domingo, 19 de xaneiro de 2014

A PALABRA DA SEMANA: CARREIREGA

Onte foi o día de San Antón e queríamos falar dun animal doméstico, pero axiña fóisenos  a vista cara outra palabra. Tamén veunos á cabeza á par a idea que cada nome é unha mirada desde ese observatorio instalado no misterio da vida dirixido cara o espectáculo do mundo. As linguas son así fruito dun conxunto de ollos que nos permiten saber da nosa contorna. As miradas en linguas distintas lévannos a interpretar ese universo diverso con distintas ópticas e así enriquecermos como seres humanos.  

 Falamos pois da palabriña: carreirega.  Fernández Morales, ademais de citala no seu catálogo na que aparece definida (tal e como frecuentemente facía o noso poeta, coa súa correspondente en castelán), o poeta nos seus poemas botou mao desta palabra referida a un paxaro bastante común.

Vaiamos aos poemas. A enumeración das diversas facetas do mundo natural berciano e as súas denominaciois locais era unha das metas que Morales perseguía na súa obra, polo que veremos constantemente nos seus poemas listaxes cos nomes entre os que destacan denominaciois locais:

Nesta veiga, chea de olores
 da escornacabra, artemisa
i outras mil diversas flores
dos máis brillantes colores,
 acinga as plantas a brisa .
 Dos umeiros as raíces
lamben as presas ; no fondo
dos barrancos hai perdices,
 carreiregas , cogornices ,
rolas e lebres abondo .

(Do poema:  Villafranca y a vendima)


Como é sabido o nome da carreirega fai referencia a un ave da familia das aláudidos que presenta como características especiais dúas peculiaridades: Adoita verse a este paxaro na beiras dos camiños, nos sendeiros, procurando o seu alimento, pois aniña nos campos de labranza onde hai sementado cereal. É moi andadora e boa corredora, característica que destaca a súa denominación do galego berciano que usa Morales, cunha raíz léxica inconfundible: carrreir-  á que engade ese sufixo -ega tan galego e que viría significando "asociada ás carreiras e sendeiros”.

Se buscamos o seu nome en castelán “cogujada” e/ ou o moi semellante en leonés “cuguyada”, entenderemos axiña que a óptica coa que se observan os costumes do paxaro varían. Como indican os dicionarios etimolóxicos cogujada vén do latín *cuculliāta, é dicir, "provista de capucho", derivada  de cucullĭo, -ōnis, capucho, referíndose ao aspecto formal da ave ao moño ou copete que diferenza ás "cogujadas", do castelán, ou carreiregas das restantes lontras, tamén chamadas lavercas. Sarmiento chamouna cotovía.

O meu amigo e entendido no asunto e aves, Pepo Nieto contoume que " a maioría das persoas non distinguen a paxaros que  son moi parecidos e que teñen ademais formas de vida e características semellantes. O seu avó chamábaa simplemente páxara".

Logo a quen procura unha razón máis para defender a diversidade lingüística, entidade cultural propia do xénero humano, que repare na riqueza que supón a existencia de distintas linguas, por exemplo na comarca do Bierzo. Poetas como Antonio Fernández Morales, foi un dos primeiros en caer na conta e ser consciente do tesouro que supón o galego para os bercianos. Nós, en pleno século XXI, debemos saber tamén manter este legado, seguir vendo o mundo cos ollos desta lingua que ademais de ofrecernos unha visión diferente do mundo, á vez, nos define.

Non está de máis dicir que nos vocabularios e estudos de léxico no Bierzo máis recentes, bastante frouxos en canto a método e rigor, esta palabra non aparece e que, como se pode comprobar, tampouco é visible no dicionario dos diccionarios, nin no da Academia Galega. Cremos sinceramente que se trata dunha palabra común do galego oriental (atopámola usada na zona Eo-Navia como topónimo) que hoxe está en claro perigo de extinción. Será unha consecuencia máis desta sociedade que é incapaz de observar o marabilloso espectáculo da natureza e vive de costas por igual ao seu patrimonio natural e cultural?

Ningún comentario:

Publicar un comentario