobo o magosto da
 " ...xente de mais posibles,
 ou Señoritos, o mesmo
 van ós campos de jolgorio 
dos magostos co pretesto..."

Pero que é un magosto, Morales non a inclúe no seu catálogo, seguramente por saber que non precisa aclaración, pero si queo o describe nos seus versos:

" En cuanto chegan ó campo
poin as castañas no suelo;
collen zarzas dos subiaos,
follas d´arboles e fieitos,
e con pallas dos restrollos
unha fogueira fain presto.
 Pra que se asen por igual
as castañas, cun galleiro,
dende q´a estoupar empezan.
sempre as están revolvendo...
...séntanse logo ó redor
do magosto e co galleiro
escagallan as castañas 
pra que non queimen os dedos."

( Do poema: Os magostos)

As castañas asadas nunha fogueira no campo constitúen un magosto ao que se adoita sumar o viño e logo a festa, algún xogo e no caso dos "señoritos" algunha que outra vianda máis.

A palabra magosto ten unha etimoloxía discutida. Aínda que case todo o mundo acepta a latina do "magnum ustum" (é dicir "a gran fogueira ou lume") non deixa de haber outras interpretaciois como a da orixe céltica. Hai  tamén unha hipótese máis forzada que nos remonta a raíces indoeuropeas que din facer referencia ao acto de pisar o ourizo da castaña (mak-vors-to).

O vigor da celebración é evidente e pasou de ser un acto espontáneo e particular a un acto social que xa o era no século XIX e mesmo oficial, ao ser organizado por entidades como os gobernos municipais (isto é habitual entrando no século XXI) .

Existen ademais ao redor da castaña hoxe no Bierzo unha morea de iniciativas dignas de mención, citamos un congreso monográficosobre o castañeiro, precedente doutros eventos que con carácter anual se instauraron recentemnete na comarca. Referímonos ao que realizou  o colectivo ecoloxista A Morteira sobre o futuro do castaño, pero botamos en falta, aínda así, outro tipo de propostas que aborden as relacionadas coa lingua e o patrimonio inmaterial arredor do castañeiro.  Vaian pois estas liñas como chamada de atención á hora de recuperar tamén o léxico relacionado coa castaña que no Bierzo é parte dese patrimonio cultural ligado á terra que está por restaurar.