xoves, 2 de xaneiro de 2014

A PALABRA DA SEMANA: ALPABARDAS E TROXOS

Nesta semana que camiñamos cara a primeira festa do ano, a noite de Reis, noite que non evoca o noso autor, pero que, pola contra, ao ler nos seus textos dúas palabras do galego berciano a nosa memoria viaxa a propia infancia ao usar palabras como troxo ou alpabarda.  Lembramos logo a palabra alpabarda.  O noso poeta Fernández Morales, utilízaa unhas cuantas veces para referirse sempre a "unha necedade, tontería. Pensar nas alpabardas é pensar en simplezas; quedarse distraído pensando sen saber en que".

Mirando penso q´ iba ás alpabardas,
cuando un amigo seu,
con quen, dos hortos pra saltar as bardas,
se acompañaba sempre, cabo el veu,
e no medio da plaza
onde atopou con el, con el se abraza.

Do poema A proba d´amor

Esta palabra que usa Morales como sinónimo de parvadas, tonterías, atopámola no dicionario dos dicionarios con outras accepciois dignas de comentar porque sendo eu un mozo teño escuitado, ao preguntar que se facía na noite de Reis en Vilafranca, dicíanme que de vello se viñan facendo bromas e diversiois de todo tipo, muitas delas quitando e poñendo cousas nos balcois. Había xente á que lle bebían o leite que estaba ao fresco na ventá e cousas polo estilo, e que logo berraban pola rúa os autores da trasnada e como remate da mesma: "Alpabarda, vente ao cesto!" Preguntado polo significado da palabra houbo quen me levou a outra sinónima, dicíanme alpabarda é un "gamusino" (animal fantástico acúático e voador) e con tal significado aparece efectivamente nalgunha das entradas do dicionarios dos dicionarios, aínda que maioritariamente é sinónimo de "bobo, persoa simple" (significativa  semellanza a de aparvado e alparvado).  Ir aos gamusinos é igual que ir ás alpabardas remataban dicíndome. Claro que, quen vai ao río cun saco a media noite a cazar os gamusinos, evidentemente vai ser tomado como un alpabarda, é dicir, un aparvado. Logo a palabra que Morales usa en feminino, en masculino pode ser usada con esta outra acepción como nos confirma o Dicionario da RAG.


Por outra banda, a noite de Reis na vila que me veu nacer foi singularizando as súas bromas nocturnas en meterse cos solteirois. Costume que ten o seu aquel de mal gusto recriminable e que ademais se acompaña dos troxos. Colocar os troxos nos balcois dos que son solteiros/as é pois tradición. Había e hai, porque se segue a facer, a quen non lle gusta atoparse co troxo a mañá seguinte e, ou ben madruga para quitarlos do balcón ou ben, non dorme, coa intención de recibir aos bromistas no momento que intentaban subir ao balcón cun cubo de auga fría, tanto ou máis como a noite de Reis que normalmente é noite de xeada. A intención é clara lograr que para o ano non repitan, xa que estar enchoupado en noites coma esas non é cousa agradable, pero isto fai que os mozos fagan realicen a operación a altas horas da madrugada e cun silencio sepulcral.
Troxo é unha palabra singular do galego berciano. Citada por Morales no seu catálogo "tronco das berzas" non aparece noutros autores agás os da comarca como é o caso de Aquilino Poncelas (2004) outra certificación de que se trata dunha palabra viva no Bierzo e no galego oriental como certifica tamén o Dicionario dos dicionarios onde Elixio Rivas fai notar unha acepción distinta que tamén di recoller no Bierzo
"Especie de cojín hecho de ristra de maíz ya sin espigas y enrollada, para sentarse."  Morales contradicindo o seu propio catálogo de voces podería estar usando esta acepción nos seguintes versos:

 Pe do lume de cantroxos 
tamén vin , cabo dos potes,
 mozas cos refaixos roxos 
qu ' asentaban os quixotes 
nos escanos e nos troxos.

Do poema O fiandón d´a aldea 

 Curiosamente a palabra troxo tamén pode ter unha acepción semellante á de alpabarda, é dicir, aparvado. No Diccionario da RAG esta  palabra berciana lamentablemente semella ser incorrecta, sendo a correcta trocho Outramente nos traballos realizados recentemente no Bierzo sobre léxico ( en concreto na Aportación al vocabulario popular de la comarca del Bierzo) hai lugares da comarca que usan trocho (Berlanga, Carucedo, Veiga de Espiñaireda, Cubillos, Páramo do Sil, Toreno) e outros troxo (Valtuille, Priaranza) cos mesmos significados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario