domingo, 13 de marzo de 2016

O BIERZO PROCLAMA A CANDIDATURA DE MORALES 2017 NAS VIII XORNADAS MARTÍN SARMIENTO


 Este 9 de marzo de novo confluíron en Vilafranca do Bierzo as dúas figuras, a de Sarmiento e a de Morales. O 17 de setembro de 2017 cúmprense 200 anos do nacemento de Antonio Fernádez Morales, o cantor do Bierzo en galego.  É xusto pois que na comarca acabemos de proclamar a candidatura para que sexa o próximo homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2017. Esta proclamación foi unha das máis salientables iniciativas, a estrela dunha serie de propostas que se deron en denominar Catálogo de propostas de novos espazos para o galego no Bierzo, que pretendemos facervos chegar en detalle na presente entrada,   realizando de paso unha especie de crónica das distintas sesiois das VIII Xornadas Martín Sarmiento.


A MESA DAS ARELAS DE SARMIENTO

A sesión da tarde das Xornadas dedícanse habitualmente aos debates. Como o seu nome indica "Mesa das arelas de Sarmiento" normalmente viñan sendo un intercambio de opiniois ou manifestación pública de posturas sobre a situación do galego no Bierzo. Pero xa hai dous anos quixemos darlles a estas mesas un valor  a maiores. Se no ano 2014 coa presenza do Presidente da Real Academia Galega se lograra a incorporación ao debate dun grupo de alcaldes, ademais de distintos colectivos culturais, nesta ocasión quíxose concretar unha serie de propostas coa idea de fortalecer o uso da nosa fala onde habitualmente é utilizada, mellorar o actual programa de Promoción nos centros escolares e abrir novos espazos para o galego na comarca

Para lograr unha ampla configuración desta mesa, realizáronse dúas sesiois previas nos días 30 de xaneiro e 20 de febreiro nas que, ademais de establecer cinco ámbitos ou secciois de debate e elaboración de propostas, foron pulíndose as mesmas para que o día 9 de marzo houbese un catálogo ben argumentado, útil para frear a perda do galego na comarca do Bierzo.

Na mesa das arelas de Sarmiento: Juanjo López,  Alcalde de Balboa, Emilia Villanueva,  Directora Provincial de Educación de León,  Valentín García, Secretario de Política Lingüística da Xunta, Paco Macías editor e  María Novo, docente do Programa de galego.

Pasamos, como dixemos, a desglosar un a un estes cinco espazos:

EDUCACIÓN: O obxectivo central é mellorar o Programa de galego no Bierzo, un primeiro paso e fundamental na planificación para a normalización e a dinamización lingüística na comarca. 

 A mellora concretaríase nun primeiro lugar na ampliación da oferta de centros que o impartan (un dos casos en Primaria, especialmente, o da Veiga de Valcarce, que sendo un territorio galegofalante, o seu centro escolar non oferta  na actualidade esta materia.)

En Primaria proponse tanto revisar os contidos para facelos coincidir co requerido para o Celga I  e facer unha entrega pública deste título que conceden as autoridades educativas galegas ao final da etapa co que se contribuiría a lograr unha maior fidelidade ao Programa no paso de Primaria á Secundaria.  

En Secundaria proponse regular a publicidade do Programa e que a Comisión de seguimento das autoridades educativas de Castela e León e Galicia actúe con dilixencia para evitar o deterioro da imaxe do mesmo con atrancos tradicionais asociados aos períodos de matrícula. Neste sentido reclámase a incorporación do Consello Comarcal á dita Comisión de seguimento do Programa.

No Bacharelato solicítase a reincorporación ao horario lectivo, como o de calquera outra materia, do galego que se desprazara fóra do mesmo a causa da aplicación da LOMCE, causa clara da caída de alumnos no presente curso.


Na EOI pídese que se abra a matrícula para curso intermedio para impedir que quede un curso dos ofertados sen matrículados.


Estas medidas que se reclaman deberán complementarse e coordinarse debidamente con outras nos seguintes ámbitos:




Aspecto da mesa de traballo de Educación.

CULTURA: O obxectivo central é asentar Circuítos culturais en galego con carácter descentralizado e permanente introducindo, entre outras iniciativas, as do Proxecto Sarmiento para o conxunto de municipios bercianos.

As propostas irán encamiñadas tanto a establecer un censo de actividades e contextos de uso tradicional do galego a conservar e ampliar do Calendario Tradicional (especialmente atento ás manifestaciois do patrimonio inmaterial tipo Festa do Maio de Vilafranca),  como a vertebrar experiencias piloto a curto prazo coa filosofía de realizar actividades en toda a xeografía berciana galegofalante preferentemente con carácter de circuítos permanentes.

Seguindo o fío de intervenciois onde se unan a fala a propostas relacionadas con produtos da terra como  a realizada recentemente dende Corullón “Mil cireixais”.

Promover e manter unha dinámica ecocultural con municipios e comarcas veciñas (Ancares, Cebreiro-Doncos, Courel e Valdeorras) que ademais os circuítos culturais entre municipios bercianos dean lugar a intercambios culturais (música, teatro, exposiciois...) con concellos de Galicia. Neste capítulo, acórdase iniciar a experiencia con Antonio Fernández Morales como centro de interese, propónse que un dos seus poemas dedicado ao Entroido sexa dinamizador das primeiras experiencias. 


Retomar e estudar a viabilidade do Proxecto Sarmiento no Bierzo: Promoción do Camiño de Santiago nos que a Xunta e a Junta teñen manifestado o seu interese en colaborar e feito mesmo inversiois económicas e proxectos como o da Casa natal de Sarmiento.


LITERATURA E MEDIOS DE COMUNICACIÓN: Ambas secciois traballaron xuntas para poñer en marcha a idea globalizadora e de conxunto para o 2017 da celebración do Bicentenario de Antonio Fernández Morales e a proclamación da súa candidatura para o Día das Letras Galegas do próximo ano.

Propúxose a realización dun Catálogo de autores e textos e outros materiais de difusión en galego e sobre o galego no Bierzo.

Manter o traballo a través da rede en publicaciois dixitais que deben coordinar iniciativas xa existentes de distintos colectivos e blogs que ata o de agora permanecían dispersos (unha experencia recentemente nacida como Grupo Médulas para a defensa da lingua e cultura galegas no Bierzo).

Participantes dos debates do catálogo de propostas dos novos espazos para o galego no Bierzo.


ADMINISTRACIOIS: Existe unha lexislación que emana do Consello de Europa (Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias de Europa, asinada polo Estado Español) que aborda esta relación entre lingua e administraciois e que obriga e contribúe á vez a que centremos propostas necesarias, urxentes e enriquecedoras para o Bierzo. Xunto vías de traballo abertas por colectivos e entidades locais ou comarcais, na comarca está en marcha xa dende hai case 15 anos un convenio promovido pola administración central e as autonómicas referida á Educación.  A este Programa de Promoción na Ensinanza deben estar especialmente atentos os gobernos municipais hoxe para procurar que ese esforzo pola normalización do galego no Bierzo teña unha repercusión positiva á hora de frear a perda dos seus falantes. O obxectivo neste campo será concretar, colaborar estreitamente na xestión das distintas propostas anteriormente expostas e ademais promover outras propias dende os concellos ou o Consello Comarcal.

Os gobernos dos municipios do galego no Bierzo realizarán logo un catálogo de usos e costumes patrimoniais de carácter inmaterial promovendo unha beca para que algunha institución (Universidade, Academia) realice este traballo de estudo toponímico integral do Bierzo e unha estatística actualizada de galegofalantes da zona.

Asociaranse para promover uns Circuítos Culturais en galego para o que procurarán un convenio coas administraciois autonómicas.

Promoverán dende as súas webs a gravación de enquisas con galegofalantes que poñan en valor o patrimonio inmaterial e/ou material na fala de cada municipio.

O Consello Comarcal xoga un papel fundamental na posta en marcha deste catálogo de propostas pois ten a obriga de apoiar ao resto de administraciois locais, a saber, os 23 concellos onde se usa o galego.  Como ente supramunicipal pode e debe contribuír activamente a que estas propostas sexan asumidas polas autoridades autonómicas e se axilice a súa posta en marcha.

Reclamará a súa presenza na Comisión de seguimento  do Programa de galego nos centros escolares do Bierzo, segundo consta no protocolo asinado pola Junta e Xunta velando porque os dereitos lingüísticos e as demandas existentes se cumpran.

Porá en marcha do Bicentenario e candidatura  ao Día das Letras  galegas de Antonio Fernández Morales.

Estudará ademais varios posibles convenios coa administración galega de cara á versión en galego da Web do Consello e a etiquetaxe de produtos do Bierzo na nosa fala.

