domingo, 9 de marzo de 2014

A PALABRA DA SEMANA: SARMENTA

Un 9 de marzo nacía en Vilafranca do Bierzo Pedro Xosé García Balboa, logo coñecido como Martín Sarmiento.  Unha palabra moi berciana porque se relaciona coas viñas e o viño é a palabra sarmenta que sen lugar a dúbidas está relacionada co apelido do ilustre erudito que naceu na vila berciana hai 319 anos.

X.L. Méndez Ferrín no seu libro  titulado Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos inclúe, como non podía ser doutro xeito o de Sarmento indicando que non é Sarmiento, pois esta sería unha castelanización, que, como confesa o propio ex-presidente da Academia, case borrou do mapa a forma orixinal que é Sarmento e que así segue a ser en Portugal. Ferrín tamén indica que procede dun antigo alcuño "sarmento" que significa "ramallo de viña especialmente cando é podado no inverno e está resequido" ademais de facer  a aclaración de que o alcume referiríase a algún tipo magro e retorto, o que logo se convertiría en apelido regular. Logo fai un pequeno estudo etimolóxico: "Este nome común sarmento vén do latín sarmentu, derivado do verbo sarpere "podar" que ditonga en castelán (sarmiento) pro non en galego (sarmento). Outramente Ferrín amigo das incursiois cultas comenta: " No século XIII, Afonso o Sabio sacou certo individuo Sarmento nunha súa cántiga profana: ...que nunca en nen un tempo trouxo tal Pero Sarmento;

Sarmiento, di Ferrín, fixo moito por explicar os nomes propios e os nomes comúns do noso idioma, e as outras partes da oración. E chegou máis lonxe. Defendeu que o galego era unha lingua diferente do portugués e do castelán, aínda que xenitriz do primeiro. Unha lingua, a nosa, sen gramática ( el dicía Arte) e sen dicionario ( el prefería o Onomástico por raíces latinas e por campos semánticos) que descobre na boca do bon pobo e que trata de dignificar cosntantemente.
Así escribe a primeira obra literaria moderna en galego: o chamado Coloquio (1746). Alí nace a nosa literatura contemporánea e alí faise a proposta da primeira ortografía, que coincide non pouco coa actual normativa da Academia Galega."

Efectivamente o ilustrado berciano e galego será o creador dun modelo que, como xa se ten dito, imitarán todos os grandes escritores do Rexurdimento os do Bierzo (Fernández Morales) e os de Galicia (Rosalía de Castro) motivo máis que suficiente como para traelo eiquí de novo á hora de comentar , neste día tan especial, a palabra que lle deu nome.

Perucho, lembraba o propio Sarmiento, era como dende pequeno o chamaba a súa nai, Clara Balboa Sarmiento, natural da aldea de Perros (en Samos) e que debía ter familiares bercianos como os propios apelidos invitan a pensar e o mesmo Sarmiento na súa viaxe 1745 deixa entrever ao citar un señorío na contorna de Vilafranca e de Corullón no lugar de Melezna que pertence ao maiorado de don Matías Balboa Sarmiento, da casa de Bárcena de Perros, nomeando ademais os nomes do cura do lugar,  Pedro Balboa Sarmiento e a outro cura, o de Maside, tamén de Samos, irmao deste e todos pertencentes a mesma casa.
Volvendo a palabra da semana, no Bierzo en varios dos vocabularios recentemente publicados aparece coa grafía x, é dicir, xarmenta baixo esta fórmula gráfica podémola atopar tanto na Aportación al vocabulario popular de la comarca berciana como no  Vocabulario propio de una aldea del Bierzo: Dragonte .
Con esta denominación coñecemos ademais a unha das asociaciois participantes das VI Xornadas Martín Sarmiento celebradas nestes días en Vilafranca do Bierzo, vila natal do ilustrado. Parece que as citas rexistradas da palabra en textos literarios, antes do século XIX non emerxe e sempre o fai con s e en masculino, aínda que nos nosos oídos soa dende a infancia en feminino. Nin tan se quera o propio erudito fai referencia á palabra como tampouco a usou Fernández Morales nos seus Ensayos poéticos a pesar de ser a sarmenta de uso común para asar as castañas nos
magostos, pero é sen dúbida unha palabra a recuperar do noso acerbo lexicográfico e hoxe quixémola lembrar aproveitando a conmemoración do natalicio do ilustre Padre Sarmiento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario