venres, 28 de agosto de 2015

MORALES ENTRE OS SOCIOS FUNDADORES DO TEATRO DE VILAFRANCA.

O Instituto de Estudios bercianos (IEB) acaba de editar o último número da súa revista, número 39 que contén un artigo no que Antonio Fernández Morales comparte protagonismo con Enrique Gil y Carrasco ao formar parte dos socios fundadores da Sociedade de Teatro de Vilafranca. O artigo titúlase:

O TEATRO ROMÁNTICO DA CAPITAL HISTÓRICA DO BIERZO E OS SEUS SOCIOS FUNDADORES: ENRIQUE GIL E FERNÁNDEZ MORALES.
 Héctor M. Silveiro Fernández

A historia do Teatro no Bierzo atópase a todas luces incompleta. Corrixindo  algúns erros e desenfoques anteriores, o presente traballo desvela un documento dos Estatutos da Sociedade de Teatro de Vilafranca do ano 1843 e a data de fundación do seu teatro, único teatro romántico do Bierzo e de León que segue en funcionamento na actualidade. Establécese unha relación destes eventos culturais co liberalismo e as reivindicaciois provincialistas. Neste Ano Romántico descubrimos a Gil y Carrasco establecendo vínculos coa súa vila natal ao figurar entre os fundadores do Teatro xunto con Fernández Morales, ambos cantores do Bierzo por excelencia, un en galego e o outro en castelán,  autores que nas súas composiciois procuran a identidade e singularidade da nosa terra, dos seus costumes e xentes, das súas linguas ou dialectos."


 Morales e Gil manteñen unha curiosa relación. Gil naceu no 1815 e Morales tiña dous anos máis, pero  namentres na década dos 40 Gil xa era un prestixioso xornalista e poeta na corte madrileña e preparaba a obra " El Señor de Bembibre", Fernández Morales comezaba a ser un home que ademais dun importante curriculum militar tamén gustaba do mundo da literatura e o teatro. Recomendamos vivamente a lectura deste interesante artigo que tenta iluminar certos aspectos da historia que comparten ao redor da Vilafranca a mediados do XIX distintos personaxes de interese para coñecer este momento singular da historia e da comarca.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario