domingo, 6 de xullo de 2014

VÓLVENSE A ESQUECER DO BIERZO

Lamentamos desde o Bierzo que a Real Academia Galega teña escollido a figura de Filgueira Valverde como personaxe a homenaxear no Día das Letras do 2015 . Por que o lamentamos? Entre outros motivos non pouco relevantes, porque a Academia se está volvendo a esquecer das demandas urxentes que desde o Bierzo se veñen facendo á hora de propiciar de novo, coa declaración dun Día das Letras Galegas para un autor berciano, non só da visibilidade dun territorio galegofalante e do seu aporte á Cultura e Lingua galegas a través de autores que precisan, ademais, unha divulgación e coñecemento maiores como poderían ser, Fernández Morales ou González-Alegre, senón porque tamén cómpre que se aborde dun xeito cabal e ineluduble un labor tanto de reflexión e estudo como de planificación e dinamización da  lingua galega nesta comarca como xa temos apuntado noutras ocasiois e reclamado insistentemente.

Sabemos que abordar un proceso destas características non é  unha responsabilidade exclusiva da RAG, senón tamén dos entes bercianos e galegos e das administraciois das Comunidades Autónomas implicadas que deberían afrontar este reto de manter e asentar a cultura galega no Bierzo como parte substancial, significativa e relevante tanto para Galicia como para a nosa comarca.  Mais sabemos tamén do prestixio, do potencial e das características que ten esa celebración das Letras e do que suporía de certo a día de hoxe. Por iso insistimos na necesidade de que o galego do Bierzo teña presenza con ese carácter presuroso pois, escollendo a un autor como os anteditos para homenaxear e divulgar, permitiría dar pasos eficaces nese camín inexcusable que canto antes temos que transitar pola saúde da lingua que nos identifica e une a galegos e, por suposto dun xeito tan singular, aos bercianos. 

Comprendo que para certas persoas poida resultar incómodo e comprometido que a Academia celebre no seu Día máis sinalado a un berciano e  que o faga no Bierzo, é dicir, fóra do que é hoxe a Comunidade Autónoma de Galicia. Dous son os argumentos favorables que podemos dar, ademais do da urxencia xustificada, por ser o Bierzo o territorio que fala galego que está a perder máis falantes nos últimos tempos e no que estes están máis desprotexidos. Un sería que un berciano-galego como o Martín Sarmiento xa foi celebrado eiquí, pero ao ser o primeiro e o feito de seren compartida aquela data loxicamente con Pontevedra, as iniciativas que dende o 2002 se puxeron en marcha a prol da conservación do galego no Bierzo son manifestamente insuficientes, mesmo precisan un afondamento para que non deriven en ineficaces e inútiles para dito obxectivo. Outro argumento é que, en maior ou menor medida, nas figuras escollidas dende o 2002 sempre atopamos algún feito, por puntual que pareza, algunha conexión significativa e transcendente do Bierzo cos autores celebrados en data recente, cousa que a nós non nos resulta irrelevante:  a proximidade tanto pola variedade idiomática usada como pola terra na que nace de Uxío Novoneyra, o editor  galego-berciano escollido por Lois Pereiro ou Vidal Bolaño ou o importante descubridor e difusor tamén galego-berciano do poeta Díaz Castro

Sabemos, claro está, que irmandan a Galicia e ao Bierzo muitas cousas que hai que poñer en primeiro plano, por iso, e dito cun ton cordial e coa mellor e máis construtiva das intencións, autores tan cuestionados como Filgueira Valverde, ben poderían esperar un pouquiño máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario