sábado, 2 de abril de 2016

FERRÍN APOIA A CANDIDATURA DE MORALES 2017

Un dos autores de maior renome en Galicia, que ostentou o cargo de presidente da Academia galega e que sempre manifestou a súa querencia polo galego no Bierzo, X.L. Méndez Ferrín, fixo público o seu apoio incondicional á Candidatura de Antonio Fernández Morales como auror do Día das Letras do 2017 aproveitando unha das súas habituais columnas no Faro de Vigo de hoxe.

Reproducimos a continuación o contido deste excelente artigo:










A primavera galega de Cubí i Soler

Existe un continxente de cántigas galegas de escarño que constitúen unha supervivencia pagá ou precristiá. O fin delas é facernos rir, aínda que no actual estado de sociedade non sexa adecuado o facer risión dalgunhas das ocorrencias que os trobadores nos propoñen


O frenólogo, lingüista e magnetizador Marià Cubí i Soler
(Malgrat, 1801-Barcelona, 1875)

Na posta de Vilafranca do Bierzo. Chega a dilixencia de León con troupeleo de cascos, xuramentos do cocheiro e tintín de axóuxeres nos colerois. Poida que sexa o 1º de Maio; con certeza, o ano é o de 1847. Apéase e toma cuarto na Pousada da Borboliña Mariano Cubí y Soler, ou Marià Cubí i Soler, médico e propagandista de ciencias raras. Seguro que o viaxeiro se atopou entón con nenos enramados e floridos que cantaban os Maios pedindo castañas, coma no verso de Curros, polas portas das casas. Nunha, cuxos habitantes foron xenerosos, os nenos corearon en 1847, como o podían facer hoxe: "Esta casa é de cristal/ aiquí vive un mariscal". Aquela podía ser a casa de Antonio Fernández e Morales, poeta e militar, e, a Festa dos Maios, a primeira ocasión na que Cubí ouviu o son do idioma galego do Bierzo.

Como entre Vilafranca e as cidades galegas o camiño real apto para carruaxes con roda de radios convertíase en árdua calzada de ferradura, Cubí tomou uns días de acougo no Bierzo nos que frecuentou a compaña de Fernández e Morales. Cubí pediulle a este que escribise poemas no galego do Bierzo. O médico, logo, seguiu a súa vía a Compostela e á Coruña; en cabalo de posta e na recua dos maragatos.

Marià Cubí i Soler (1801-1875) foi figura moi discutida no seu tempo. Recórdase como périto en Frenoloxía e en Lingüística, ciencia, esta, que el chamaba, no seu idiolecto particular, e escribía, na súa ortografía privada, "idiomolojía". Viviu Cubí a resaca daquela crise do optimismo ilustrado que se produciu a partir do Congreso de Viena. A Frenoloxía, que rematou en vía morta, entendía das leiras cerebrais e pretendía que a forma dos ósos do cráneo podía informarnos sobre as características anímicas dos suxeitos. Por parte, Cubí sentíase fascinado por Mesmer (1734-1815) e mesmo publicou un tratado de "magnetismo animal" (Barcelona, 1845), que é como lle chamaban na época ao que hoxe dicimos "hipnotismo". Obsérvese que na primeira novela en galego, Maxina (1880), Marcial Valladares sitúa no antroido burgués compostelano unha "comparsa dos magnetizadores". O magnetismo, pois, estivo moi en voga na Galicia decimonónica e o axente difusor del foi, principalmente, Cubí i Soler.

Despois das súas intervencións públicas en Compostela, Cubí resultou denunciado por un teólogo, de seguro orixinario de Molgas ou Maceda, chamado Antonio Severo Borrajo. Procesárono polo eclesiástico e acusaránno de difundir doutrinas anti-católicas. Cubí pasou á Coruña, e houbo duelo de panfletos. O cavernícola fixo imprimir un libelo contra Cubí (Los que tengan ojos para ver, etc.) e o médico produciu un opúsculo frenético cuxo título non cabe no Fondo dos Espellos da memoria: Refutación de los cargos, etc., etc., etc. O primeiro imprimiuse en Santiago e o segundo na Coruña, ambos naquel ano 1847 que lle resultou tan movido a Cubí i Soler. Nós celebramos só que o encontro de Cubí con Morales dese como resultado a saída a luz dos Ensaios poéticos en dialecto berciano. Isto é, ensaios poéticos no mesmo dialecto no que cantaban, e seguen a cantar cento sesenta anos máis tarde, os rapaces de Vilafranca do Bierzo na festa ancestral dos Maios.

Os Ensaios do comandante Morales imprimíronse, por fin, en León, ano 1861, entalados entre a Gaita de Pintos (1853) e os Cantares de Rosalía (1863). Os poemas de Morales son brillantes e intensamente persoais. Levan, estes Ensaios, un prólogo de Cubí, quen se presenta como desencadeante da xénese da obra. Tal prefacio contén as teorías lingüísticas do seu autor, nas cales non albiscamos a presenza do comparatismo indoeuropeo e románico en ascenso na época (Bopp, Diez) nin tampouco memoria das ideas sobre o galego que no século XVIII sostiñan, con sumo acerto, Feixóo e, sobre todo, aquel Sarmiento que, por certo, viñera ao mundo en Vilafranca do Bierzo. Se remexo no Fondo dos Espellos, acho que o máis interesante do prólogo de Cubí aos Ensaios é a referencia que el fai ao Latín dos Pedreiros e Canteiros ou Vergo dos Arghinas.


Asociacións culturais do Bierzo están estes días a pedir que o próximo Día das Letras Galegas lle estea dedicado ao poeta e militar revolucionario do Bierzo, inda que nado en Astorga, Antonio Fernández e Morales. Nós adherímonos ao pedido.

X.L. Méndez Ferrín 02.04.2016 

Ningún comentario:

Publicar un comentario