sábado, 12 de abril de 2014

A PALABRA DA SEMANA: XIBRAR/ XIBRIAR

A palabra xibrar é no galego estándar asubiar e no catálogo que Morales inclúe como anexo aos seus Ensaios poéticos indica que en castelán é "silbar". No mesmo catálogo inmediatamenete despois aparece xibrido. Como tal efectivamente é usada por exemplo nos seguintes versos:

- Agachaivos ! dixo entonces
 o torto ós seus compañeiros,
 facendo logo deitarse 
ós seus obedentes perros .
 - Escuitai ; (seguíu ) estaivos 
aiquí velandoo ben quietos 
en cuanto eu subo a esperalo 
tras dos lastrois do carreiro . 
Logo qu ' oigais un xibrido,
embizcaille á fiera os perros
pra que de novo a fuxir 
volva polo sitio mesmo, 
i eu poda salirlle ó paso 
cuando se percate menos ...

D ' ailí a un pedazo se oíu 
o xibrido que no teso
 pegou o torto , e de pronto 
ergueronse os compañeiros 
i a berrar encomenzaron, 
embizcando á fiera os perros

( Do poema  A caza maior).

Mais tamén Morales, aínda que non o enuncia no seu catálogo, dálle a xibrar ou xibriar un significado se se quere máis primaveral, entendendo que é o cantar dos paxaros, o que en galego estándar se diría rechouchío:

 Por chamar dela a atención
 e non asustala cuando 
el salise do beirón,
colleu a chifra e soplando
preludiou unha canción . 

Cuidou a hermosa doncella 
qu ' algún cochorro xibriaba, 
e pra oír ben a guedella,
ya dunha, ya doutra orella 
cos dediños apartaba . 

O rapaz afortunao 
de tras do beirón aquel
saliu nesto de contao,
i antes qu ' ela fuxa del 
el estuvo dela ó lao .

 ( Do poema:  A boda de Petriña)

Chámanos a atención que o verbo enunciado por Morales sexa xibrar e non xibriar, cando semella ter na raíz un i como vimos de comprobar no texto seleccionado anteriormente ou como podemos velo conxugado  de novo nos seguintes versos:

 I oír cuál balan os cordeiriños, 
i entre o rosal 
cómo gorxean os paxariños,
 o enxambre zumba i os estorniños
xibrian no val.

( Do poema A Ponferrada)

Para saírmos de dubidas vaiamos aos dicionarios e colecciois de léxico da zona por ver que solución lle damos. No dicionario da Academia Galega non ten entrada, pero si que se recolle no dicionario dos dicionarios  xibrar coa acepción de asubiar.  Pola contra nin a atopamos no dicionario astur-leonés que si presenta palabras semellantes e compartidas co gxebrar (co significado de separar). Tampouco foi recollida no léxico de Dragonte por Carlos Castelao, nin no Vocabulario del Bierzo de V. García Yebra editada no 1934, nin na Aportación al vocabulario popular de la comarca berciana dirixida e coordinada por María Trinidad Crespo e Jovino Andina que se editou máis recentemente (2008). Logo estamos ante unha palabra do galego berciano, que popular no XIX  Morales documenta unha vez máis como propia da nosa terra unha palabra que case ninguén rexistra para o Bierzo e contribúe así a súa posible recuperación. Temos que sinalar finalmente para corroborar o que dixemos xa sobre este termo da nosa fala que lembramos que nun libriño do ano 2002 titulado Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960) de Concepción Álvarez Pousa e X. Henrique Costas da editorial galega Positivas que dirixe o berciano Francisco Macías,  existe tamén un breve glosario que presenta como apéndice á selección de poemas a nosa palabra con varios sinónimos, nesta ocasión baixo a forma xibriar: rechouchiar, piar/asubiar.  É dicir que xibriar en berciano vén sendo o que en inglés é twitter, esa palabra hoxe tan de moda.



Ningún comentario:

Publicar un comentario