venres, 8 de abril de 2016

UN NOVO ARTIGO DE FERRÍN SOBRE MORALES

De novo nas páxinas do Faro de Vigo, na sección titulada No fondo dos espellos,  podemos atopar hoxe un magnífico artigo sobre Antonio Fernández Morales asinado por X.L. Mendez Ferrín.
Colgamos a continuación o texto íntegro.

O BRIGADEIRO DE CACABELOS: MEMORIA DE FERNÁNDEZ E MORALES


Neste libro de tempos románticos non aparece señor ningún de Bembrive senón pobo galego-falante e mal alimentado nunha paisaxe enunciada con elocuencia e vigor.

Piden as asociacións civís do Bierzo o Días das Letras Galegas para Antonio Fernández e Morales (1817-1896). El é autor dun libro precisoso en lingua galega, Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861) que non ten tido a aceptación pública de que é merecente. No Fondo dos Espellos apoiamos a petición do Bierzo.
Antonio de la Iglesia, na obra El idioma Gallego(1886), fai cronoloxía dos libros en galego que foron aparecndo no Rexurdimento. "Se produjo en el país un verdadero renacimiento literario. Dieronse a luz entonces muchísimos trabajos de tal índole en revistas literarias, periódicos y opúsculos(...) Ademas salieron dela prensa obras poéticas como A Gaita Gallega de Juan Manuel Pintos en 1853, Ensayos poéticos en dialecto berciano por Antonio Fernández y Morales (1861), Cantares Gallegos en 1863 y Follas Novas en 1888, ambas de nuestra malograda e insigne Rosalía de Castro, Espiñas, Follas e Flores de Valentín Lamas Carvajal en 1870 y 1876, Versos en dialecto gallego de José Pérez Ballesteros en 1878, Rumores d´os pinos (sic) de Eduardo Pondal en 1879, Aires da miña Terra de Manuel Curros Enríquez en 1880, Colección de poesías gallegas d´alguns autores por Francisco Portela Pérez en 1882, Poemas gallegos de Manuel González en 1887(...)"

E ben, a pesares de que os Ensaios de Morales foron o segundo libro en galego que se editou no noso Rexurdimento, a obra recibiuse con silencios e reticencias. Ciítana algúns historiadores da literaturade primera hora. Ademais de Antonio de la Iglesia, mencionas os Ensaios o P. Blanco García (1894), Carré Aldao (1911) e Couceiro Freijomil (1929), sen excesivo entusiasmo. Nos anos cincuenta do século XX, os Ensaios de Morales desaparecen por completo do manual de literatura e do tomo III da Escolma de poesía galega (1951 e 1957), obras ambas de F.F. del Riego que exerceron unha grande influencia canonizante. Carballo Calero, na Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963) trata  con distancia e certo desprezo a poesía de Fernández e Morales. Causas desta ma fortuna?



O autor preséntase como "Comandante de Infantería" (coido que chegou a Brigadeiro) e " inspector de Estadística", títulos que non soen asociarse á actividade poética, Mais, deixando a parte o feito de Castelao, pertencer  tamén ao corpo de Estadística, non podemos esquencer, que como nos informa  Balboa de Paz, Morales formou parte daquela revolución de 1854 que tanto impresionara a Marx e Engels e que  en Galicia rematou co Banquete Democrático de Conxo que consideramos acontecemento auroral do noso Rexurdimento. Por parte, Ensaios  sae á luz en león e sospeitámoslle unha fraca distribución na Galiciaadministrativa. A obra declárase escrita en " dialecto berciano" que hoxe non ten lugar nin existencia na conciencia xeral da lingua, e isto sobre todo despois da sistematización da dialectoloxía do idioma de que é autor Francisco Fernández Rei.Non se aprecian palabra exclusivamente "berciana", e ausencia de leonesismo morfolóxico, léxico e outros, mesmo pode chamar a atención dos lectores dos Ensaios que coñecen o cartulario de Bembrive. Certos castellanismos de Morales nunca aparecerían nun escritor da Galicia administrativa do século XIX, así por exemplo Cielo ou o vulgarismo -ao por -ado. sen embargo Morales sempre escribe galego, cousa que non fan nin pintos nin Rosalía.

A partir dos estudos citados Fernández rei e Balboa de Paz de X.H. Costas e no ronsel da actividade cultural galeguizante que se foi incrementando no Bierzo nos anos pasados, a figura de Antonio Fernández e Morales parece que chegou a ser xeralmente recoñecida e situada nun lugar de honra. un ensaio decisivo de Anxo Angueira n´A Trabe de Ouro ( nº 53, 2003) non deixou indiferente ao sector académico que traballa no eido histórico das nosas letras. Xosé Ramón Pena, na súa Historia  da Literatura (2014) coloca correctamente Fernández  e Morales e trata  da súa figura con acerto crítico, ao tempo que escorrenta os vellos prexuízos que a embarazan.

 Sobre unha base popular e realista, nos Ensaios o pobo é presentado en forma de grandes multitudes que xogan e traballan sen que ninguén poida achar nestas pinturas nin unha moutela de Antonio de Trueba. Non todo é costumismo en Morals, abofé. O poema que se inicia cun endecasílabo de tersura clásica, ( "Piramidais medeiros de herba e palla") anuncia , de lonxe, lonxe, o formalismo de Pondal e vaamondeLores. A métrica é habilidosa e o catálogo das estrofas de Morales agrada polo variado. Un realismo, ás veces brutal e tremendista, pode chegar a desconcertar un lector inocente que esperase recrearse con amenidades anacreónticas neste libro de tempos románticos no que non aparece señor ningún de Bembrive senón pobo galego-falante e mal alimentado nunha paisaxe enunciada con elocuencia e vigor. E , finalmnete, velaí o urso, que irrumpe nun episodio de caza maior que é o mellor relato deste xénero cinexetico que eu coñeza nas literaturas hispánicas.

X.L.Méndez Ferrín  09/04/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario