Non era un descoñecido para os académicos, pero a figura de Carlos Casares provocou máis adhesiois no Plenario de onte, de modo que Antonio Fernández Morales terá que esperar para outro ano a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas, pero non será o 2017. Preguntámonos sobre as consecuencias desta nova espera que a RAG acaba de acordar e se, dada a premura coa que se precisa abordar a cuestión lingüística no Bierzo, esta decisión pode ser máis ou menos contraproducente para o proceso de normalización lingüística que muitos aspiramos a poñer en marcha na comarca.
O que non vai esperar é a celebración que no Bierzo comezará a andar no próximo mes de setembro, con motivo do seu Bicentenario.
Agradecemos primeiramente todos os apoios e agarimos recibidos durante este proceso intenso de posta en marcha da candidatura ata chegar ao Plenario da RAG. Somos conscientes de que cando preparamos e pedimos para Morales este Día das Letras facíamolo cargados de razois xustas para lograr esta meta. Mais agora toca deterse un chisco para realizar dúas valoraciois en voz alta sobre a resolución do Plenario sobre as Letras Galegas do 2017 que queremos facer chegar a través desta pequena reflexión en quente.
Se ben o noso autor (e esta é a primeira das valoraciois) esta sendo cada vez máis coñecido e considerado nun proceso que levamos varias décadas impulsando dende o Bierzo, perdemos nesta ocasión unha grande oportunidade para lograr a súa incorporación plena ao elenco de autores do Rexurdimento, facendo coincidir o bicentenario do seu nacemento coa celebración como autor no Día das Letras. Como é lóxico, neste proceso de reivindicación literaria contamos de sempre coa colaboración xenerosa de numerosos amigos e amigas de Galicia, apoio que de novo reclamamos para os eventos que pensamos poñer en marcha no 2017,
A segunda valoración é a nosa preocupación por ter que abordar o Bicentenario de Morales, que para nós vai indisolublemente unido ao devir da lingua galega no Bierzo, dende a marxinalidade xa non só xeográfica, senon tamén mediática porque o feito de situar a Fernández Morales como centro de interese para toda Galicia, de seren homenaxeado no Día das Letras suporía un importante baluarte para fortalecer no propio Bierzo, xa non digamos en Galicia, a idea de que os galegosfalantes da nosa comarca formamos parte desa Gallaecia cultural que cohesiona o idioma. Suporía erguer un poderoso dique de contención á alarmante perda de falantes que ano a ano se constata.
Recibimos, pois, esta resolución do Plenario cunha clara e máis que contundente decepción. As espectativas ambiciosas que no Bierzo tiñamos vense seriamente frustradas. Preguntámonos cal será o apoio real que recibiremos dende Galicia para este 2017 que se aproxina. Nosoutros luitamos e esperamos que as actividades que pretendemos levar a cabo, aínda así, contribúan eficazmente a eses dous obxectivos que puxemos enriba da mesa coa candidatura: o recoñecemento integral do autor e avanzar considerablemente no proceso de normalización da lingua que escolleu o escritor, lembremos a súa idea de legar á posteridade esta lingua á hora de compoñer varios miles de versos na fala popular do Bierzo.
Cando solicitamos a presenza de Galicia neste proceso facémolo coa conciencia de que precisamente a lingua e os textos de Morales forman parte indiscutible da cultura que grazas ao idioma compartimos bercianos e galegos, unha cultura necesitada, non só na nosa comarca (onde a situación é especialmnete acuciante), se non, no seu conxunto,unha cultura que precisa de novos e decididos pulos para lograr un futuro mellor ante o que hoxe nos sentimos un pouco máis débiles e inseguros ao outro lado do Cebreiro, dende estas terras do galego oriental.
Hécto M. Silveiro Fdez
Ningún comentario:
Publicar un comentario