Revisión da toponimia berciana para que sexa respectuosa plenamente co uso veciñal (Canteixeira, Teixeira...).

Apoiará o desenvolvemento do Proxecto Sarmiento para o Bierzo con propostas de interese Circuitos culturais e Aula da Natureza e iniciativas relacionadas coa Casa natal de Sarmiento.


Nun pequeno encontro entre representantes das administraciois autonómicas ( Valentín García, secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Jesus Hurtado, Director de recursos humanos da Conserjería de Educación de Castela e León, o Alcalde de Vilafranca J.M. Pereira e Gerardo Álvarez Presidente do Consello Comarcal) propiciado pola Comisión Cultural Martín Sarmiento.

A SESIÓN MATINAL: OS INTERCAMBIOS ESCOLARES MARTÍN SARMIENTO 

As Xornadas do presente curso contaron como é habitual cunha nova sesión matinal dedicada aos Intercambios escolares "Martín Sarmiento" nos que os distintos centros escolares bercianos que participan do Programa de Promoción do galego de Secundaria (4 institutos) e de Primaria (12 colexios), aos que se suma a escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. 


Comecemos coa singular experiencia creativa que este ano abordaron a totalidade dos alumnos/as de galego dos institutos de Secundaria 163 e unha representación dos 61 da EOI. Principiamos coa visualización dun audiovisual que realizaron os estudantes de 4º da Eso do IES Europa de Ponferrada sobre o lema das Xornadas: "A diversidade lingüística, garantía da riqueza patrimonial". Pero o centro dos intercambios xiraron arredor da obra poética de Antonio Pereira que, tras dunha selección de poemas, con muito agarimo foi traducida ao galego e recitada  a viva voz como fixeron  o IES Padre Sarmiento de Vilafranca, o IES Europa e os alumnos/as da EOI, Os IES Virxe da Encina de Ponferrada e IES Bergidum Flavium de Cacabelos engadíronlle aos recitados música en directo e mesmo danza. 



Un grupo de alumnos do IES Padre Sarmiento co libro agasallo da Fundación Antonio Pereira, Constos da Cábila.
A Fundación Antonio Pereira, como agasallo agradecido a esta pequena homenaxe creativa ao autor vilafranquino que sempre quixo soar en galego, correspondeu cunha colaboración moi xenerosa entregando un exemplar a cada alumno/a do Programa dos Contos da Cábila, editados pola Editorial Galaxia en galego.

Un momento a representación do grupo vilafranquino " Voladores"
Como remate desta primeira parte do programa de actos o grupo de teatro vilafranquino "Voladores" composto por rapaces e rapazas da ESO e dirixidos por Sara Ortiz puxo en escena unha pequena obriña titulada "Sarmiento no día do galego nos centros escolares do Bierzo" unha fermosa e divertida mirada aos problemas que o galego como lingua vehicular presenta hoxe e tiña tamén nos tempos do ilustrado.Esta sesión rematou  cun saúdo por parte do Alcalde de Vilafranca e cunha breve intervención de Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística.



A continuación entraron no Teatro recentemente nomeado "Enrique Gil y Carrasco" unha nutrida representación dos 12 centros de Primaria: CEIP Virgen de la Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñíz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Camponaraia, CEIP Virgen del Carmen - La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín  García Yebra de Ponferrada, CRA da Ponte de Dominguo Flórez, CEIP María Luísa Ucieda de Toural dos Vados, CRA de Toral de Meraio, ademais dos centros de Vilafranca CEIP San Lorenzo de Brindis e o Colexio da Divina Pastora ( este último a pesar de non estar no Programa de Galego, por ser concertado, participa sempre moi activamente nestes intercambios).  Nun teatro cheo e acompañados dos seus mestres cantaron e seguiron con muito ánimo a actuación de Pablo Díaz e a súa banda TIC, TAC, TOC  que foi subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que volveu a intervir ante este público infantil acompañado nesta ocasión de Jesus Hurtado, Director de Recursos Humanos da Conserjería de Educación da Junta de Castela e León e de Gerardo Álvarez, presidente do Consello Comarcal.  Á saída do acto houbo un momento para as fotos de grupo ( 300 rapaces e rapazas que participaran no evento).





Dous momentos da actuación de Pablo Díaz e a banda TIC, TAC, TOC.





Ningún comentario:

Publicar un comentario