luns, 23 de decembro de 2013

A PALABRA DA SEMANA: TROLLO

Onde, pra andar, sendo inverno,
ou no trollo hay que nadar...

Esta palabra, trollo, que aparece no poema o Fiandón na aldea, comoben se ve asóciase ao inverno, que é un tempo no que pouco se detén o noso poeta Fernández Morales. O propio autor inclúe a palabra no seu catálogo indicándonos que trollo vén sendo: lodo ou fango.  Vemos que na Literatura Galega o autor berciano será é o primeiro en facer uso desta palabra, aínda que logo aparece noutros textos e escritores. No Dicionario da RAG tamén aparece documentado con varias acepciois, Morales neste texto parece botar mao da segunda "un lugar onde se forma lama". Elixio Rivas Quintás constata nos nosos días o seu uso en Dragonte e o Bierzo occidental no Dicionario dos dicionarios, sendo curiosamente unha das palabras que pasa desapercibida ao recente Vocabulario  propio de una aldea del Bierzo, Dragonte editado na Revista do Instituto de Estudos Bercianos nº 37 "in memoriam", é dicir, postumamente, sobre un traballo de recolla feito Carlos Castelao Fernández. Tampouco aparecía no Vocabulario del Bierzo de Verardo García Rey e na Aportación al vocabulario popular de la comarca berciana, editado polo Instituto de Estudos Bercianos no 2008,  se ben non se cita a palabra trollo, si que se relaciona outra da mesma familia léxica: trollango: sust. Barrizal / Corullón.